Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Xulgado da Coruña acepta contencioso contra a Delegación do Goberno por negarse a facilitar unha listaxe dos concellos galegos con videocámaras

Written By Virgulino on 2/10/07 | 14:57

O MpDC solicitou fai un ano, amparado na lexislación vixente, unha relación dos municipios nos que hai colocados estes dispositivos

O Xulgado do Contencioso Número 2 da Coruña aceptou nos últimos dias un contencioso contra a Delegación do Goberno. O Movemento polos Dereitos Civís reclamara ante a lei pola negativa da institución estatal a facilitar unha listaxe dos concellos galegos que contan con permisos para instalar cámaras de videovixiancia.

O pasado mes de outubro do 2006, o MpDC acudira por escrito á Delegación do Goberno para solicitar unha listaxe na que se incluíran os concellos galegos que contaban cunha autorización para a colocación de cámaras de videovixiancia. Pasados sete meses, en abril do 2007, a Delegación dirixiuse ao MpDC negando estes datos e alegando que ese rexistro non ten carácter público.

Incumprindo a lei unha vez máis

A contestación da Delegación incumpre a lexislación, xa que a propia Lei de Videovixiancia establece claramente que a información será de carácter público. Así, no artigo 9 da Lei 4/97 (de Videovixiancia) afírmase que “o público será informado de xeito claro e permanente da existencia de videocámaras fixas, sen especificar o seu emprazamento, e da autoridade responsable”, co cal queda clara a vontade de darlle a maior publicidade posíbel.

Do mesmo xeito, na na lei 5/92 de 29 de Outubro que complementa á anterior, hai un artigo, o 13, que regula o Dereito de Información, e que afirma que “calquera persoa poderá coñecer, a existencia de ficheiros automatizados de datos de carácter persoal, as súas finalidades e a identidade do responsable de ficheiro”. Obviamente, as gravacións das videocámaras constitúen datos de carácter persoal e de feito están atinxidas tamén pola Lei de Protección de Datos.

En concreto, o artigo 2 da Lei Orgánica de Protección de Datos, establece que a mesma será de aplicación a calquera dato de carácter persoal, rexistrado en soporte físico, que os faga susceptíbeis de tratamento, e a toda modalidade de uso posterior destos datos polos sectores público e privado. Ademais, no artigo 3 di que se entende por dato de carácter persoal calquera información atinxinte a persoas físicas identificadas ou identificábeis

Dende o MpDC queremos felicitar ao Xulgado da Coruña que aceptou este contencioso, esperemos que na procura de garantir os dereitos e liberdades dos cidadáns, e non como un mero trámite administrativo que non chegue a ningún fin.

0 comentarios:

Publicar un comentario