Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Cámaras de videovixiancia do Concello de Cee: Protección de Datos e a Delegación do Goberno rozan a prevaricación

Written By Dereitos Civís on 16/9/12 | 2:45

En Agosto de 2010 o xornal "La Voz de Galicia" publica unha noticia na que se informaba de que o Concello de Cee instalara varias cámaras de seguridade para vixiar o centro e que os dispositivos, que serían manipulados pola Policía Local controlaban case toda a praza do concello.


O día 19 de agosto entrou na Axencia Española de Protección de Datos unha denuncia do MpDC na que se informaba que os dispositivos non constaban no rexistro de arquivos de gravación da mencionada Axencia, que o Concello de Cee non gozaba de autorización para a súa instalación e que o concello non informaba mediante carteis específicos de que o entorno da Praza era zona videovixiada.

Nesas datas o MpDC transmitiu aos medios de comunicación locais das ilegalidades cometidas polo concello de Cee. Ademais lembrou que "consideramos que as cámaras son desproporcionadas e que non son eficaces para os fins que se instalan» baseándonos nos estudos que demostran «que as cámaras non teñen efecto disuasorio nin tampouco son efectivas para a persecución de delitos despois de que son cometidos». A modo de exemplo, recordouse o estudo da Universidade de Málaga en dúas zonas, una videovixiada e outra non. Na primeira “aumentou o roubo de coches, e iso dános unha idea da eficacia para a disuasión que poden ter este ipo de cámaras”.

O MpDC tamén aproveitou para lembrar que o mantemento das cámaras supón un custo importante para os veciños e veciñas e que das mesmas pódese facer unha utilización nefasta, "como xa se deu no Concello de Lugo coas cámaras de tráfico, que as utilizaron para gravar a unha parella de mozos na súa habitación mantendo relacións sexuais».

Para demostrar que as cámaras non tiñas autorización da Delegación do Goberno, Dereitos Civís remite un escrito á Delegación do Goberno preguntando pola mencionada solicitude de autorización e que ten entrada o día 13 de Setembro do 2010 na autoridade estatal.

O 28 de outurbro a AGPD informa ao MpDC de que inicia investigación contra o Concello e un mes despois (unha demora que parece absolutamente inxustificada) o 23 de Novembro a AGPD remite escrito ao Concello pedindo información sobre as cámaras.

Mentres Protección de Datos espera contestación do Concello, a Delegación do Goberno contesta, o 9 de decembro, á solicitude de información remitida polo MpDC afirmando que non existe ningunha solicitude de autorización para a instalación de cámaras realizada polo Concello de Cee. Algo que vulnera claramente a lexislación vixente xa que as cámaras están instaladas desde fai 2 meses.

A recepción desa información levou a que o MpDC manifestara publicamente o seu desacordo coa forma de actuar da Delegación do Goberno en relación coas cámaras de videovixiancia xa que esa autoridade, que outorga os permisos para as cámaras, recibiu comunicación sobre as cámaras ilegais de Cee e non actuou de ningunha forma. Como tampouco actuou contras as cámaras de Ares ou as da Estación de Autobuses de A Coruña (ambas instaladas sen autorización e permitidas pola Delegación). Sobre isto manifestou que é evidente que “a lei non é igual para todos, mentres os cidadáns debemos de cumprir todas as normas, a administración só cumpre as que lles dá a gana”

O 9 de febreiro o MpDC ten coñecemento por parte dun medio de comunicación de que o Concello está gravando, unha infracción grave da lexislación pois as cámaras non están autorizadas e remite o artigo de prensa á AGPD o día 13 de febreiro.

O 7 de marzo, catro meses, despois de que a AGPD solicitara información ao Concello de Cee, e sin que este contestara, a AGPD remite unha nova solicitude de información sen tomar ningunha medida contra esta administración a pesar de saber que está gravando as rúas da localidade tal e como afirma a nota de prensa remetida casi un mes atrás.

Unha sorpresa moi grande para o MpDC foi o feito de que até 8 meses depois da denuncia, o 13 de abril, Protección de Datos non decidiu comprobar si existía rexistro de gravacións das cámaras do Concello de Cee. Nesa comprobación confirmou que tampouco se cumpria este requisito legal para a posta en funcionamenteo das cámaras que, lembremos, xa estaban gravando.

Finalmente, o 8 de Xuño, 10 meses despois da presentación da denuncia a AGPD informa ao Movemento polos Dereitos Civís que abre procedimento de declaración de infracción de administracións públicas contra o Concello de Cee por non ter declarado ningún arquivo de videovixiancia perante a AGPD e dispor de 3 videocámaras gravando o exterior do concello. En relación cós avisos de zona videovixiada, ainda que nunca foron colocadas, a AGPD da por certas as afirmacións do Concello de que estaban instaladas. É realmente abraiante esta presunción de veracidade en relación coas declaracións da administración a pesar de todas as irregularidade comentidas.

Iniciado o procedemento de declaración de infraccións de administración públicas por parte da AGPD, o MpDC remite a mencionada resolución á Delegación do Goberno para que actúe e evite que se sigan utilizando unha cámaras que están gravando de forma ilegal o centro do Concello de Cee.

O 5 de setembro de 2011 Protección de Datos requiriulle ao concello de Cee que no prazo DUN MES se procedera á retirada dos dispositivos de gravacións ou que se reinstalase de forma que non graven a vía pública. A pesar das infraccións cometidas, non se propuxo sanción económica ao Concello de Cee por ser unha Administración Pública. Algo moi distinto pasaría no caso de que estiveramos falando dunha entidade privada, nese caso a sanción sería de entre 40.000 e 300.000€. Para o MpDC este feito é absolutamente discriminatorio e incita ás Administracións a incumprir a Lei, como xa fixeron varios concello de Galiza instalando cámaras sen autorización previa (exemplo seguido agora polo Concello de Cee) ou fai que afirmen que non cometen ningunha infracción, como aconteceu en Sada, onde o Alcalde afirmou que non cometera ningunha irregularidade porque non se lle impuxera ningunha sanción.

Despois de recibida a orde da AGPD para que se retire ou se reorienten as cámaras. Desde o Concello afirmouse que se retirarían para logo mudar de opinión e manter as cámaras instaladas, afirmando que as apagaría máis sen concretar cando.

Posteriormente,e sin que se puidera comprobar que as cámaras foran apagadas, o Concello de Cee solicitou á Delegación do Goberno permiso para a instalación dos dispositivos de vixiancia. Concretaemente o 9 de Novembro do 2011. Un anos despois de que foran denunciadas e estiveran gravando. Hai que lembrar que a Delegación do Goberno era coñecedora de que as cámaras estaban cometendo dúas infraccións graves da LOPD

O 4 de Maio de 2012 a entidade local inscribe o rexistro de gravación ante a Axencia Española de Protección de Datos. Por outro lado, seis meses despois da solicitude de autorización para instalación das cámaras, e logo que de que foran instaladas e estiveran gravando sen autorización, feitos que foron comunicados á Delegación do Goberno o día 2 de agosto do 2011, esta autoridade concede permiso para a colocación dos dispositivos o 24 de Maio do 2012 obviando todas ilegalidades comunicadas.

En ambos casos o Concello de Cee demora 8 meses en cumprir as esixencias da AGPD sen que isto supoño o máis mínimo reproche por parte de Protección de Datos que dera o prazo dun mes para que se deixara de vulnerar a lei.

Sen que aínda houbera coñecemento das decisión da Delegación do Goberno, entre os días 22 de xuño e o 11 de xullo, 25 persoas asinaron distintas peticións para que a Delegación do Goberno e a AGPD tomaran medidas contra o Concello de Cee polas ilegalidades cometidas. Ademais, solicitaron ao Concello de Cee que se retiraran as cámaras.

A contestación da AGPD foi arquivar o expediente aínda quedou demostrado que se estaba gravando a vía pública, que non estaba rexistrado ningún arquivo de gravacións e que o Concello demorou 8 meses en “legalizar” a súa situación cando tiña o prazo dun mes.

No caso da Delegación do Goberno soamente se conseguiu unha contestación informando de que as cámaras estaban autorizadas a pesar de que foron instaladas sen autorización, algo expresamente prohibido pola lei.

Este é un exemplo claro dunha normativa que se incumpre sistematicamente a pesar de que debería garantir un dereito fundamental recollido no Artigo 18 da CE. Continuamente, despois de que as cámaras se instalen sen ningún tipo de autorización, legalizasen a posteriori sen ningún tipo de consecuencia. Para o MpDC, as legacións a posteriori son un invitación a instalación ilegal destes dispositivos pois, no caso de que sexan denunciados, non teñen ningunha amonestación, sanción ou reprimenda.

Ademais, o feito de que as cámaras estean instaladas, e sigan instaladas, é culpa da política da Delegación do Goberno que permite e fomenta este tipo de actitude. Tanto o Concello de Neda (que tiña pensado instalar cámaras aínda cando non conte con autorización da Delegación do Goberno), como o Concello de Cee (que xa as tiña) non fan máis que aproveitarse da permisividade da Delegación do Goberno que non toma ningún tipo de medida contras as instalacións ilegais, é máis, autorizas a posterior.

Tanto a actitude da Delegación do Goberno como a da AGPD rozan, ou cometen, a prevaricación tendo en conta que estaban totalmente informados das ilegalidades que estaban cometendo o Concello de Cee.

Para o MpDC resulta vergoñento que a cidadanía teña que cumprir de forma escrupulosa a lei mentres as Administracións son as primeiras en vulneralas e conten coa complicidade dos organismos que deberían evitar estes abusos.

0 comentarios:

Publicar un comentario