Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Rolda de Imprensa - Presentación MPDC

Written By Virgulino on 11/2/02 | 16:10

As organizacións xuvenís, CAF, CAE e CIG-Mocidade convocamos este medio de comunicación á rolda de imprensa que terá lugar o próximo dia 12 de Febreiro ás 12:00 horas na Sede Central da CIG, sita na Rúa Campo do Forno, 1 – baixo, de Compostela.

O tema a tratar será o acordo polo que estas 3 organizacións se comprometeron a realizar unha serie de actividades conxunta, baixo o nome de MOVIMENTO POLOS DEREITOS CIVIS E CONTRA A BRUTALIDADE POLICIAL, coa finalidade de denunciar a perdida de dereitios civís que se está agudizando nos últimos anos.

Ademais queremos dar a coñecer o primeiro acto que realizaremos en conxunto, trátase dun debate cuxo lema é “Articulando propostas polos direitos e liberdades” e terá lugar o próximo día 13 de febreiro, ás 20:30 na Faculdade de História de Compostela. Neste debate abordará-se a pérdida de direitos e as alternativas sociais en distintos ámbitos. Intervirán Ramiro Oubiña (da Confederación Intersindical Galega, quen falará sobre a represión no mundo laboral), Bieito Lobeira (deputado do Parlamento Galego polo BNG, quen falará sobre a pérdida de dereitos civís,) e Francisco Fernández (membro do colectivo PRES.O.S., quen falará sobre os malos tratos nas carceres), terán voz para discutir sobre os problemas que denunciamos, a partir de realidades distintas, mais complementárias e enriquecedoras.
Asina

CIG Mocidade – Renato Nuñez
CAF – Xosé Emilio Vicente
CAE – Yurena Cano Vidal

Manifesto do movemento polos Dereitos Civís e contra a Brutalidade Policial

Vivemos nunha época de violéncia profunda. A economia ao servizo dunha minoria exclúea a maior parte da populación e os pobos do mundo, condena-os a loitar por unha supervivéncia mísera ou conculca o fundamental direito á vida, ademais de apropriar-se da inmensa maioria dos recursos dispoñébeis e degradar o meio ambiente. Mentres as desigualdades entre os máis ricos e o máis pobres non deixan de aumentar e os gastos sociais se reducen, o império económico defende-se cunha retórica que o define como vencedor absoluto e único sistema posíbel e, no nome da liberdade, usa a sua supremacia militar para invadir, arrasar e saquear.
Non é concebíbel unha democracia que non cuestione esta etapa histórica, que se constrúe baixo o uso implacábel da violéncia e se xustifica con mentiras. Os meios de comunicación, monopolizados polos poderes económicos, ocultan a realidade nunha apariéncia de normalidade, negan calquer esperanza de cámbio e criminalizan o disidente. Os Estados restrinxen as liberdades, aumentan a vixiláncia e a censura sobre os cidadáns, interceptan as comunicacións, estenden as vídeos-cámaras, controlan Internet. O pensamento disidente estigmatiza-se, manipula-se, asocia-se á violéncia, mentres se disfarza a auténtica violéncia, a que emana do poder.

Os métodos que está a utilizar a nosa "civilizada" Europa, para silenciar as voces disidentes, só son comparábeis aos utilizados na América Latina dos anos 70. Recordemos-lle aos Ministros Europeus que se reunen nestes dias en Santiago a actuación das policias europeas en cenários como o da manifestación de Gotemburgo, cun saldo final 3 manifestantes feridos de bala tras disparos a sangue fria, vários autobuses detidos impedindo aos seus ocupantes exercitar o direito a se manifestar e policias tirando adoquíns contra os manifestantes, mentres o xefe de policía declaraba que realizaron "un grande traballo"; a de Xénova, cuxa policía disparou-lle á cabeza a un manifestante para matá-lo, utilizou métodos sistemáticos de torturas cós detidos nun ambiente de suspensión dos dereitos humanos mentres o vicexefe da policía política pateaba a un menor de idade tirado no chan, cando xa fora reducido e golpeado por outros policias; a de Bruxelas, que realizou detencións antes de que comenzaran as manifestacións para evitar a participación en protestas; a de Nápoles disparou botes de fume contra o corpo dos manifestante, cargou sen deixar vias de fuga (cando "deben" cargar para disolver, non para acurralar manifestantes e ensañarse con eles) provocando 150 feridos e 92 detidos que logo declaron recibir malos tratos en comisaria; a de Barcelona, que cargou contra unha asamblea para evitar a preparación de actos de protesta contra a OMC; a Delegación do Goberno en Cataluña tentou ilegalizar estas protestas e chegou a ser desautorizada polo Tribunal Superior de Xustiza, o que demostrou a vontade de censura do Governo; despois, uns 80 policias de paisano infiltrados nunha manifestación, insultaron e agrediron aos policias uniformados para xustificar as cargas policiais dos seus compañeiros, que provocaron 59 feridos.

O povo galego, sen direito a decidir o seu próprio futuro, atopase nunha das piores situacións laborais de Europa, co aumento da precariedade, a eventualidade e a siniestralidade, coa mocidade condenada ao desemprego ou á emigración, cos sectores produtivos destruidos. Nestas condicións, é lóxico que saiamos á rua para reclamar a dignidade, pero as protestas pacíficas foron victimas da espiral de violencia e restriccións de liberdades común ao resto da Europa. Nesta momento, despois de ver a dúcias de feridos na Folga Xeral de xuño do ano pasado, e mais recentemente as cargas con pelotas de gomas e cartuchos de sal para disolver as mobilizacións pacíficas de estudantes, mentres o Delegado do Goberno mentia negando os feitos, vemo-nos na obriga de mobilizar-nos pola recuperación dos direitos civís e contra a brutalidade policial.

Na Galiza, o anterior delegado do governo chegou a admitir explicitamente que exisitia unha estratéxia política para utilizar as cargas policias. Unha longa série de intervencións nos últimos anos, contra labregos, operários, mariñeiros, estudantes... asi o corrobora. Os colectivos mais desfavorecidos están sufrindo unha forte criminalización polo simples facto de exercitar o direito de manifestación e de reclamar un futuro máis digno. Asistimos á impunidade da brutalidade policial e a defensa explícita por parte dalguns grupos políticos do controlo social.

Neste contexto fai-se necesaria unha resposta por parte dos colectivos que sufren estes abusos, denunciando tódolos excesos e pedindo responsabilidades. Non podemos permitir que os políticos deste país mintan descaradamente sen sofrir as consecuéncias dos seus actos, que mozas e mozos que reclaman un futuro mellor sexan tratados como delincuentes e que as vítimas dos excesos policiais teñan que resignarse a largos períodos de convalecéncia sen que os culpábeis sexan sancionados.

Porque cremos na mobilización social, nos movementos sociais e na participación como garantia da democracia, denunciamos o control social, a vixiláncia, o uso da forza e a brutalidade policial, e pedimos un control independente e eficaz que investigue as denuncias por excesos policiais.

0 comentarios:

Publicar un comentario