Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Gran parte da “tarta” sanitaria, para as grandes empresas

Written By MpDC on 7/3/10 | 11:30

A aposta da Xunta de Feijóo pola construción dun hospital privado en Pontevedra, abandonando os avanzados plans para ampliar o actual Hospital Público de Montecelo, é moito máis que un simple cambio de ubicación ou de mellora do proxecto existente, como se esforzan en presentar ante a cidadanía. Os dous proxectos son prácticamente idénticos en canto á dimensión e servizos sanitarios, só que un é completamente público e no outro participa a iniciativa privada, construíndo o inmóbel a cambio do monopolio da xestión durante 20 anos.

O hospital de Monte Carrasco construiráse a través dun consorcio de construtoras, aseguradoras e bancos. Un edificio que alugarán ao Sergas durante 20 anos e polo que os galegos teremos que abonar un coste total que superará en 5 veces o investimento inicial, e por 10 os 100 millóns previstos para Montecelo, un hospital que nos últimos 10 anos renovouse totalmente con 57 millóns de euros, e arredor do que existen numerosos plans de infraestruturas viarias, de saneamento e abastecemento, xa dimensionados para o gran hospital que Pontevedra necesita.

Pero máis alá dunha ou outra ubicación, da carta de servizos e de todos os placebos que a Administración Sanitaria está estes días vendendo neste peculiar “todo a cen” hospitalario, reside un comportamento ideolóxico e político, propio do neoliberalismo máis brutal: importar o sistema británico —que por certo, está xa cuestionado ata polos propios conservadores—, poñendo na man das grandes xestoras privadas boa parte dos servizos públicos básicos, un nicho no que se teñen fixado para obter beneficios.

Estamos por tanto diante dunha operación a gran escala a prol da privatización sanitaria, inspirada nos exemplos máis duros e agresivos do Estado, como Valencia e Madrid, administracións sanitarias que xa teñen aos seus cidadáns e ás súas comunidades sanitarias en pé de guerra debido a este modelo privatizador que atenta contra a calidade do sistema sanitario, encarece a xestión pública e pon en mans de grandes empresas parte do esforzo económico que o conxunto da sociedade fai por manter unha sanidade de alto nivel.

En Pontevedra queremos que retornen á nosa cidade os 100 millóns de euros que o anterior goberno da Xunta tiña destinados a ampliar Montecelo, e que desapareceron dos investimentos programados pola Xunta en vísperas de comezaren as obras, xa coas expropiacións definidas, todos os proxectos realizados e só a uns días da súa licitación.



Miguel Anxo Fernández Lores/Alcalde de Pontevedra

0 comentarios:

Publicar un comentario