Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC rexeita as declaracións corporativas do Sindicato Unificado de Policía contra a petición de indulto dos tres veciños do Eixo

Written By Virgulino on 22/12/07 | 11:52

O representante do colectivo reprobou ao alcalde compostelán por mediar no proceso de excarceración como responsable da administración local

O Movemento polos Dereitos Civís quere transmitir o seu rexeitamento polas declaracións do Sindicato Unificado da Policía aparecidas estes días nos medios de comunicación, nas que censuraba ao alcalde de Santiago de Compostela por terse posicionado a favor da solicitude de indulto para os tres veciños do Eixo, condenados por unha suposta agresión a un axente durante unha manifestación en 1998, para reclamar máis seguridade viaria. Coas súas afirmacións, o colectivo demostra que está a actuar dun xeito corporativista, na defensa dunha sentenza acaecida logo dunha investigación chea de baldeiros e contradicións nas declaracións policiais.

O argumento do representante do SUP contra o rexedor compostelán baséase en que os tres veciños do Eixo non pediron perdón nin desculpas ao axente ferido polo que non ten sentido que reclamen o indulto, xa que “se ten que dar un arrepentimento”, segundo lembraba o representante dos policías, quen aseguraba, ademais, que indultar aos tres encarcerados suporía “un grave precedente”. Non obstante, non recordou o axente que o Ministerio de Xustiza concedeu en 2005 o indulto a catro policías locais de Vigo logo dunha sentenza en firme por deter e agredir a un cidadán senegalés, Mamadou Kane, sen ter motivos xustificados para tal acción. Un proceso moito máis claro e onde si que se demostrou que os axentes excederan as súas competencias e vulneraran os dereitos de Mamadou e que, aínda así, non pediron “nin perdón nin desculpas” ao agredido. O MpDC pregunta ao SUP se non senta tamén un “grave precedente” que os tres axentes continúen exercendo o seu traballo, aínda que sexa, segundo o concello de Vigo, facendo tarefas administrativas, ou se están a favor de instaurar dúas varas de medir na aplicación da xustiza.

Tamén anunciaron dende o SUP que o alcalde “non será ben recibido nos actos da policía” por ter mediado na petición do indulto, cando non fixo outra cousa máis que representar institucionalmente aos veciños, aos que se debe, e que foron sometidos a un proceso no que a cidadanía manifestou o seu claro rexeitamento en múltiples ocasións. Semella que dende o Sindicato dos policías pretenden exercer unha forte presión ás institucións públicas de cara a evitar que se posicionen publicamente a favor dos veciños do Eixo, xa que se encargaron de lembrarlle a Sánchez Bugallo que o corpo da Policía Local está baixo o seu mando e “ningún axente está libre de sufrir unha agresión”, así como á Delegación do Goberno, posto que ameazaron con non intervir noutras mobilizacións sociais. A afirmación lévanos a cuestión de se as Forzas de Seguridade do Estado entender o seu traballo nada máis que como un sistema de represión aos cidadáns e non como o que deberían ser, uns instrumentos de protección dos que se poida valer a sociedade. Resulta cansino escoitar unha e outra vez esa argumentación do SUP cando en ningún momento se posicionaron en contra do indulto dos policías de Vigo: persoas que xuraron e cobraban por velar polos dereitos dos cidadáns.

0 comentarios:

Publicar un comentario