Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos Civís presenta unha queixa contra o Concello da Coruña pola falta de interese en aclarar unha agresión a un cidadán

Written By Virgulino on 8/2/08 | 18:14

A entidade local obviou a petición da asociación de tomar medidas contra uns axentes municipais que detiveron e golpearon a un senegalés


A asociación que defende os dereitos do cidadán na Galiza acaba de presentar unha queixa no Valedor do Pobo ante a falla de interese mostrada polo Concello da Coruña á hora de aclarar as circunstancias que rodearon á detención e a agresión por parte duns policías locais a un cidadán de orixe senegalesa. O Movemento polos Dereitos Civís presentou un escrito ao Concello a principios do pasado mes de decembro no que solicitaba que adoptase as medidas disciplinarias oportunas fronte aos membros da Policía Local que participaron nesta acción violenta contra Mouhamadou Bambr Diop que, ata o momento, non foi contestado. A entidade municipal obviou dar unha resposta na que explique as razóns que manexaron aos axentes implicados para extralimitarse nas súas funcións e levar a cabo unha actuación desproporcionada á que acudiron ata cinco motos e dou coches para “reforzar” o operativo. Tampouco aclarou se ten previsto iniciar algún tipo de investigación para depurar responsabilidades ou adoptar medidas disciplinarias cos implicados, de xeito que se cumpra coa normativa vixente nesta materia e de cara a evitar actuacións semellantes no futuro.

Os feitos sucederon en outubro de 2007, cando unha patrulla detivo ao senegalés mentres se atopaba na rúa Barcelona. Segundo describían os veciños do lugar que presenciaron a agresión, un dos policías golpeou durante quince minutos a Mouhamadou Bambr Diop, un albanel de 27 anos, coa porra e o puño, ao tempo que lle rabuñaba e tiraba das fazulas, un feito que motivou a indignación dos transeúntes que comezaron a recriminar aos funcionarios.


O Concello demostra co seu silenzo unha falta de interese por iniciar os trámites para restaurar a legalidade, deixando impunes uns feitos nos que se violou o dereito fundamental deste cidadán á integridade física, nos que se puxo en práctica unha política baseada na violencia física e que, sen dúbida, afonda na falla de confianza dos cidadáns nas institucións públicas, posto que as persoas que teñen ao seu cargo o deber de salvagardar os dereitos e liberdades son os primeiros en vulnerar ditos preceptos. Ademais, obviar accións ilegais como esta supón amparar unha actitude por parte das Forzas e Corpos de Seguridade que se asemella máis á actitude dunha banda de gángsters que a un funcionariado responsábel de garantir as liberdades, que incumpre a normativa dende o momento en que procede á detención dun individuo pola súa cor de pel, e que abusa da súa posición para vexar aos cidadáns.

0 comentarios:

Publicar un comentario