Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Denuncian ante Protección de Datos as vídeocámaras instaladas na casa de Francisco Vázquez

Written By Virgulino on 18/7/07 | 14:28

Apuntan cara a vía pública sen informar aos afectados da gravación, polo que poderían violar a legalidade

O Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) presentou hoxe unha queixa formal ante a Axencia Española de Protección de Datos pola existencia de vídeocámaras na casa de Francisco Vázquez, ex-alcalde na Coruña e actual embaixador do Estado no Vaticano, na mesma cidade na que rexira durante moitos anos. Como pode comprobar calquera cidadán que pase pola rúa Parrote, as cámaras, instaladas na fachada exterior, apontan cara a vía pública.

Para que as cámaras fosen legais, terían que cumprir unha serie de garantías exixidas por lei, que teñen como función velar polos datos personais –entre os que se inclúen, como é obvio, as imaxes gravadas- e aminorar as posíbeis consecuencias destes dispositivos. Entre outras, os afectados teñen que coñecer con claridade que están a ser gravados –por iso se sinalan os lugares gravados polas institucións por medio duns carteis informativos, de cor azul- e debe existir un ficheiro de recollida de datos, onde se aclare ademais cal é a función exacta para a que se recollen.

O MpDC pedirá que a Axencia investigue se estas cámaras cumpren con estes supostos legais, o que parece máis que improbábel aparentemente. Como é obvio, non se trata tampouco dun caso máis dentro da dinámica de vixilancia e policialización da sociedade na que vivimos; así, non podemos deixar de sinalar que é especialmente grave que o que foi o máximo mandatario municipal e aínda un importante cargo do Estado, teña en tan pouca estima os dereitos (á intimidade, á privacidade, etc…) dos cidadáns aos que representou, e ademáis por medio dun incumprimento da propia legalidade do Estado que lle paga uns elevados honorarios.

0 comentarios:

Publicar un comentario