Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Delegación do Goberno négase a facilitar os dados das cámaras de vixilancia existentes en Galiza

Written By Virgulino on 19/4/07 | 11:30


A lexislación establece que esta información debe ser de coñecemento público

A Delegación do Goberno Español en Galiza non quer dar a coñecer os listados dos concellos autorizados para instalar cámaras de vídeovixilancia en Galiza, afirmando que o rexistro non ten carácter público. O MpDC solicitara esta información o 30 de outubro de 2006.

Con esta actitude, a Delegación do Goberno impide que a cidadanía coñeza uns dados de importancia para os seus dereitos. Supón todo un absurdo que se poida coñecer a situación de cada concello se se pregunta expresamente polo mesmo, e que colectivamente non se poida acceder a esa información. De feito, no mesmo escrito a Delegación do Goberno informaba ao MpDC da situación no Concello de Lugo, ao igual que ten feito noutros casos.

Como é coñecido, diversas cidades e vilas de Galiza optaron nos últimos anos por colocar cámaras de videovixilancia ou estudar a súa instalación para en lugares moi concorridos, como medida de “seguridade” adicional ás funcións dos Corpos de Seguridade. Sen embargo, tense comprobado que son unha clara intromisión no dereito á intimidade e á propia imaxe, sen que os procedimentos garantistas estipulados para a cidadanía (acceso ás imaxes, garantía da destrucción inmediata das imaxes que non se utilizan) se cumpran; ademáis resultan dunha escasa utilidade, xa aínda non serviron para resolver ningún delito, que en teoría a súa función.


Ademáis a contestación da Delegación incumpre a lexislación, xa que a propia Lei de Videovixilancia establece claramente que a información será de carácter público. Así, no artigo 9 da Lei 4/97 (de Videovixilancia) afírmase que “o público será informado de xeito claro e permanente da existencia de videocámaras fixas, sen especificar o seu emprazamento, e da autoridade responsable”, co cal queda clara a vontade de darlle a maior publicidade posíbel. Do mesmo xeito, na na lei 5/92 de 29 de Outubro que complementa á anterior, hai un artigo, o 13, que regula o Dereito de Información, e que afirma que “calquera persoa poderá coñecer, a existencia de ficheros automatizados de datos de carácter persoal, as súas finalidades e a identidade do responsable de fichero”. Obviamente, as gravacións das vídeocámaras constitúen datos de carácter persoal e de feito están atinxidas tamén pola Lei de Protección de Datos. En concreto, o artigo 2 da Lei Orgánica de Protección de Datos, establece que a mesma será de aplicación a calquer dato de carácter persoal, rexistrado en soporte físico, que os faga susceptíbeis de tratamento, e a toda modalidade de uso posterior destos datos polos sectores público e privado. Ademais, no artigo 3 di que se entende por dato de carácter persoal calquer información atinxinte a persoas físicas identificadas ou identificábeis

A lexislación establece unha serie de procedementos garantistas que non son prioritarios para a Delegación do Goberno; así, para contar coa licencia para poñer cámaras na rúa, os Concellos deben formular unha petición ante o Delegado do Goberno que este debe transmitir a unha Comisión de Garantías da Videovixilancia (Lei Orgánica de Videovixilancia 4/1997, a partir de agora LO4/97), quen debe analizar a idoneidade ou non da implantación do sistema de videovixilancia na vía pública. Queremos lembrar que xa existen xa existen exemplos onde se desestimou por motivos legais a instalación de vídeocámaras: así, a Comisión de Garantías da Videovixilancia de Valencia indicoulle ao Concello de Crevillent no 15 de febreiro de 2006 que a instalación de cámaras de videovixilancia constitúe un sistema de control que "debe considerarse excepcional e, en consecuencia, reservarse para circunstancias igualmente excepcionais".

O MpDC non pide ser informado do lugar exacto de ubicación das cámaras en cada concello–que non é exixíbel por lei- pero si ten dereito a coñecer o número de localidades que contan coa autorización para as instalar, e que en todo caso debera responder a circunstancias excepcionais e xustificadas.

0 comentarios:

Publicar un comentario