Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento polos Dereitos Civís propón a Mamadou Kane para a Medalla de Ouro da cidade de Vigo

Written By Virgulino on 19/3/07 | 13:17



A oposición municipal propón ao corpo policial polos seus 125 anos de historia cando catro dos seus axentes en activo foron condenados por torturas tras un secuestro racista

O MpDC quer manifestar a súa indignación ante a petición da oposición no Concello de Vigo (BNG, PSdeG e PG) da concesión da Medalla de Ouro para a Policía Local, para o que todos os seus concelleiros solicitaron un Pleno extraordinario o pasado venres, ao non compartir a proposta inicial da alcaldesa, Corina Porro (PP) de deixala deserta.

Catro dos axentes en activo da Policía Local foron condenados por tortura contra o cidadán senegalés Mamadou Kane, nun suceso que tivo lugar hai dez anos e que rematou coa reincorporación dos policías locais ao mesmo corpo para o que agora se pide un recoñecemento. Curiosamente, a oposición inclúe na mesma petición de Medalla de Ouro á Rede Veciñal contra os Malos Tratos.

Pola contra, o MpDC entende que quen ten méritos de sobra para receber a Medalla de Ouro da Cidade é Mamadou Kane, un cidadán traballador que foi acollido pola cidade de Vigo, onde se gañou a vida e traballou para manter a súa familia en Senegal, e que se convertiu ao seu pesar nunha víctima da violencia racista e tamén nun símbolo da loita polos dereitos humanos. Entendemos que sería un acto de xustiza e de reparación simbólica, aínda que sempre insuficiente, para Mamadou Kane, quen tivo que vivir co medo constante a que lle volvese a suceder algo parecido, sufrindo dores de cabeza e experimentando medo ao saír só á rúa. O MpDC enviará un escrito para suxerir a goberno local e aos grupos políticos da oposición que lle concedan este galardón a Kane.

A proposta faise con motivo do 125 aniversario da Policía Local, pero non podemos esquecer o que aconteceu precisamente na última década. Cabe lembrar ademáis, que o conflito entre oposición e goberno de Vigo pola concesión das Medallas –e dos premios de Vigueses Distinguidos- parece ter a súa orixe na negativa da alcaldesa a premiar á Asociación da Memoria Histórica, que loita polo recoñecemento dos represaliados polo bando franquista en 1936, xa que o goberno local leva dous anos a negarse a recoñecer a esta asociación. Máis sorprendente é que a oposición nacionalista, socialista e galeguista, que reclama este recoñecemento, esqueza os casos de tortura que se produciron en 1997, pretendendo recoñecer os méritos deste corpo.

Entendemos que nas circunstancias actuais, con axentes en activo que foron condenados en firme por torturas, sen que a Policía Local de Vigo os apartara das súas funcións, é inadmisíbel a concesión deste premio. Hai dez anos, os axentes da Policía Local de Vigo, secuestraron a este cidadán senegalés, vendedor ambulante, ao que levaron a un monte cercano ao campus universitario, onde foi sometido a insultos, agresións e vexacións de carácter racista, con frases como «Vosotros sois una mierda; el gobierno español tiene toda la culpa por dejaros entrar en el país; marchaos para vuestro país y mataos entre vuestras tribus”. Non podemos obviar de existiu a sospeita de que os axentes da policía local – algun dos cais tiña antecedentes penais, fora retirado do seu posto varias veces e estivera encarcerado- puideran ter secuestrado a outros africanos, a maioría dos cais estaban demasiado asustados ou podían atoparse en situación irregular, motivos polos cais non terían presentado denuncia..

Apesar das reiteradas queixas de distintos organismos e asociacións de defensa dos dereitos, entre elas o Movemento polos Dereitos Civís, os axentes foron indultados polo Consello de Ministros (despois de ser condenados en firme) e reincorporados con normalidade ao corpo policial e nen sequera foron apartados, como mínimo, das funcións de patrulla e vixilancia. Para o MpDC é totalmente inadmisibel que unha entidade pública e local poña en perigo a integridade dos seus cidadáns readmitindo nos seus postos a catro axentes que fixeron un uso abusivo da súa autoridade.

O MpDC solicitou no seu momento que se lle asignaran funcións administrativas aos policías condenados no regreso ao seu cargo así como a conveniencia da realización de cursos para estes e, en xeral, para todo o plantel da Policía Local de cara a prevención de actitudes violentas. A resposta do Concello de Vigo foi afirmar que consideraba suficiente a formación en dereitos cidadáns da Policía Local, incluidos os torturadores racistas que continúan a patrullar hoxe as rúas.

O MpDC exixe que non se conceda esta medalla á Policía Local até que se produza unha condea en firme das torturas por parte deste corpo policial, se aparte das labores de vixilancia aos policías condenados e se forme á Policía Local de Vigo en dereitos cidadáns e humanos.

0 comentarios:

Publicar un comentario