Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Ministerio Fiscal négase a investigar a actuación da Garda Civil de Baiona

Written By Virgulino on 22/8/05 | 10:58

O MpDC leva denunciando as actuacións abusivas tanto da Garda Civil como da Policía Local de Baiona. Concretamente, dende agosto de 2004 as forzas da orde iniciaron unha serie de cacheos continuos e indiscriminados á xuventude que saía de noite nesa localidade. Ademais, axentes da Garda Civil, descoñecedores da lingua galega, obrigaban ós prexudicados a que se dirixisen a eles en castelán, coaccionándoos para elo.

A partires destas primeiras queixas xenéricas chegadas ao MpDC, presentamos denuncia na Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, e descubrimos a existencia de casos concretos. A citada Comandancia fixo referencia a un caso no que unha rapaza foi ameazada de ser denunciada se non se dirixía ós axentes en castelán. Aínda que dito escrito concluía desmentindo tal cousa, preséntase coma un caso no que se pode aplicar o principio de “excusata non petita, acusata manifesta”, xa que na denuncia non se facía referencia a ningún caso concreto.

Nun escrito posterior da Comandancia de Pontevedra afírmase que nunha reunión mantida entre o Alcalde de Baiona, o Oficial da Garda Civil e o Concelleiro de Seguridade Cidadá dese Concello, este último afirmou considerar desproporcionada a actuación levada a cabo pola Garda Civil e pola Policía Local no caso descrito con anterioridade.

Nembargantes a Garda Civil segue a negar a evidencia destes feitos, alegando que non hai denuncias xudicias. Afimación que contradice á Secretaría de Estado quen afirma que existe polo menos unha presentada contra actuacións policiais.

O MpDC puxo os feitos en coñecemento do Ministerio Fiscal agardando deste a apertura dunha investigación que nunca se produciu. O Ministerio decidiu pechar as dilixencias sen facer ningunha averiguación ó respecto alegando non xa cuestións de fondo senón o simple feito da falla de lexitimidade desta asociación para realizar tal denuncia. Neste senso, o Movemento considera inxusta dita acusación de falta de lexitimidade, xa que se o Ministerio Fiscal ten coñecemento duns feitos que poden ser delicto, o de menos debería ser quen os denuncia.

O que está en xogo é determinar a gravidade duns feitos nos que se presumen claros abusos de poder por parte das Forzas e Corpos de Seguridade. De quedaren impunes, poderían derivarse nefastas consecuencias, que só se aprecian cando por exemplo se coñece a morte dalgún cidadán a mans de autoridades que a pesares da súa práctica abusiva gozan durante moito tempo desa impunidade.

0 comentarios:

Publicar un comentario