Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O goberno de Ares contradícese sobre o uso das cámaras de videovixiancia do Concello

Written By Virgulino on 25/2/08 | 19:19

A entidade local, quen asegurou ante o Valedor do Pobo que os dispositivos non rexistraron imaxes, afirma agora que as cámaras estiveron gravando ata que se tivo constancia de que carecían de autorización

O Concello de Ares volveu sorprender á asociación que traballa pola defensa dos dereitos civís na Galiza logo de que saíse publicado nun medio de comunicación unhas informacións que contradín as afirmacións que o goberno local realizou ante o Valedor do Pobo a respecto do funcionamento das cámaras instaladas no edificio consistorial, de xeito ilegal. Segundo saía publicado na prensa, “desde o goberno municipal manifestouse que as cámaras non están en funcionamento desde que se ten coñecemento da irregularidade”, así como que xa se solicitaron os permisos pertinentes, “algo que poderá facerse efectivo en cuestión de días”. Non obstante, no escrito remitido ao Valedor do Pobo, a entidade municipal asegura que “os equipos instalados no exterior do Concello, unicamente teñen un efecto disuasorio, xa que non rexistran imaxes aínda, e polo tanto ata non ter a autorización pertinente, non se rexistran imaxes de ningunha índole”. Dende o MpDC indican que ambas explicacións son contraditorias e, ou ben o goberno de Ares mentiu ao Valedor do Pobo, ou ben transmitiu unha información errónea ao xornalista, xa que no documento remitido ao Valedor non se menciona en ningún momento que os dispositivos de videovixiancia estiveron gravando aos cidadáns durante un tempo. Do mesmo xeito tampouco se explica que foi das imaxes tomadas nin quen se encargou da súa xestión, no caso de que realmente existisen.

A asociación lembra ao Concello o seu deber de respectar a lexislación vixente en materia de videovixiancia e a súa obriga de retirar todas as cámaras, xa que ata o momento non conta coa autorización correspondente. Do mesmo xeito solicita á Delegación que non conceda este permiso, xa que a efectividade destes sistemas de control cidadá non está probada, existen precedentes de uso fraudulento por parte das Forzas e Corpos de Seguridade e o argumento do “efecto disuasorio” manexado polo Concello de Ares para xustificar a instalación dos dispositivos non semella adecuarse aos principios de idoneidade e proporcionalidade estabelecidos pola normativa actual. Así mesmo, dende a asociación lembran que as cámaras supoñen un método que invade directamente o dereito a intimidade e a vida privada das persoas, dereitos fundamentais recollidos na Constitución, cando existen alternativas menos intrusivas.

0 comentarios:

Publicar un comentario