Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Delegación do Goberno xustifica o dispositivo policial na Ría de Ferrol pola posibilidade dunha “traxedia”

Written By Virgulino on 29/6/07 | 10:52


Os mariscadores non estaban a realizar ningunha actividade ilegal, xa que deberían ter sido preavisados con antelación

Ampara a violencia policial para permitir o paso do gaseiro coa excusa da seguranza


A Delegación do Goberno vén de informar ao Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) a respeito da dispositivo policial desplegado na ría de Ferrol para permitir o paso do gaseiro “Galicia Spirit” até as instalacións de REGANOSA, o pasado 9 de maio. Segundo a Delegación, “un novo intento de bloqueo da ría” podería ocasionar unha “traxedia” dentro dunha “elevada posibilidade”, o que tería xustificado, a petición da Autoridade Portuaria, a proporcionalidade da intervención policial.


Porén, segundo a legalidade vixente, os mariscadores non exercían ningunha actividade ilegal, xa que só pretendían dirixirse ao seu lugar habitual de traballo. En todo caso terían que ter sido advertidos con antelación, para que manteñan libre a canal da ría e así facilitar a entrada de calquera buque Foi a Delegación do Goberno a que non permitiu o seu dereito ao traballo, sen que existise ese preceptivo preaviso, e mobilizou a forzas policiais e militares para defender os intereses dunha empresa privada.


Há que lembrar que un amplo operativo desenvolveuse nese día por terra, mar e aire, e que impediu o lexítimo dereito dos mariscadores ao seu traballo. Ademáis, a entrada fora bloqueada en dúas ocasións anteriores sen que acontecese nengunha traxedia, e a Delegación non achega ningún dato que xustifique esa posibilidade.


Ademáis, uns días despois, o 29 de maio, de novo era a Delegación do Goberno a que provocaba unha batalla campal en Ferrol para permitir o paso doutro gaseiro, o Mouraud Didouche, do cal tampouco existía preaviso. A Policía Nacional cargaba brutalmente e de forma indiscriminada contra os cidadáns concentrados pacificamente no porto. Ademáis contou coa colaboración de forzas militares e detivo ao Patrón Maior da Cofradía, Bernardo Bastida.

Aínda non hai resposta sobre a oportunidade desta carga, aínda que todo fai supoñer que a Delegación aludirá de novo a razóns de seguridade cidadá para xustificar os golpes contra os cidadáns.


Desde o MpDC entendemos que o perigoso é ordenar que as forzas de seguridade ataquen desta maneira contra as liberdades da poboación cando está a denunciar precisamente a posibilidade dunha catástrofe ante a ausencia dun plan de emerxencias en Reganosa.

Precisamente unha emerxencia na regasificadora si que podería constituír unha auténtica traxedia para a poboación e para a natureza.


Por último, é moi grave que a administración se refira con tanta lixeireza a situacións de alarma cando estas non existen, para xustificar a utilización da forza para permitir o paso do buque, única razón do desplegamento do dispositivo, das cargas policiais e da detención.

0 comentarios:

Publicar un comentario