Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Entrevista a Galicia Acolle

Written By MpDC on 8/3/10 | 12:46


-Que é Galicia Acolle?


É una asociación independente, de voluntariado, sen ánimo de lucro, que ten como finalidade fomentar o encontro entre persoas con culturas diversas nun mesmo espazo xeográfico, na procura dun proxecto común de sociedade. Galicia Acolle nace no ano 2003 en Santiago, máis tarde en Vigo, cando coinciden varias persoas con moita e variada experiencia, que queren presentar unha alternativa a praxes dalgunhas entidades de apoio á inmigración que, aínda que cheas de boas intencións e con contadas excepcións, semellan pouco axeitadas ou ancoradas en metodoloxías un tanto asistencialistas.


-Cal é o ámbito ou ámbitos de actuación da asociación?

Resumido nunha palabra, a interculturalidade. Metodoloxicamente implica intervencións non só coa poboación de orixe estranxeira, senón tamén coa autóctona. Ata hai poucos anos afirmabamos con rotundidade que o noso ámbito de actuación eran as persoas de orixe estranxeira. Así, sen máis. Tras anos de experiencia, entendemos que ese enfoque non resulta eficaz. As migracións ofrécennos un contexto, pero na realidade actuamos en todo o conxunto da sociedade, persoas migradas e autóctonas, porque asistimos a un cambio substancial. De ser unha sociedade “de acollida”, pasamos a outra “de asentamento”, onde os novos cidadáns optan por establecerse. Deste xeito soñan, deseñan e finalmente implementan o seu proxecto vital aquí, con independencia de que nalgún momento decidan voltar ao seu país de orixe. Esta nova realidade plantexa retos, e pon en crise as verdades preestablecidas na cultura dominante. Esixe cambios que non se dan dun día para outro e sen esforzos. Por iso nos atopamos nun momento crítico no que debemos superar a metodoloxía “tradicional” que aínda se mantén en grande medida nas entidades de apoio á inmigración (asesoramento xurídico e tratamento de situación administrativa, busca de vivenda e emprego), focalizada case que de xeito exclusivo cara á intervención coa persoa de orixe extranxeira. Claro que superar non quere dicir abandonar, xa que hai, e haberá sempre, situacións persoais que demanden este tipo de intervencións. Pero imponse unha urxente estratexia de traballo coa poboación autóctona, invitándoa a superar prexuízos, aportándolle elementos para unha visión obxectiva e ponderada da realidade, e incidindo criticamente nas estruturas que amparan, fomentan ou reforzan mecanismos de exclusión sobre os colectivos que teñen como estigma – imposto por outros, como é lóxico – o feito de proceder de lugares diversos.


-Durante a realización da vosa actividade cales son as trabas que atopades
con maior frecuencia?

Existen trabas estruturais evidentes, e que son as máis complicadas de contrarrestar, coma un ordenamento xurídico cada vez máis restritivo e involutivo, nunha tendencia que semella insaciable, ou a falla dunha verdadeira cultura de encontro, o medo ao descoñecido, os prexuízos inherentes á propia natureza humana, etc. Dunha maneira especial, o baixo nivel dos discursos políticos que empregan irresponsablemente a inmigración como arma arreboladiza non axudan precisamente a avanzar nunha percepción razoable da inmigración.

Pero hai outras de tipo funcional, que dependen directamente das organizacións, como a pouca coordinación existente entre elas, que fai que se malgasten esforzos e recursos. Aquí cómpre sermos autocríticos. Debemos deixar atrás a competencia polos recursos para financiar os nosos servizos, moitas veces duplicados e solapados. Así que como organizacións, debemos madurar, e moito, niso.

Porén non quixera aportar só unha visión negativa. Temos experiencias no sentido contrario, de traballo en rede onde se aproveitan as fortalezas de cada organización, complementándonos, que forman parte do noso patrimonio de cultura asociativa. Co tempo, en Galicia Acolle aprendimos a seleccionar boas canles de colaboración, a través de redes, máis técnicas ca reivindicativas, nas que prima a calidade sobre a cantidade. Probablemente reporte pouca presenza mediática, pero axúdanos a estar máis centrados no que nos parece esencial. E teño que dicir que pesa máis o positivo que o negativo.


-De que xeito se poderían desfacer esas eivas para que o traballo coas
persoas migrantes fose máis doado?

As estruturas sociais son difíciles de transformar, pero se eu, ou as persoas que traballan en Galicia Acolle, pensaramos en termos de imposibilidade, evidentemente non estariamos a perder o tempo aquí. Outra cousa é se os cambios serán inmediatos, sobre o que sinceramente penso que non. É un traballo de xeracións, polo que supón de cambio de paradigma cultural. Para empezar, debemos avanzar no recoñecemento do diverso, que é algo máis ca tolerar por corrección política outras presenzas diferentes ás que estabamos afeitos. Implica dar un paso á fronte e admitir a posibilidade de que o outro é alguén que me enriquece e me fai medrar como persoa. Cando sintamos a mesma indignación por un recorte de dereitos na Lei de Estranxeiría que pola intención de ampliar a idade de xubilación, estaremos no bo camiño.

E aínda que pareza materialista, debo mencionar que unha base concienciada permitiríanos dispoñer de máis colaboradores económicos, que ao final son os verdadeiros facilitadores da nosa independencia, da continuidade dos programas, e xa que logo da súa calidade. O problema é que a inmigración non “vende”. É difícil convencer da pertinencia das nosas intervencións a alguén que ten varios fillos no paro, e cre que os culpables son as persoas estranxeiras “que veñen a ocupar os postos de traballo”. Hai que educar, formar, e eliminar os estereotipos. Por iso estamos tan orgullosos dos nosos colaboradores, porque pódense calificar de militantes.



-A Xunta está a colaborar para mellorar a situación dos inmigrantes?

O ámbito competencial das Administracións Autonómicas é relativamente limitado. Ás veces, a percepción é que son simples pontes de transmisión de recursos económicos entre a Administración Central, que ten as principais competencias en estranxeiría, e os Concellos, que son os que implementan as políticas máis cercanas ao cidadán, ou as asociacións que reciben subvencións. Xa que logo, atópase nunha especie de limbo ou terra de ninguén. Desde este punto de vista, e tendo en conta as limitacións, sería inxusto en termos absolutos dicir que non colabora. Pero, honestamente, debe avanzar máis no que lle compete. Non se trata dun eixe preferente do actual goberno. Aínda que as eleccións foron no mes de marzo pasado, tivemos que esperar ao verán para ver nomeados os cargos da Secretaría Xeral de Emigración, de quen organicamente dependen os temas de inmigración (o mesmo nome xa dá conta de cal é o enfoque). Sobre o papel hai un Plan Galego de Cidadanía, Convivencia e Integración aprobado, pero do que non se sabe nada do seu cumprimento. Existe un Consello Galego da Inmigración que se debe reunir como mínimo dúas veces ao ano, e no pasado 2009 non o fixo nin unha vez, nin sequera a súa Comisión Permanente. A finais do pasado ano púxose en marcha un programa de mediación do que se sabe máis ben pouco... Desde logo, non é para estar contentos.



-Cales son os principais proxectos ou liñas de actuación que estades a
trazar hoxendía?

Temos cinco grandes eixes de actuación: acollida (onde se realiza a atención social, asesoramento xurídico, acompañamento, clases de galego e castelán, etc.), laboral (con itinerarios integrados de inserción laboral), mediación (con intervencións concretas a demanda, o fomento da transversalidade, e desenvolvendo formación específica), educación (a través do PEI – Proxecto de Educación Intercultural -, e o Programa de Mediación de Pares), e voluntariado, xa que entendemos que un dos nosos grandes capitais son as persoas que colaboran en Galicia Acolle. Hai que dicir ao respecto que contamos con voluntariado altamente capacitado, sobre o que aplicamos un principio de ouro: non buscamos actividades para posibles voluntarios, senón que procuramos voluntariado para actuacións concretas. Deste xeito, optimizamos recursos e permítenos ofrecer servizos de calidade.



-Desde a vosa experiencia, en que condicións viven as persoas
migrantes na Galiza?

Habería que distinguir migrantes con algún tipo de problemática específica, daqueles que adquiriron un nivel de normalización tal, que os seus problemas son ou poden ser os mesmos ca dunha persoa autóctona. Entendo que a pregunta vai dirixida aos primeiros, especialmente os que se atopan en situación irregular.

Un aspecto global é a súa vulnerabilidade. Ocupan os peores nichos do mercado laboral, o seu grao de eventualidade é evidente, e as baixas retribucións limitan a estabilidade. As trabas ao reagrupamento familiar impiden desenvolver unha vida en familia e, xa que logo, a afectividade e a intimidade en condicións normalizadas. As infravivendas ou o amoreamento en pisos, forman parte dun mapa nada positivo. En fin, trátase dunha situación de cidadáns de segunda ou terceira división, que en ningún caso é admisible nun estado de dereito.

Pero tamén existe unha realidade de persoas migrantes que participan, malia as restricións normativas, no mundo asociativo, cultural e veciñal, evidenciando coa súa presenza a construción dunha cidadanía inclusive. Sen dúbida, integrarse é participar.



- Afecta dalgún modo ao voso traballo o cambio na lei de Extranxeiría?

Non nos afecta dun xeito significativo na nosa maneira de traballar, pero si na casuística que se nos presenta. É lóxico deducir que canto máis razoable é a normativa en materia de estranxeiría, a necesidade de intervirmos diminúe. Pola contra, reprimir e controlar son opcións que non resolven nada. Unha lei inxusta non frea a inmigración, é inxenuo pretender iso. Só afecta á súa calidade. Por iso insisto na idea de que o reto que se nos presenta agora é cambiar a mentalidade dunha base social que admite ou promove leis deste tenor, ou que mesmo semella demandar aínda máis restricións. Unha cidadanía responsable implica, por forza, unha cidadanía informada e formada. E en xeral, en canto á inmigración e á interculturalidade, o nivel de formación do cidadán medio é moi mellorable.



-Galicia Acolle tamén se dedica a formar profesionais relacionados coa
inmigración. É necesaria a figura de profesionais neste ámbito?

Si que son necesarias persoas que se adiquen a xestionar dun xeito profesional as situacións que se van creando nos novos contextos sociais que xurden da pluralidade e a diversidade culturais. Alguén ten que propiciar os encontros, ser facilitador das relacións, e xestionar creativamente os posibles conflitos. Sen embargo, creo que unha vez máis empezamos a casa polo tellado, porque antes de definir ben que é un mediador intercultural, cal debe ser a súa capacitación profesional, incluso o que entendemos por mediación intercultural, establecimos a categoría profesional. É dicir, deseñamos un continente, pero se deixar claro o contido. Isto provocou – unha vez máis, porque supón unha fonte de ingresos de subvencións públicas e privadas – que algúns se atreveran a realizar cursos de formación sobre mediación intercultural, nos que se falaba de inmigración, si, pero pouco ou nada sobre a metodoloxía da mediación. E apareceron profesionais que, co nome de mediadores, eran máis ben monitores ou educadores con poboación estranxeira. Non quero dicir con isto que non fixeran un bo traballo, senón que hai que chamar ás cousas polo seu nome. En Galicia, cóntanse cos dedos de media man as organizacións que realmente saben que é e como se desenvolve a mediación social intercultural. E, por suposto, ao tratarse dun ámbito tan dinámico, haise que reinventar día a día. Non existen fórmulas fixas nin universais.

Pero dito isto, o que realmente é necesario é traballar a transversalidade, é dicir, que os profesionais de tódolos ámbitos (educativo, sanitario, laboral, servizos sociais, xurídico, etc.), públicos ou privados, saiban como desde a súa profesionalidade deben respostar ás cuestións que a cotío se lles plantexan respecto á diversidade cultural. Ese é o futuro.


-Galiza, segundo vos, é un país intolerante?


Os galegos temos moi asumido como identidade colectiva que Galiza é un país acolledor, e damos por feito que pola nosa experiencia de emigración, a nosa empatía con quen está a pasar por unha situación similar xa “ven de serie”. E a realidade é que non se pode xeneralizar, nin para o bo nin para o malo. Pero os datos son preocupantes. Según enquisas realizadas pola Xunta de Galicia, nos últimos anos aumentou a cantidade de galegos que perciben que hai moitos ou demasiados inmigrantes entre nós, precisamente nun momento en que se está a deter a tendencia á alza da chegada de estranxeiros. E a percepción que nós temos (alugueres, tratos vexatorios, racismo e xenofobia explícitos ou encubertos, etc.) tamén apunta nese sentido. O dito, temos moito que traballar.


Antonio Cepeda Fandiño/Presidente de GALICIA ACOLLE

0 comentarios:

Publicar un comentario