Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A delegación declara "de carácter reservado" os informes sobre a actuación policial en Reganosa

Written By Virgulino on 30/7/07 | 14:21

A institución estatal afirma que facilitar o informe no que consideraba que as manifestacións poderían provocar unha traxedia ou informar de por que se agrediu a un xornalista da Radio Galega é de "difusión prohibida".

A Delegación do Goberno remitiu ao Movemento polos Dereitos Civís un escrito onde declaraba “de carácter reservado” os informes sobre a actuación policial efectuada fai unhas semanas no conflito de Reganosa en Ferrol. Ademais, esta institución non tivo problemas en afirmar que facilitar o informe no que consideraba que as manifestacións poderían provocar unha traxedia ou mesmo informar de por que se agrediu a un xornalista da Radio Galega é de “difusión prohibida”.

Hai que lembrar que o pasado 9 de maio un amplo operativo desenvolveuse por terra, mar e aire impedindo o lexítimo dereito dos mariscadores ao seu traballo. Ademais, a entrada da ría fora bloqueada en dúas ocasións anteriores sen que acontecese ningunha traxedia, e a Delegación non achegou, no seu día, ningún dato que xustificase esa posibilidade.

Uns días despois, o 29 de maio, era de novo a Delegación de Goberno a que provocaba unha batalla campal en Ferrol, para permitir o paso dun novo gaseiro, do cal tampouco se preavisou aos mariscadores. A Policía Nacional cargaba de forma brutal e indiscriminada contra os cidadáns concentrados pacificamente no porto.

Ante a pregunta por parte do Movemento polos Dereitos Civís á Delegación do Goberno pola xustificación de tales actuacións, ademais de non obter unha resposta convincente, declaran agora que os informes son “de carácter reservado”. Este silencio por parte desta institución do Estado da conta unha vez máis de como queren esconder unha neglixencia clara das Forzas de Seguridade, que cargaron brutalmente contra uns cidadáns que se manifestaban en defensa da seguridade de todos e todas os veciños da zona afectada pola perigosidade manifesta de Reganosa.

O MpDC quere denunciar publicamente esta falla de transparencia e información nas actuacións da Policía Nacional na carga contra os mariscadores da ría de Ferrol e mostrar a súa desconformidade total co comportamento da Delegación de Goberno. Máis que unha institución ao servizo dos cidadáns semella un caixón onde se esconden as actuacións neglixentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

mais información.

0 comentarios:

Publicar un comentario