Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Movemento polos Dereitos Civís chama aos galegos a participar na manifestación para solicitar o indulto para os tres veciños do Eixo

Written By Virgulino on 14/12/07 | 15:58

A mobilización terá lugar o vindeiro domingo na Alameda compostelana

O Movemento polos Dereitos Civís anima a todos os galegos a participaren na manifestación que terá lugar o vindeiro domingo na Alameda de Compostela, a partir das 12:30 horas, a favor do indulto para os tres veciños do Eixo. O MpDC traslada todo o seu apoio a Simón Márquez, José Moreira e Jesús Montoiro que permanecen no cárcere de Curtis dende o pasado 30 de Outubro, por supostamente, agredir a un policía nacional mentres participaban nunha mobilización para pedir máis seguridade viaria en 1998 e reclama á cidadanía galega que acuda a protesta para demostrar a súa inconformidade cunha decisión xudicial arbitraria, baseada nunha investigación chea de baldeiros e contradicións nas declaracións dos policiais. A este respecto, o propio irmán do axente supostamente agredido polos tres do Eixo declarou que este mentira ao xuíz durante o proceso.

O Movemento polos Dereitos Civís reitera a petición de indulto ao Ministerio de Xustiza que, contradicindo toda lóxica negou este dereito aos tres veciños do Eixo mentres que no ano 2005 indultou aos catro policías locais de Vigo que detiveran e agrediran a un cidadán senegalés, cando estaba máis que demostrado que se excederan nas súas funcións e vulneraran os dereitos de Mamadou Kane. Por esta razón, dende o MpDC animamos a toda a sociedade galega a mostrar o seu apoio ás mobilizacións a favor do indulto dos tres veciños do Eixo e na contra dun sistema que criminaliza a veciños inocentes cando saen ás rúas a defender os seus dereitos, mentres que deixa en liberdade aos verdadeiros culpábeis.

0 comentarios:

Publicar un comentario