Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC presentou ante o concello do Grove, o Valedor do Pobo e a delegación do Goberno queixas pola ordenanza que pretende prohibir a mendicidade

Written By Virgulino on 1/3/05 | 20:24

O Movemento polos Dereitos Civís considera que esta non pode ser a solución da exclusión social que sufren ás persoas migrantes que chegan ao noso país.

O Movemento polos Dereitos Civís presentou ante o Valedor do Pobo, a delegación do goberno en Galiza e o propio concello do Grove sendas queixas pola preocupación ante a nova ordenanza para prohibir a mendicidade e expulsar aos mendigos desta localidade. Ao noso entender este non é o mellor modo para acabar con esta problemática, xa que todo o máis que se conseguiría sería desprazar a estas persoas que sufren problemas de exclusión social a outros concellos, co que non se acaba co problema senon que se agrava.
Desde o Movemento polos Dereitos Civís consideramos que desde as institucións públicas teñen que existir unhas políticas de asistencia e atención ás persoas con problemas de exclusión social, e un plano de acollida de apoio específico para aquelas persoas migrantes que chegan ao noso país sen recursos, no que se incluan programas de integración laboral, vivendas sociais, etc.

Esta ordenanza discrimina e invisibiliza a persoas que se encontran na rúa, e que nalgúns casos detectados son forzados a pedir esmola por organizacións mafiosas. Ningunha destas problemáticas desde logo vai ser recollida nunha normativa municipal que o único que pretende é pechar os ollos diante dun problema e expulsar ás persoas máis febles, sen atender ao máis mínimo principio de solidariedade e atención a estas persoas que son tan cidadáns do Grove como calquera outro.

Por eso desde o Movemento polos Dereitos Civís, reclamamos que se poña en coñecemento esta normativa, que se estude se non está a vulnerar os dereitos fundamentais, e que os organismos como a delegación do Goberno e o Valedor do Pobo defendan que se cumpran as leis e non se vulneren unha vez máis no noso país os nosos dereitos civís.

0 comentarios:

Publicar un comentario