Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento polos Dereitos Civís reúnese coa Conselleira de Vivenda

Written By Virgulino on 6/2/07 | 13:28

O MpDC reclama das administracións que cumpran co seu mandato e garantan o dereito á vivenda, especialmente en torno ao problema do endebedamento hipotecario

Apresentaronselle a Teresa Táboas os Informes dos últimos anos editados polo MpDC e un adianto do Informe 2006



O MpDC mantivo unha reunión esta mañá con Teresa Táboas, conselleira de Vivenda, na que lle expuso a preocupación desta asociación polos enormes e evidentes problemas na distribución e no acceso á vivenda.O MpDC aproveitou para apresentar os informes que edita anualmente sobre a situación dos dereitos en Galiza e un adianto do Informe 2006, que está a ponto de ser publicado e no cal tamén se contempla, como é habitual, este dereito. O MpDC salienta a boa receptividade mostrada pola Conselleira de Vivenda ante as súas propostas.

O MpDC reclamou medidas concretas da administración ante o coñecido problema do endebedamento para acceder a unha vivenda, única vía de acceso da maioría da poboación a unha vivenda e que supón unha exclusión por motivos económicos dun dereito fundamental como é a vivenda digna, nun contexto ademáis no que o aumento do prezo é imparábel até o de agora. Como alguns dados elocuentes, o MpDC lembra que mentras non se paran de construir novas viviendas en Galiza, o número de vivendas baleiras ascende a 229.360, o que supón unha de cada cinco do noso país, case o 18% do total.

Na xuntanza lembrouse que o dereito á vivenda aparece claramente enunciado en diversos textos legais, mesmo no artigo 47 da Constitución, xa que “todos os cidadáns teñen dereito a disfrutar dunha vivenda digna e acaida” e que mesmo se afirma “os poderes públicos promoverán as condicións necesarias para facer efectivo este dereito” e mesmo “impedir a especulación”. Esta claridade expositiva legal contrasta coa realidade que se desenvolveu a través das políticas públicas de vivenda dos diferentes entes públicos. Continúan a ser “os poderes públicos” (nomeadamente as Comunidades Autónomas xa que están transferidas as competencias sobre ordenación do territorio, urbanismo e vivenda) os suxeitos obrigados por este artigo.


O MpDC defende que as administracións deben cumprir con cinco mandatos claros: 1º) Dereito á vivenda digna e acaida, 2º) Promover as condicións necesarias e establecer normas para facer efectivo o dereito á vivenda 3ª) Regular a utilización do solo de acordo co interese xeral. 4º) Impedir a especulación e 5ª) Garantir a participación da comunidade nas plusvalías xeradas pola acción urbanística dos entes públicos. Para o cumprimento destes mandatos, pártese de que toda a propiedade está delimitada pola súa función social e que toda a riqueza, sexa cal fora a súa titularidade, está subordinada ao interese xeral. Existen poucas excusas legais e/ou constitucionais para non desenvolver políticas de vivenda ambiciosas que dean verdadeiros dereitos.

0 comentarios:

Publicar un comentario