A actitude dos magistrados demostra unha actuación parcial da Xustiza, xa que obvia todos os dereitos de Mamadou Kane que foron violados polos axentes
O Tribunal Supremo vén de demostrar un novo caso de administración parcial da xustiza coa súa decisión de manter o indulto aos catro policías locais de Vigo que secuestraron ilegalmente e logo agrediron ao senegalés Mamadou Kane. Ao entender do maxistrado Agustín Puente a actuación fóra da lei de catro paxentes locais non entra en contradicción co chamado Estado de Dereito, a pesar de que o mesmo Tribunal ratificara a condena de cárcere aos axentes Celso Alonso Blanco, Elena Fernández Bouzas e Sebastián Fernández Estévez e Xoán Manuel Pérez Rodríguez, así como a expulsión do Corpo policial por considerar probados os feitos ocurridos en 1997, nos que os dereitos fundamentais de Mamadou foron brutalmente violados pola decisión arbitraria duns supostos defensores da seguridade e os dereitos dos cidadáns. A sentenza do alto tribunal confirma o indulto concedido en 2005 polo Consello de Ministros, órgano que tampouco atopou ningunha anormalidade no comportamento destes catro policiais que decidiron pola súa conta reter e mallar nun individuo sen máis motivación que a cor da súa pel.
Unha vez coñecido o indulto, a defensa do Kane presentou recurso de casación que se fundamentaba na falta de motivación dos indultos, a ausencia de audiencia do denunciante, varios defectos no informe do tribunal sentenciador e a imposibilidade de conceder esta medida de graza a penas de inhabilitación total. Aínda así, o Consello de Ministros e agora o alto tribunal decidiron “compensar” as accións brutais dos policiais concedéndolle a absolución das condenas. Por este motivo, o Movemento polos Dereitos Civís expresa a súa máis enérxica condena contra esta decisión e anima aos responsábeis de impartir a xustiza no Estado español que antepoñan o seu deber de defender o marco legal e garantir o cumprimento dos dereitos dos cidadáns á defensa corporativista dos órganos da administración pública.
A decisión resulta aínda máis ferinte se se ten en conta que mentres os axentes municipais de Vigo quedaron en liberdade e foron restituídos nos seus postos de traballo, os tres veciños do Eixo permanecen no cárcere, sen que polo momento se perciba unha intención destinada a concesión da absolución, xa que non “pediron desculpas” polas supostas agresión a un policía durante unha manifestación. Non entanto, os axentes vigueses, que probadamente se extralimitaron nas súas funcións, non se viron na obriga de mostrar arrepentimento polas súas accións nin de cumprir coas penas que a legalidade que din defender lles impón. Por isto, o MpDC insta a toda a sociedade galega a manifestar a súa repulsa contra o indulto a estes catro funcionarios, cuxo comportamento se asemella máis ao duns gángster que ao duns traballadores ao servizo dos cidadáns.,
0 comentarios:
Publicar un comentario