O MpDC denunciou en reiteradas ocasións a ilegalidade destes dispositivos de control en varios municipios por incumprir a normativa vixente
O Goberno vén de confirmar o que o Movemento polos Dereitos Civís ten denunciado en numerosas ocasións: tan só dous concellos galegos contan cos permisos necesarios para ter cámaras de videovixiancia. Nunha resposta ao senador nacionalista, Francisco Jorquera, o Goberno certificou que na Galiza están rexistrados 75 dispositivos autorizados nas cidades da Coruña e Santiago de Compostela, non obstante, os concellos de Ares, O Grove, Lugo ou Fisterra instalaron ou informaron de que instalarían cámaras de vixilancia, a pesar de non posuír o permiso correspondente. A normativa vixente que regula a instalación das cámaras de seguridade nos espazos públicos obriga a cumprir cos principios de “proporcionalidade e idoneidade”, para o que se fai preciso que unha Comisión de Garantías de Videovixiancia autorice previamente á instalación, e prohibe a súa utilización en canto non se cumpra con todos os requisitos. Aínda así, o Movemento polos Dereitos Civís ten constatado que tanto os dispositivos de Santiago de Compostela, como os da estación de autobuses da Coruña estiveron en funcionamento varios meses sen contar con autorización, que non foi solicitada ata que o MpDC denunciou esta ilegalidade ante a Delegación do Goberno (institución encargada de outorgar as autorizacións).
A este respecto cabe destacar que no escrito do Goberno tamén se afirma que “non existe constancia de que se teña imposto ningunha sanción derivada do regulamento da Lei 4/1997 en Galiza”. De feito, a Delegación do Goberno outorgou os permisos necesarios a ambos os dous concellos meses despois de que as cámaras estivesen instaladas sen impor ningunha multa ás administracións locais por infrinxir á lei. E tanto é así, que municipios como o de Ares posúe os dispositivos sen iniciar os trámites para lograr as licenzas. Con estes feitos, queda demostrado que en Galiza non existen as garantías mínimas que aseguren o cumprimento da Lei de Videovixiancia, menos cando a institución que debe resgardar o cumprimento da normativa se limita a denegar unha información que é de carácter público, razón pola que o Defensor del Pueblo aceptou a pasada semana unha nova queixa contra esta institución. Incluso, recentemente, a Delegación do Goberno negouse a informar se o Concello de Santiago solicitara a renovación dos permisos das cámaras instaladas nas súas rúas.
Fraude de lei
Segundo a resposta facilitada polo Goberno, e logo de que a Delegación do Goberno se negase en numerosas ocasións a facilitar ao MpDC unha relación de concellos coas devantidas licenzas, as cámaras da Coruña atópanse instaladas “nas casas consistoriais e servizos económicos do concello, rúa da Franxa, edificio da Policía Local, garaxe da Policía Local na rúa Orillamar e na estación de autobuses. Mentres que as de Compostela están ubicadas na Costa do Cristo, soportais do Pazo de Raxoi, avenida de Raxoi, Praza do Obradoiro, Praterías, Quintana, Cervantes, Toural, San Francisco e Pazo do Parlamento de Galiza”. Aínda así, no escrito non se fai referencia aos dispositivos de control de tráfico que ambos os dous municipios empregan tamén para tarefas de “seguridade cidadá”, o que supón un fraude de lei ao burlar os requisitos establecidos pola lexislación vixente, nin ás cámaras instaladas na rúa Parrote ou na Praza do Humor da cidade herculina.
Así mesmo, Dereitos Civís ten detectado a utilización das cámaras de Tráfico de Ribeira para denunciar a dous veciños que se viron involucrados nun altercado, a utilización das cámaras de tráfico da Praza de Galiza en Santiago de Compostela para o control dunha concentración sindical que non invadía a vía pública e onde xa se encontraban axentes da Policía Local, as da Coruña para o control das mobilización dos funcionarios, ou no caso de Ourense onde se empregaron para a detención dun cidadán.
A todo iso hai que sumar o feito de que non se facilita o dereito de acceso, tal e como contempla a lexislación, e no caso de que un cidadán logre exercer ese dereito é varios meses despois de solicitalo e sempre e cando a administración involucrada non afirme que non realiza gravacións. Feitos que demostran, unha vez máis, a falla de garantías coa que se enfrontan cada día os cidadáns galegos á hora de veren garantidos o cumprimento dos seus dereitos.
O Goberno confirma que só dous concellos galegos contan con autorización para ter instaladas cámaras de videovixiancia
Written By Virgulino on 17/12/07 | 15:15
Etiquetas:
Concello da Coruña,
Concello de Ares,
Concello de Fisterra,
Concello de Lugo,
Concello de Ourense,
Concello de Ribeira,
Concello de Santiago de Compostela,
concello do grove,
Defensor del Pueblo,
Delegación do Goberno,
Dereito ao honor intimidade e á imaxe,
Dereito de Acceso,
Videovixilancia
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario