O MpDC é unha asociación sin ánimo de lucro. Si queres colaborar co seu mantemento podes facer unha doazón con tarxeta de crédito clicando abaixo
Cargando...

28/02/10

As causas deben facerse ben e o Xacobeo debe beneficiar a toda Galiza

Veño de pasar algúns días en Madrid con motivo da presencia de Ourense na trixésima edición de FITUR. Na feira a tónica dominante era, como non, o turismo e as súas implicacións económicas. No stand de TURGALICIA, onde Ourense estaba representada xunto con outras 17 vilas e cidades, o debate trasladábase as celebracións do Xacobeo 2010 e o que representa para a nosa terra. Tiven a oportunidade de asistir ao acto de presentación do programa para este ano, no que todo foron boas palabras e mellores desexos para un Xacobeo que colocará a Galiza no mapa e atraerá, millón arriba millón abaixo, máis de 8 millón de peregrinos ás nosas terras.

Ante tanto balbordo mediático de cifras e promesas, algúns apelan á prudencia de cara a este 2010. Comparto a opinión, manifestada xa por moitos, de que Galiza non acollerá un Xacobeo tan exultante como nos veñen dicindo sen antes estar preparada para celebrar dito evento. E iso non pasa pola promoción nin polos persoeiros convidados, senón que debe estar apoiado sobre unhas infraestruturas sólidas e na conservación do patrimonio, material e inmaterial, que actúa como reclamo ante esos turistas. Se, como prometeu Núñez Feijóo durante a súa intervención no acto do pasado venres, o Xacobeo vai actuar como un factor de dinamización económica nos máis de 100 municipios da comunidades polos que pasa o Camiño, é moito o traballo que ten pendente e moi pouco o tempo para desenvolvelo.

Pola parte que nos toca, Ourense comeza a facer tamén ese camiño; sendo unha parada obrigatoria para aqueles que se achegan a Santiago pola Vía da Plata, a segunda ruta máis transitada despois do Camiño Francés. Pouco antes de facermos as maletas para FITUR; Concello e Xunta achegaban posturas para a cesión, por parte da Consellería de Educación, da antiga escola fogar de Mariñamansa, que nos permitirá contar con máis de 150 prazas para acoller os peregrinos que nos visitan.

É un xesto que valoramos, pero co que non nós conformamos. Sen sair do tema e por por sobre a mesa todos aqueles temas nos que a Xunta está en débeda con Ourense, dende a reforma da nosa Praza de Abastos até o compromiso forte coa nosa industria termal, cómpre lembrar que Ourense aínda está a agardar pola financiación prometida dende o Xacobeo para a rehabilitación do Pórtico do Paraíso da nosa Basílica, réplica policromada do da Gloria e un dos elementos máis singulares do noso patrimonio arquitectónico. O compromiso para a súa financiación fora feito público polo anterior xerente do Xacobeo, e converteuse en papel mollado co troco no goberno autonómico e na xestión do ente. O compromiso chegaba en febreiro do pasado ano e a comezos de vrao saltaba a alarma. O Concello de Ourense en pleno aprobaba en xuño unha moción promovida dende o grupo muncipal do BNG requerindo á presidencia resposta sobre os cartos. A pregunta trasladouse tamén ao Hórreo por voz dos deputados nacionalista Tareixa Paz, Suárez Canal e Carme Adán. A día de hoxe continuamos no silencio.

Non quero ser eu o augafestas dun evento único que todos os galegos ollamos con ilusión, pero as cousas deben facerse ben. Menos desidia e máis dilixencias cos compromisos. A mellor forma de evitar eses “debates localistas” que tan mala prensa teñen é que toda Galiza saia beneficiada deste Xacobeo 2010.


Andrés Garcia / Tenente de Alcalde de Ourense
ler o resto do texto

27/02/10

PROPIEDADE INTELECTUAL ¿CAIXÓN DESASTRE?

Recentemente, púxose de moda meter no mesmo saco os dereitos de autor, as patentes e as marcas (entidades separadas e distintas reguladas polos conxuntos de leis separados e distintos) e chamarlles “propiedade intelectual”.

Di a Lei que é autor dunha obra literaria, artística ou científica a persoa natural só polo feito da súa creación.

Atopámonos así con que integran a propiedade intelectual unha serie de dereitos de carácter persoal e/ou patrimonial que atribúen ó autor e a outros titulares a disposición e explotación das súas obras e prestacións.

Deste xeito non nos debería sorprender que a utilización de obras e prestacións sen autorización dos titulares supoña unha infracción dos dereitos de propiedade intelectual , contra as cales o titular pode exercitar as accións penais e/o civís previstas na lei, dende o momento da súa creación, recibindo os titulares a plena protección da lei dende ese momento .

Os dereitos de propiedade intelectual outorgan ademais do recoñecemento ós creadores, a retribución económica que lles corresponde pola realización das súas obras e prestacións, polo que para poder utilizar ditas obras precisase autorización dos titulares dos dereitos.

Algo esquecido pola inmensa maioría dos cidadáns é que cando o prazo de protección dos dereitos expirou, a obra ou prestación pasa ó dominio público , podendo se empregada por calquera, de forma libre e gratuíta

Nos tempos actuais , existe unha errónea crenza de que é imprescindible rexistrar unha obra para protexela , cando a inscrición no Rexistro da Propiedade Intelectual é totalmente voluntaria.

Sen embargo, non podemos obviar as vantaxes que ofrece dita inscrición no rexistro, que ademais de proporcionar unha proba cualificada de que os dereitos inscritos existen e pertencen ó seu titular, dalle publicidade ós dereitos inscritos. É suficiente con presentar unha solicitude perante o Rexistro da Propiedade Intelectual e pagar unha taxa, para que se atope inscrita a obra ou prestación.
A propiedade intelectual garante dereitos tanto de corte moral como patrimonial, e dentro destes últimos asegúranse dereitos relacionados coa explotación da obra ou prestación protexida ou dereitos compensatorios. Dereitos patrimoniais que son transmisibles a través de documento escrito.

Dende unha posición garantista dos dereitos máis fundamentais non estaría de mais a creación dunha Axencia Galega da Propiedade Intelectual , que tivera entre outros obxectivos , a xestión das obras orfas, o maior control das entidades de xestión ou a supervisión da utilización de medidas tecnolóxicas.


Eva Vales/ Asesora xurídica do Movemento polos Dereitos Civís
ler o resto do texto

25/02/10

O MpDC pecha o seu ciclo de encontros cos principais partidos políticos da Galiza

Durante o mes de febreiro o Movemento polos Dereitos Civís levou acabo un ciclo de encontros cos partidos políticos con representación parlamentar, BNG, PSOEdG e PPdG que resultou moi produtivo.

As tres forzas políticas galegas amosaron un grande interese por coñecer máis sobre as problemáticas coas que a asociación se atopa diariariamente na súa defensa dos Dereitos Civís principalmente no ámbito das Administracións Públicas, segundo afirma Rocío Blanco,
coordinadora do MpDC. Ademais, estas xuntanzas tamén tiñan coma obxectivo que as propostas do colectivo poidan ser colocadas no Parlamento para o seu debate e aprobación.

Nas xuntanzas mantidas coas diferentes forzas políticas, un dos temas que tratou o Movemento foi a necesidade de crear dunha Axencia Galega de Protección de Datos debido a que, como recoñece a propia Axencia Española de Proteción de Datos, esta atópase colapsada e non ten medios suficientes para atender e xestionar todas as reclamacións que reciben. Os tes partidos deron unha moi boa acollida e mostraron interese e apoio a proposta da creación dunha Axencia Galega de Protección de Datos, segundo palabras de Renato Núñez, voceiro do MpDC.

Outro dos temas que cabe resaltar dentro das conversas que o MpDC mantivo co BNG, PSOEdG e PPdG, foi o queixa da necesidade de que se cumpra coa lei do Dereito de Acceso. A asocación os informou de que nos últimos tempos, as administracións denegan ou poñen trabas ao acceso a datos públicos de forma sistemática, ademais as administracións non reciben ningún tipo de sanción por vulnerar a lei. Segundo palabras da coordanadora do MpDC, Rocío Blanco, este tema foi tamén recibido con decepción por parte dos tres grupos políticos, amosando o seu descontento coa xustiza nestes tempos.

A última proposta que fixo o MpDC foi a creación dunha axencia que controle as actuacións desproporcionadas da policía. Dentro de dous meses o MpDC volverá xuntarse coas principais forzas políticas para coñencer como evolucionan as propostas realizadas pola asociación. Ademais destas reunións, o Movemento trasladou aos tres partidos políticos a súa vontade de colaboración en materia de asesoramento e a súa disposición para o diálogo.
ler o resto do texto

24/02/10

O MpDC agarda que o Concello de Pontedeume reflexione antes de instalar cámaras

O Movemento polos Dereitos Civís vén de presentar un escrito ao Concello de Pontedeume, a raíz do coñecemento de que a dita institución pediu presuposto a varias empresas sobre o que custaría o servizo de vídeovixilancia en varios puntos do centro da cidade.
O Concello de Pontedeume cre que coa instalación das cámaras aforrará nos gastos de arranxos derivados dos actos vandálicos ao igual que sucede, segundo o alcalde de Pontedeume, noutros países de Europa e outras zonas de España onde está medida “está funcionando”, alegan.
A experiencia do MpDC di que as cámaras resultaron de moi dubidosa utilidade noutras cidades e concellos galegos, e neste asunto que nos ocupa, as cámaras servirían como moito para identificar aos culpables e de ningún xeito para evitar o roubo ou desperfectos nas mesmas, é sinxelo ocultar o rostro para evitar unha cámara, pero esa mesma cámara recolle día a día a vida diaria de cantos pasan pola zona, invadindo a súa intimidade e os seus dereitos.
Polo tanto, o Movemento responde ás afirmacións sinalando que a única forma de que fora efectiva a instalación de cámaras de vídeovixilancia sería contratando policía local que vixiase as pantallas as 24 horas do día e dando aviso en tempo real. Todo isto suporía un gasto moito maior que o dedicado aos arranxos vandálicos.
Medidas perigosas
O carácter perigoso e limitativo dos dereitos deste tipo de medidas de seguridade figura expresamente recollido nos preámbulos da normativa vixente (LO 4/1997, de 4 de agosto; RD 596/99 de 16 de abril) e nas resolucións da Axencia Española de Protección de datos.
O MpDC resalta a importancia de que, ao seren cámaras que rexistran permanentemente o que acontece na vía pública, precisan cumprir todos os requisitos que recolle a Lei Orgánica 4/1997 e o seu Regulamento de desenvolvemento, que se traducen en garantías para os cidadáns e que sen eles as cámaras pasan a vulnerar os dereitos da personalidade dos individuos, en lugar de salvargardalos.
O Movemento destaca, entre os requisitos da Lei Orgánica, que é necesaria a preceptiva autorización da Delegación do Goberno, así como o informe favorable da Comisión de Garantías que han de ser anteriores á súa instalación. No seu preámbulo a Lei Orgánica 4/1997, de 4 de agosto, pola que se regula a utilización de videocámaras polos corpos e forzas de seguridade en sitios públicos recóllese: “Agora é oportuno proceder á regulación do uso dos medios de gravación de imaxes e sons que veñen sendo utilizados polas Forzas e Corpos de Seguridade, introducindo as garantías que son precisas para que o exercicio dos dereitos e liberdades recoñecidos na Constitución sexa máximo e non poida verse perturbado con un exceso de celo na defensa da seguridade pública”.
Forzas e corpos de seguridade
Por outra banda no artigo 6 da dita Lei Orgánica no que se regula a utilización de videocámaras polas Forzas e Corpos de Seguridade -que son os únicos autorizados a instalaren cámaras en lugares públicos- recóllense os principios que deben presidir a utilización das cámaras, afirmando que é necesaria a proporcionalidade, que se traduce en: idoneidade, é dicir, que so se poden usar videocámaras cando resulte adecuado para unha situación concreta, como por exemplo para o mantemento da seguridade cidadá, e en intervención mínima, é dicir, que exista ponderación entre a finalidade perseguida e a posible afectación pola utilización da vídeo cámara os dereitos á honra, propia imaxe e intimidade.
O Movemento polos Dereitos Civís solicita, xa que logo, ao Concello de Pontedeume, que se absteña de instalar cámaras de vídeovixilancia sen cumprir cos requisitos esixidos polas normas, é dicir, sen cumpri co principio de proporcionalidade, sen ter a autorización da Delegación do Goberno e o informe favorable da Comisión de Garantías e que respete o dereito á intimidade dos seus cidadáns. Ademais, desde o colectivo pídese igualmente que esta institución teña en conta eses dereitos á hora de considerar outros sistemas para controlar as rúas para que, por un lado, a efectividade sexa maior e, polo outro, que as persoas non vexan afectadas as súas liberdades e dereitos.
ler o resto do texto

23/02/10

O MpDC alerta de que Correos fai traballar a un funcionario con muletas




O Movemento polos Dereitos Civís vén de coñecer a vergoñenta decisión do director territorial de Correos, que denegou a prórroga da licenza da baixa médica a un funcionario de Correos de Santiago, polo que hoxe tivo que repartir os paquetes con muletas.

O Movemento denuncia publicamente tan grave vulneración dos dereitos máis fundamentais do traballador de Correos, que logo de sufrir dous accidentes laborais, atopábase de baixa. Malia a todo, hoxe, a empresa Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, S.A deulle a alta, xa que os funcionarios de Correos teñen que solicitar ao sétimo día de baixa unha licenza, que dá a propia empresa, para continuar con ela.

A negación desta baixa e a conseguinte obriga de facer traballar a esta persoa sen estar nas condicións óptimas para exercer o seu labor, supoñen un delito contra a súa saúde e benestar. Ademais, supoñen un empeoramento na calidade do servizo que presta correos, porque é obvio que unha persoa con muletas non pode facer ben e con rápidez o seu traballo.

Esta política de denegación de baixas por criterios economicistas non só afecta aos funcionarios de Correos, que ven mermada a súa calidade de vida laboral, senón que tamén afecta aos usuarios de empresa que reciben un servizo de baixa calidade, levado a cabo por persoas con problemas de saúde.

Desde o MpDC agardamos que a Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, S.A reflexione e entenda que mediante o abuso de poder e a constante vulneración dos dereitos dos seus traballadores non solucionará os problemas económicos que teñen derivados da entrada das empresas privadas no sector da correspondencia, senón que fomentan o empeoramento do servizo que levan a cabo os seus traballadores, lesando xa primeiro os seus dereitos como traballadores.

Máis queixas

Nas pasadas eleccións ao Parlamento Europeo dous traballadores da Sociedade Estatal Correos e Telégrafos S.A foron designados membros da mesa electoral correspondente no Centro de Tratamento Automatizado de Correos en Lavacolla (Santiago de Compostela). Os traballadores aínda non veron reoñecidos os seus dereitos e seguen sen desfrutar da
redución da súa xornada de traballo de cinco horas, que marca a Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral.

O Real Decreto 503/2007, que regula a prestación dos servizos postais, abriu as portas á suspensión do reparto a todas as vivendas situadas a máis de 250 metros dunha estrada convencional, tendo os veciños que recorrer a un buzón comunitario. E por último salientar que segundo datos recentemente divulgados por un sindicato estatal, o recorte de empregos de Correos na Galiza foi de preto de 200 postos de traballo nos últimos anos, o que afectou especialmente as zonas rurais.

Desde o Movemento pedimos ás administracións competentes que tomen cartas no asunto e solucionen os problemas que sofren os traballadores de Correos, que por extensión, son tamén os nosos problemas.
ler o resto do texto

22/02/10

Imaxes da entrada dos efectivos policiais na Xunta


A acción produciuse durante o peche que traballadores e traballadoras das instalacións deportivas de Galiza realizaron o pasado venres na Xunta. A brutalidade desorbitada desta intervención policial foi "abraiante" xa que "tiraron a porta e quitaron os catro ou cinco primeiros até retorcéndolles os brazos", informou o sindicalista ao xornal dixital GZnación.

Ademais, unha traballadora Pontevedra e outra de Compostela doíanse das costas, tamén había outra cun ombreiro luxado e foron diversas as patadas propinadas polos efectivos policiais mentres os e as agredidas estaban tirados no chan, aclarou pola súa banda Xosé Lois Martín.

Os motivos

A Xunta comprometeuse no seu momento a quen desbloquear as negociacións por un "convenio colectivo digno", negociacións paradas desde fai máis de días.
ler o resto do texto

O MpDC denuncia o mobbing sufrido por unha traballadora de Rairiz de Veiga

O Movemento polos Dereitos Civís vén de coñecer o despedimento improcedente e o acoso laboral sufrido pola traballadora social, Cristina Gándara, por parte do Concello de Rairiz de Veiga. Desde o MpDC vemos neste feito unha gravísima vulneración dos dereitos máis básicos da traballadora e das garantías establecidas legalmente.

A dita traballadora xa fora despedida no 2008 cando se atopaba de baixa e o TSXG declarou o despido como nulo e ordenou admitila. Agora coa orde de que recollese as súas cousas en cinco minutos e entregase as chaves, vólvena botar.

A empregada, desde que foi readmitida por orde do TSXG sufriu mobbing ou acoso laboral. Segundo a Unión Europea o mobbing é definido como “aquel comportamento negativo entre compañeiros ou entre superiores ou inferiores xerárquicos, a causa do cal o afectado é obxecto de acoso e ataque sistemático durante moito tempo, de modo directo ou indirecto,
por parte dunha ou máis persoas, co obxectivo e/o efecto de facerlle o
baleiro”.

Mobbing

O termo mobbing ten diversas extensións como poden ser a función da persoa que leve a cabo o hostigamento, no caso de Cristina Gándara, ela sofre bossing porque é o seu xefe, o alcalde de Rairiz de Veiga, Xosé Xaquín Rodríguez Antonio, quen exerce o abuso, segundo as declaracións da traballadora.

O Movemento polos Dereitos Civís alerta que mobbing ou bossing atentancontra a integridade moral do traballador/a, producíndolle problemas psicolóxicos, físicos, sociais efamiliares que se traducen en depresións, sentimentos de culpabilidade, estrés, ansiedade, perda de autoestima, irritabilidade e dificultade para concentrarse. Todos estes problemas finalizan coa marcha do traballador ou o seu despedimento.

Demasiados casos semellantes

O caso da traballadora social do Concello de Rairiz de Veiga, por desgraza, non é un caso illado. Na Galiza temos outros moitos exemplos de acoso laboral ou mobbing sufrido por traballadoras nos concellos, como por exemplo, as do Concello de Porriño que viviu unha situación denigrante, a do Concello do Carballiño e outra no Concello de Dozón con 32 sentenzas gañadas en todas as instrucións.

Desde o Movemento polos Dereitos Civís queremos solicitar unha implicación maior por parte das administracións de Xustiza nos casos de mobbing, que defendan as vítimas e poñan castigos exemplares aos acosadores. O colectivo quere transmitir ás mesmas que non permitan que os traballadores teñan que vivir situacións inhumanas e fóra de
calquera cometido laboral ou xa mesmo persoal.
ler o resto do texto

21/02/10

Bolivia non camiña soa

Transcurridos algo menos de dous meses das eleccións presidenciais, que outorgaron a Evo Morales a renovación do seu mandato á fronte do Estado Plurinacional de Bolivia, poucas son as valoracións políticas sobre o impacto rexional e global que isto xerará. A prácticamente nula cobertura mediática que os mass media occidentais outorgan a procesos desta embergadura manifesta, dunha banda, o papel residual que a política latinoamericana continúa a ter na configuración da axenda internacional dos Estados do chamado “primeiro mundo”, así como unha clara tentativa de silenciar as potencialidades dun proceso que afortala a construcción de proxectos alternativos e transformadores, nun momento en que a crise que atravesa a economía mundial manifesta de novo a inviabilidade do sistema capitalista.

Evo Morales, á cabeza do MAS (Movemento ao Socialismo) afronta hoxe con renovado apoio popular o desafío de refundar o Estado de Bolivia, desde unha perspectiva plurinacional e comunitaria, conformando un novo mapa institucional que será a base sobre a que construir o seu proxecto social.

As reformas en marcha afectan ao corazón mesmo do Estado, desde o marco autonómico –co recoñecemento das autonomías indíxenas que supoñen a institucionalización da plurinacionalidad recoñecida constitucionalmente- pasando pola modificación dos órganos executivo, lexislativo e xudicial, a mudanza de réxime electoral asi como a procura dunha outra relación entre a sociedade civil e o Estado, incentivando a participación política de base como camiño cara a consolidación dunha verdadeira democracia participativa.

O inédito apoio acadado polo Movemento ao Socialismo suma un argumento máis que evidencia a febleza das críticas que os teóricos das democracias liberais botan sobre Evo Morales e o seu goberno, tentando deslexitimar a opción que o pobo apoiou masivamente, outorgándolle a maioría absoluta nas dúas cámaras lexislativas existentes, algo fundamental á hora de poñer en marcha a maquinaria que posibilite a implementación das novas institucións e, en definitiva, o funcionamento do novo Estado.

Bolivia enfronta hoxe o reto da consecución dunha economía afortalada que permita levar ao cabo a ampla axenda de proxectos sociais que o pobo precisa, sen caer en tendencias de corte desarrollista nin incurrir nunha sobreexplotación dos seus recursos naturais. Neste desafío o Estado presidido por Evo Morales non se atopa só: camiña da man doutros gobernos que, desde a periferia do sistema, construen alternativas sólidas alicerzadas no pobo; a forza destes proxectos aumentará na medida en que sexan quen de erguer unha voz conxunta; para este fin, contan cun importante instrumento de integración rexional de selo antiimperialista e popular, en marcha baixo as siglas do ALBA (Alianza Bolivariana para los Pueblos de Nuestra América), que une, entre outros, Bolivia, Cuba, Venezuela, Nicaragua e Ecuador, e que construe imparábel unha alternativa en América Latina que é voz dos pobos oprimidos e símbolo de dignidade e loita.

Laura Arjonilla/Palitóloga
ler o resto do texto

20/02/10

Caixas de Aforros, un debate manipulado

A crise económica actual que nace, entre outras causas, no sistema financeiro, ten a súa orixe nas políticas desreguladoras postas en marcha nos anos oitenta por Ronald Reagan e Margaret Tacher. Se había un sistema claramente liberalizado e sen regras ese é o financeiro, non é casual, polo tanto, que estivera no epicentro da crise.

Os gobernos de todo o mundo afrontaron plans de rescate multimillonarios con cargo ao erario público: era salvar os bancos, para salvar o sistema capitalista.

Dentro das políticas neoliberais, Margaret Tacher impulsou nos anos 80 a privatización das Caixas de Aforros da Gran Bretaña, un camiño que seguiron posteriormente este tipo de entidades na maior parte da Europa, onde tamén foi privatizada a Banca Pública.

Dende aquela, son numerosas as presións para que as Caixas do Estado español sexan privatizadas. É certo que nalgúns países como Alemania, perviviron as caixas, pero en ningún caso coas cotas de mercado destas entidades no sistema financeiro estatal e galego.

As caixas necesitan hoxe recapitalizarse, o froito amargo dunha xestión cuestionable. Grazas a facilidade de aceso ao financiamento maiorista externo sobreendebedáronse, sobreexpoñéndose pola vía do creto e dos investimentos no sector do ladrillo.

O incompetente e ultraliberal gobernador do Banco de España, que nada fixo para evitar esta situación, recibiu agora do Goberno central todos os poderes para reestruturar o sistema financeiro a través do Decreto 9/2009 coñecido como FROB. As entidades precisan axuda, pero para recibila deberán someterse aos designios do fracasado supervisor. Senón, sempre queda a ameaza da intervención.

O Banco de España pretende reducir as caixas de aforros das 47 actuais a 10 ou 15, e, posteriormente, a 5. Na súa visita a Vigo tamén anunciou que o Goberno central sacará unha norma para que “estas entidades podan captar recursos propios como fan os bancos co seu capital”. Concentrar para privatizar.

No mapa financeiro deseñado dende o Ministerio de Economía e o Banco de España, as Caixas Galegas estaban chamadas a desaparecer en procesos de fusións con caixas de fóra de Galiza.

Este é o debate real, as entidades non poden seguir en solitario por imposición do Banco de España e o Goberno do PSOE se non chegan aos 50.000 millóns en activos, o único xeito de seguir mantendo caixas galegas é unha fusión de Caixa Galicia e Caixanova. Unha opción que trastoca todo o deseño realizado concienzudamente nos despachos de Madrid.

O nacionalismo político e sindical defende que os aforros dos galegos e galegas sexan xestionados dende Galiza, para crear riqueza e emprego no país, e para que os beneficios revertan na sociedade a través da Obra Social. É por iso que dende a CIG, fronte a un sistema totalmente neoliberal que entrou en creba e tivo que ser rescatado con diñeiro público, deféndese un control público e democrático sobre un sector económico estratéxico.

Por iso apoiamos a fusión das caixas galegas, para que contemos con entidades baixo control público e sen accionistas privados. Do contrario teremos outro banco máis e malia que digan que o capital non ten patria, non é o mesmo onde rematen os excedentes.

Clodomiro Montero-Secretario nacional CIG-Banca
ler o resto do texto

19/02/10

O MpDC critica a total impunidade da Policía, que volveu cargar hoxe en Compostela

De novo a ira dos corpos e forzas de seguridade por controlar de forma déspota e inhumana as manifestacións contra as institucións volve dar con persoas lesionadas e con dereitos lesionados, coma o de manifestación entre outros. A acción produciuse durante o peche que traballadores e traballadoras das instalacións deportivas de Galiza realizaron esta mañá na Xunta.

Esta mañá o Movemento polos Dereitos Civís facíase eco doutra acción policial desproporcionada, daquela contra a liberdade de expresión en Ourense. No caso que nos ocupa agora e segundo os datos que achega o xornal GZnación, a Policía entrou derrubando a porta do despacho do director xeral de Relacións Laborais, Odilio Martiñá, lugar no que se atopaba o persoal concentrado en protesta polas súas condicións laborais.

Acaso vivimos nun Estado policial? Acaso calquera manifestación contra o establecido, contra as administracións, ten que ser abortada pola forza bruta da violencia policial? Unha vez máis –e xa van moitas- o MpDC lembra que esas actuacións policiais son absolutamente denunciábeis e sancionábeis e lembra tamén a total impunidade coa que actúan, abalanzándose sobre os dereitos das persoas e tumbándoos coma apisonadoras.

A brutalidade desorbitada desta intervención policial foi “abraiante” xa que “tiraron a porta e quitaron os catro ou cinco primeiros até retorcéndolles os brazos”, informaron fontes da Confederación Intesindical Galega (CIG) a GZnación. Ademais, tal e como cita o xornal dixital unha traballadora de Pontevedra e outra de Compostela doíanse das costas, tamén había outra cun ombreiro luxado e foron diversas as patadas propinadas polos efectivos policiais mentres os e as agredidas estaban tirados no chan.

O Movemento seguirá denunciando, seguirá póndo en coñecemento da cidadanía estas aberracións contra os dereitos civís para que non pasen desapercibidas como é a vontade de quen as practica e di, como o fixo esta mañá e o seguirá facendo, que o totalitarismo co que actúan os corpos e forzas de seguridade contra a sociedade non é propio dun Estado de dereito. Ademais, o colectivo solidarízase coas persoas lesionadas polos efectivos policiais.
ler o resto do texto

O MpDC condena a actuación policial contra uns “mecos” en Ourense


O Movemento polos Dereitos Civís foi coñecedor de que varios deputados do BNG presentaron unha iniciativa no Parlamento sobre a actuación da policía no centro de ensino secundario de Celanova, onde uns "mecos" colgados das fiestras aludíann ao posible traslado do centro e foron retirados nunha manobra policial totalmente fóra de lugar. Neste sentido, o Movemento polos Dereitos Civís cría que xa o tiña visto todo en actuacións policiais desproporcionadas, se ben esta resulta sorprendente.

É coñecido que os centros de ensino organizan actividades arredor do entroido. No IES de Celanova unha destas actividades versou sobre a actualidade que rodea o traslado do centro pero a Policía Local e posteriormente a policía adscrita "procederon a contactar co equipo directivo para intentar a retirada dos bonecos, segundo parece debido a unha denuncia”, tal e como informou o Faro de Vigo na súa edición de Ourense.

É sorprendente que se empreguen os corpos de seguridade para impedir unha actividade de Entroido nos centros educativos, feito que lembra máis á ditadura franquista que a unha democracia. Desde a asociación critícase enerxicamente este despregue de forzas e corpos de seguridade cuxo fin foi retirar uns bonecos dun edificio.

Parece, aos ollos do Movemento, que a finalidade desta acción puidera ser a de intimidar a cidadanía para que cese nas críticas ao traslado do centro, feito que, de ser certo, sumaríase á longa lista de despropósitos cometidos polos corpos policiais contra todo aquilo que poida desestabilizar as decisións tomadas polas administracións.

Ademais, o MpDC tamén cre que este feito atenta contra a liberdade de expresión, xa que unha parte da sociedade se veu privada deste dereito ao censurarse a súa posibilidade de manifestar publicamente unha opinión. A todas luces, unha actuación policial deste calado merece ser explicada no Parlamento, xa que estamos asistindo a un abuso da autoridade e a unha privación das liberdades e dos dereitos das persoas intolerábel en calquera sociedade.
ler o resto do texto

18/02/10

O MpDC agarda que se repare dunha vez por todas a honra de Xosé Humberto Baena

A familia do último fusilado polo réxime franquista, Xosé Humberto Baena Alonso, escribiu novamente ao Presidente do Goberno reclamando a anulación do xuízo polo que foi condenado á morte no ano 1975, sen unha soa proba na súa contra e considerando que todo foi unha “farsa macabra para dar un escarmento” nos delicados momentos que se estaban vivindo.

A recente contestación do Ministerio da Presidencia é a seguinte: Contesto ao escrito que dirixiu ao Presidente do Goberno, e comunícolle que damos traslado do mesmo aos Ministerios da Presidencia e de Xustiza para o seu coñecemento. Flor Baena, leva catros anos escribíndolle ao presidente do goberno estatal sobre o asasinato do mozo vigués. A irmá do asasinado pide unha solución para o caso e a eliminación total da pena de morte na Constitución española, peticións ás que se suma o MpDC.

O Movemento agarda que desta volta si haxa unha resposta por parte do goberno central máis alá da confirmación de recepción dos escritos da familia e da transmisión dos mesmos ás autoridades competentes. Para a asociación é de dereito que se restableza -dunha vez por todas- a memoria e a honra de Xosé Humberto, asasinado e condenado sen ningún tipo de xuízo. Desde o colectivo enténdese que han ser as propias institucións democráticas as que actúen para reparar estes crimes e que, xa que non o están a facer, que faciliten o máis posíbel este trámite iniciado por familias coma a do mozo vigués.

Xuízos sumarísimos


Como denuncia a irmá de Humberto Baena, milleiros de familias pasaron pola Sala do Militar do Tribunal Supremo pedindo a revisión de condenas de morte ditadas en xuízos sumarísimos logo da Guerra Civil. Lamentábelmente, desde 2000, en todos eles e de xeito sistemático o Ministerio Fiscal opúxose á revisión dos mesmos.

O Movemento polos Dereitos Civís quere expresar unha vez máis a súa denuncia diante dunha violación tan flagrante dos dereitos civís como é o asasinato por unha ou outra crenza, así como condena expresamente o silencio e a complicidade das institucións, que deixan caer no esquecemento as memorias de milleiros de persoas coma Xosé Humberto. Ademais, a asociación quere transmitir á familia do vigués o seu apoio.

Memoria histórica

A Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura, coñecida como Lei de “Memoria Histórica”, “deixounos na máis absoluta incerteza”, quéixase a irmá do asasinado polo franquismo. Somos un caso único entre as vítimas dos xuízos inxustos do Franquismo, que seguimos loitando para conseguir “verdade, xustiza e reparación”, di.

Neste sentido, o Movemento non pode senón adherirse á solicitude de aplicación da dita lei para que se recoñeza o dereito de familiares e vítimas directas de violacións de dereitos humanos cometidas durante a Guerra Civil e do réxime franquista, como é o caso, a saber a verdade sobre os seus seres queridos e a obter xustiza e reparación. Segundo a Lei Orgánica do Poder Xudicial, só se pode presentar un novo recurso no Supremo se se achegan novas probas, o cal non é o caso. O único camiño é a posibilidade de recorrer ante a ONU.
ler o resto do texto

17/02/10

Dereito á información e liberdade de expresión, cifras para alarmarse

O Movemento polos Dereitos Civís vén de coñecer que 71 xornalistas foron asasinados no exercicio da súa profesión en 2009. Ademais, 165 xornalistas atopábanse en prisión a finais de 2009, 40 máis que en 2007. Estas cifras caen coma un xerro de auga fría no que aos dereitos civís se refire, primeiro porque persoas morren e son privadas de liberdade realizando o seu labor e segundo porque a liberdade de expresión e o dereito á información foron e son sistematicamente violados.

O Comité para a Protección dos Xornalistas (CPJ) acehgou estes datos no día de onte e é o número máis alto de vítimas contabilizado por esta organización en 18 anos. Ademais, a dita asociación pon en alerta asimesmo sobre o "notable aumento da represión" en países como Irán, o que fixo do 2009 "o peor ano en case catro décadas" para a liberdade de prensa no mundo, o que supón un aumento notable respecto de 2008, cando se rexistraron 42 decesos. Ante estes datos, o MpDC pregúntase onde está a seguridade, onde está a protección ás e aos informadores e onde está a Xustiza que deixa totalmente impunes asasinatos e vulneracións flagrantes dos dereitos e liberdades das persoas.

A organización destaca no seu informe "Ataques á prensa en 2009" que o arresto de 90 comunicadores en Irán tras as eleccións presidenciais, a masacre de 31 xornalistas en Filipinas ou as restricións á liberdade de prensa en Latinoamérica e outras rexións auguran un futuro "sombrío" para a prensa. O informe denuncia tamén a intimidación a xornalistas por parte de bandas criminais, o que creou un baleiro informativo contra o narcotráfico que se libra no norte de México, entre outros casos.

Non podemos agardar ao 3 de maio para falarmos sobre a liberdade de expresión. Todos os días no mundo se producen silenciamentos, mortes, apreixamentos, censura..., sen ir máis lonxe na radio pública galega cando fai uns días traballadoras e traballadores foron reprendidos por unha superiora ao se interesaren por unha actuación neglixente de outros deles no que ten a ver coa manifestación de Queremos Galego do pasado 21 de xaneiro. O Movemento alza a voz contra todos eles, facéndose eco da desprotección das e dos informadores á hora de realizaren o seu traballo.

A impunidade de moitos gobernos, a vil forma de enmascarar realidades e de tapar responsabilidades fan que a vulnerabilidade dos e das xornalistas sexa algo á orde do día. Sorprende ver como se pode desvirtuar a funcionalidade propia dun dereito fundamental. Todos comprendemos perfectamente a importancia da existencia de medios de comunicación plurais e independentes. Esta é parte da herdanza máis palpábel logo de máis de tres séculos de reivindicacións pola liberdade de opinar, de recibir ou comunicar información, afirmou o pasado 3 de maio o voceiro do MpDC, Renato Núñez.

Non é importante, dixo o responsábel do Movemento, que os xornalistas sexan maltratados mentres cobren a información que se lles encomenda (nas protestas de Reganosa ou en Barcelona), chegando a casos extremos nos que son asasinados (Xosé Couso), non importa que a cidadanía lea ou escoite esta información de forma apresurada mentres almorza ou toma un café sen poder facer, xa que logo, una análise exhaustiva do que se lles di e confiando na profesionalidade destes medios.

Nesta reflexión de Renato Núñez queda claro que “o único imporante é a finalidade que se pode lograr coa información difundida”, sen miramentos. É aquí cando as vidas das persoas se devalúan no exercicio do seu traballo pola voráxine informativa e a desidia dos gobernos e da comunidade internacional, que asiste impasíbel a estas vulneracións dos dereitos civís. Neste caso coma nos outros, o MpDC non pode calar.
ler o resto do texto

15/02/10

O voto útil

En cada un dos procesos electorais que se dá neste Estado existe unha expresión que se repite de forma insistente: a do ‘voto útil’. É aquel voto que permite gañar unhas eleccións, o voto que non se perde entre aquelas organizacións políticas que non chegarán a ter capacidade de goberno real.

É o voto que capacita a un partido político para desenvolver as súas políticas, de dereitas ou ‘esquerdas’. Non hai moitos máis matices porque o voto útil é o voto do bipartidismo e, segundo o abano político español, ou votas a dereita ou votas o Partido Socialista. Non podes votar a Esquerda Unida, Bloque Nacionalista Galego, Aralar, UPyD, Partido Galeguista… porque votando a calquera destes partidos debilitas unha das dúas grandes opcións, facilitando o camiño á contraria para e poder así conseguir a maioría necesaria para gobernar.

Recentemente, na Galiza, país onde o voto útil goza dunha grande aceptación -non hai máis que lembrar que apenas existen tres Grupos Parlamentarios- o Partido Popular conseguiu o número necesario de Deputados para poder gobernar con maioría suficiente para desenvolver o seu programa electoral. Isto supón poder facer e desfacer segundo a súa vontade. Supón, por exemplo, quitar investimentos onde non os consideran necesarios e dalos naqueles lugares onde grande parte da cidadanía lle outorgou moitos dos votos útiles que o fixeron chegar ao poder.

Sería interesante preguntarlle aos votantes do Partido Popular de concellos como o coruñés de Teo, que ían gozar de centro de día, saneamento e terreos para instalar novas empresas, cal foi o valor do seu voto útil. Votaron a un partido para que lles retiraran todas estas infraestruturas do seu concello? Teñen algo especial en contra deles ou foron enganados por este partido? Sería interesante que se preguntaran que utilidade lle deu o Partido Popular ao seu voto.

Renato Núñez, portavoz do Movemento polos Dereitos Civís
ler o resto do texto

14/02/10

Non ao decretazo, si ao galego!

O pasado 21 de xaneiro houbo un paro xeral no ensino público non universitario de Galiza. O alumnado e o profesorado protagonizaron unha histórica mobilización reclamando a retirada do decretazo contra a lingua galega que presentou Alberto Núñez Feijóo.

Para quen di que o pobo galego non se mobiliza ou que é abúlico na defensa dos seus sinais de identidade, os datos son ben elocuentes. Segundo datos sindicais, o paro afectou a un 90% nos tramos convocados e, na manifestación convocada en Santiago de Compostela, a cifra de participantes oscilaría entre os 30.000 aventurados pola policía local e os 80.000 estimados por Queremos Galego. En calquera caso, unha das maiores mobilizacións educativas da nosa historia.

Agora, como reza a consigna, a loita continúa. Se o Goberno galego, que non exerce como tal, se nega a escoitar o clamor unánime da sociedade e non retira este decretazo, verémonos obrigados a máis mobilizacións.

É importante que expliquemos socialmente os motivos deste rexeitamento contundente e unánime por parte das comunidades educativas e que, en xeral, non desfalezamos nesta batalla cívica na defensa dos nosos dereitos lingüísticos. É moito o que podemos facer no noso entorno, coa xente que coñecemos, para ir gañando esta batalla.

O PP aposta por queimarnos todo o posíbel neste comezo da lexislatura, con propostas inéditas na súa involución e con reiterados insultos humillantes (“extremistas”, “acomplejados”, “ensimismados”, “coaccionadores”...). Queren que cansemos, que pensemos que eles poden facer o que queiran e que nós non temos dereitos, polo que supón unha perda de tempo reclamalos.

No entanto, a nós tócanos resistir a estes ataques con intelixencia e entusiasmo. Porque o que non fagamos, aquí e agora, pola nosa lingua, ninguén o vai facer por nós.

Carlos Callón/Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística
ler o resto do texto

13/02/10

Eu tamén sacaréi partido do ano Xacobeo

ler o resto do texto

12/02/10

O MpDC critica a Xunta por non se axustar á Lei de transparencia

O Movemento polos Dereitos Civís constata que o goberno da Xunta non
cumpre coa Lei de transparencia que se aprobou no 2006, durante o
goberno do bipartito e que Feijóo asegurou cumprir na campaña
electoral. O web creado para colocar nel os concursos públicos e
outras informacións de interese á cidadanía -co que se daba
cumprimento á Lei- non se está a actualizar.

A vulneración á igualdade ante a lei vén dada porque unha das
finalidades deste corpo lexistlativo son os contratos públicos. De
feito, o artigo 10 da lei di: “1. Os órganos de contratación das
entidades comprendidas no ámbito de aplicación desta lei daranlles aos
operadores económicos un tratamento igualitario e non-discriminatorio
e actuarán con transparencia. 2. Nos procedementos de contratación en
que, de conformidade coa normativa de contratos públicos, sexa
preceptiva a publicación de anuncios de licitación, o órgano de
contratación publicará, con carácter complementario, un anuncio na súa
páxina web no cal se indicará o obxecto do contrato, o seu prezo, a
referencia do diario oficial en que se publicou o anuncio, a data de
remate do prazo de recepción de ofertas ou solicitudes de
participación e o lugar onde estas deberán ser presentadas, así como
os pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas”.

Se os contratos públicos non se fan públicos ou non se lles dá a
suficiente publicidade, atopámonos con adxudicacións directas a
empresas. Isto supón unha grave vulneración do dereito de igualdade
ante a lei, porque todas as empresas que potencialmente poden optar ao
concurso público perden esa oportunidade de traballo porque a Xunta
adxudícalle ese traballo a empresas determinadas.

Ao Movemento dóelle a deixadez que ten a Xunta ante a lexislación,
ante a cidadanía e ante a propia Xunta. O goberno recoñece, de cara á
galería, a importancia dunha lei de transparencia para facer efectivo
o dereito dos cidadáns e da sociedade civil a coñecer a actividade da
administración e favorece o control da legalidade e oportunidade das
decisións administrativas, pero aá hora da verdade non o fai efectivo.
Entón por que mantén a vixencia desta lei?

Xa que logo, o Goberno galego vulnera de xeito alarmante o dereito á
información ao incumprir una lei creada expresamente para comunicar á
cidadanía sobre os dereitos e sobre os recursos aos que poden optar.
Precisamente a lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas
prácticas na Administración pública galega, no seu artigo 4º fala do
dereito das persoas á información: “as persoas teñen dereito a
solicitar e obter información sobre os aspectos da actividade
administrativa das institucións e órganos mencionados no artigo 1
desta lei que afecten aos seus dereitos e intereses lexítimos. A
devandita información poderá ser de carácter xeral ou particular e
comprende así mesmo o acceso aos arquivos e rexistros a que se refire
o artigo 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común”.

A lei de transparencia e boas prácticas deberíana respetar a
administración pública galega, a consellería de presidencia, as
administracións publicas e a xustiza. Esta lei obriga publicitar a
través da web da Xunta toda a información relacionada coa actividade
administrativa da Consellería no sentido que a propia lei establece,
como por exemplo obriga a publicitar as remuneracións dos asesores ou
os contratos públicos e convenios que subscriba a Administración
autonómica.

Desde o MpDC denunciamos que unha institución como é a Xunta de Galiza
que ten que servir de exemplo de honestidade e legalidade ao resto de
institucións, vexa danada a súa imaxe por incumprir unha lei que,
precisamente pretendía garantir a transparencia e a eficacia da
organización na xestión pública.

Coma sempre, os grandes prexudicados son os cidadáns que unha vez máis
ven vulnerados os seus dereitos máis básicos. Neste caso aínda é máis
doente porque a cidadanía estaba respladada por unha lei que dicía que
ía “fomentar e favorecer a participación da cidadanía nos asuntos
públicos e no deseño e mellora dos servizos públicos. Proporcionar e
difundir información constante, veraz, obxectiva e clara sobre a
actuación do sector público autonómico.
ler o resto do texto

11/02/10

O MpDC leva un ano agardando pola resolución da AEPD sobre as cámaras de Urbaser en Redondela



Case un ano despois o Movemento polos Dereitos Civís segue a agardar a resolución da Agencia Española de Proteción de Datos sobre a irregular instalación de cámaras videovixilancia na empresa de recollida de lixo Urbaser. Mentres, as traballadoras e traballadores da empresa seguen a ver lesados os seus dereitos á intimidade e á propia imaxe.

Desde o MpDC recordamos que a empresa de recollida de lixo Urbaser instalou cámaras de vídeo-vixilancia na nave-garaxe que ten en Redondela. Ante tales feitos, o Movemento solicitou á empresa que informase sobre o grao de enfoque ou ángulo de visión das cámaras situadas no exterior da nave de Redondela e pediu ademais á dita empresa o cumprimento da normativa imperante tanto en materia laboral coma de proteción de datos. A finalidade dos dispositivos é, segundo a propia empresa afirmou, a de vixiar os seus traballadores colocando unha no interior da nave e outra no exterior. Segundo os datos
proporcionados ao Movemento, a cámara exterior está enfocando un campo bastante amplo, que inclúe uns 5 metros de beirarrúa, o arcén e un dos carrís da N-550.

Ademais, tal e como puido saber o Movemento, as cámaras foron instaladas o 26 de febreiro de 2009 aínda que o feito de estaren colocadas e funcionando se deu a coñecer días mais tarde aos traballadores. Segundo o artigo 33 da Lei de Prevención de Riscos
laborais, a empresa ten que informar da instalación de novas tecnoloxías en relación coa seguridade e a saude laboral, feito que aconteceu posteriormente á colocación.

O Movemento polos Dereitos Civís quéixase de que, ante unha evidente irregularidade por parte da empresa Urbaser, na instalación das cámaras de videovixilancia, a AEPD aínda non emita ningunha resolución a pesar de que, segundo a dita institución, aprecian a existencia de indicios susceptibles de motivar a imputación por infracción.

Desde o MpDC entendemos que a Agencia ten que seguir uns procedementos para chegar a dictar unha resolución, pero cremos que un ano é unha demora desproporcionada para realizar as actuacións de inspección pertinentes e avaliar as irregularidades cometidas por Urbaser e que están a sufrir en primeira persoa as e os traballadores da empresa que
ven como os seus dereitos son vulnerados sen que as insititucións responsábeis do cumprimento da Lei fagan nada por llelos restablecer.

Asistimos nas últimas datas a un auténtico proliferar destes dispositivos de control, instalados a miúdo sen as garantías imprescindíbeis para os dereitos dos cidadáns. O Movemento polos Dereitos Civís invita de novo a organismos e empresas a adecuarse en
primeiro lugar á lexislación existente, e a reflexionar, ademais, sobre a necesidade real de empregar un medio tan agresivo en lugares non particularmente perigosos. Deberá ser, por outra banda, a propia administración a que tome medidas para garantir que este novo e desmesurado culto á seguridade non acabe lesionando os dereitos dos cidadáns.

O MpDC lembra, ademais, que se ha de respectar de modo rigoroso oprincipio de proporcionalidade, é dicir, que as cámaras se instalen e se usen cando sexa a medida máis idónea para os fins que se perseguen, ademais de lembrar que non poderán usarse estes medios para fins distintos dos propios de control laboral nos espazos indispensábeis para tal obxectivo tendo en conta, claro está, o dereito á propia imaxe dos traballadores e traballadoras da empresa.
ler o resto do texto

10/02/10

O MpDC denuncia a agresión a GzVideos e achégalle o seu apoio

O portal web de contrainformación GZVideos sufriu este martes un ataque informático que supuxo a perda momentánea da información que a dita plataforma levaba almancenando desde 2007. Ao respecto, o MpDC amosa a máis grande repulsa ante tal atentado contra a liberdade de expresión e o dereito de información que toda sociedade ten.

Ambos os dous dereitos quedan seriamente danados logo deste ataque sufrido polo colectivo galego de información na rede. Nun país democrático non se pode permitir ningún tipo de acción que limite ou cancele a liberdade de expresión e moito menos nun medio de comunicación.

Polo tanto, desde o Movemento polos Dereitos Civís amosamos o noso máis sincero apoio a Gzvideos neste momento de vulneración dos seus dereitos máis básicos como instrumento de comunicación que é e estendemos este sentimento á cidadanía galega que ve, unha vez máis, coartados os seus dereitos e liberdades esenciais. Tanto a emisión de información como a escolla da mesma son un dereito e polo tanto a súa vulneración debe ser denunciada.
ler o resto do texto

O MpDC sente decepción ante a actitude da AEPD en materia lexislativa

O Movemento polos Dereitos Civís vén de coñecer que a Agencia Españolade Proteción de Datos se esgrime na modificación da lei 23/1992 de seguridade privada para botar por terra os dereitos das persoas no que ten a ver coa honra e a propia imaxe, feito que é considerado como un paso máis na violación dos dereitos civís.

Esta nova lei, a 17/2009 de 23 de novembro, determina que calquera particular ou empresa cuxa actividade non sexa a propia dunha empresa de seguridadde poderá vender, entregar, instalar e manter equipos técnicos de seguridade, sen necesidade de cumprir as esixencias previstas na lei anterior.

Polo tanto, a lei lexitima a quen adquira dispositivos de gravación a tratar de forma individual os datos persoais derivados da captación de imaxenes, sen necesidade de acudir a unha empresa de seguridade privada. Isto supón unha total indefensión da cidadanía que ve como se esfuma a protección dos seus dereitos e o que é aínda máis grave, ve como as institucións responsábeis de salvagardalos tiran pola borda as poucas garantías que tiñan até o momento.

Desde o MpDC enténdese que a nova normativa foi feita ex profeso para favorecer ás administracións ante a imposibilidade de xustificar todas as irregularidades que cometen estas á hora de instalaren dispositivos de gravación, irregularidades que na súa maioría pasan desapercibidas ou son denunciadas por asociacións coma o Movemento polos Dereitos Civís e non pola propia Agencia.

Tamén entendemos que o feito de se acoller a este cambio na lexislación se pode deber á falta de persoal do organismo para atender correctamente nun prazo razoábel as queixas dos cidadáns. A situación de desbordamento chega ata tal punto que a propia AEPD fai uns anos se puxo en contacto co Movemento para pedirnos que limitásemos o envío de
denuncias a un escrito por semana.

Carta branca

Os grandes beneficiados deste cambio son os concellos -abrindo a mán tamén ás administracións e entes privados e deixando aos cidadáns indefensos ante a proleferación de equipos de videovixilancia- que agoran terán a lei da súa parte para poderen instalar cámaras de forma indiscriminada. Mentres, a lei so regulará a instalación da videovixilancia cando vaia conectada a unha alarma central, seguindo os requisitos esixidos ata agora pola lei.

A Agencia Española de Protección de Datos asegura que as imaxes rexistradas, por todas as cámaras, deberán cumprir cos restantes requisitos esixibeis en materia de proteción de datos de carácter persoal, como é a sinalización da presenza destes dispositivos e a cancelación dos datos nun prazo máximo dun mes desde a súa captación.

Desde o MpDC dubidamos do cumprimento desta parte da lei, dado que a dinámicca das administracións é a de non cumprir con ningún dos requsitos esixidos pola AEPD e instalar vidiovixilancia onde vexan elas sen ningún tipo de consideración coas persoas que están sendo gravadas polos dispositivos. As admisnistracións unicamente fan por cumprir a lei cando teñen unha denuncia ou unha queixa a respecto da instalación de cámaras no seu edificio, non ven máis alá.

A lista de exemplos que o Movemento pode ofrecer en materia de incumprimento da lei de protección de datos fala por si soa. Existe a necesidade dunha lei máis restritiva e dun organismo máis serio que a faga cumprir e non unha axencia que, cando se atopa desbordada polas irregularidades, decide abrir a man para así legalizar as irregularidades que se comenten contra a cidadanía.
ler o resto do texto

09/02/10

O MpDC acusa ao Concello do Grove de prevaricación

O Movemento polos Dereitos Civís non sae do seu asombro e anuncia que recorreu o auto do Xulgado de Instrución nº 4 de Cambados que considera a denuncia efectuada recentemente polo colectivo coma de prevaricación urbanística cando fai referencia á situación de desagravio que padece o Club Piragüismo Ogrobe.

O Movemento anuncia que denunciará ao Concello do Grove por un delito de prevaricación do artigo 404 do actual Código Penal, que sinala: “A autoridade ou funcionario público que, a sabendas da súa inxustiza, dite una resolución arbitraria nun asunto administrativo castigaráselle coa pena de inhabilitación especial para emprego ou cargo público por tempo de sete a dez anos.”

Hai que sinalar que, en contra do que dispón o Auto de 18 de novembro de 2009, en ningún momento o Movemento formulou denuncia por prevaricación urbanística. O colectivo non entende o motivo de que o Xulgado de Instrucción nº 4 de Cambados reflexe o termo urbanístico, cando non foi obxecto de denuncia por esta parte.

Ademais, e como o Xulgado di non ver ningún delicto urbanístico -evidentemente- anuncia o arquivado do procedemento, feito que o MpDC, polo desenvolvemento dos trámites procesuais, entende que carece de amparo legal e prexudica os intereses do Club Piragüismo Ogrobe, dado que non se levaron a cabo as mínimas dilixencias indispensábeis para a averiguación, natureza e circunstancias dos feitos denunciados. Así as cousas, a asociación denuncia a infracción que conleva a indefensión do Movemento polos Dereitos Civís e ó Club Piragüismo Ogrobe ante os danos que lles ocasionaron os feitos. Curiosa manobra de sobreseimento do caso cando o Concello tiña todas as de perder.

O Movemento asegura que o Xulgado non efectuou as averiguacións necesarias para comprobar a existencia da mínima actividade delictiva por parte do Concello do Grobe nin para afirmar, por outra parte, que a asociación denuncia un delicto urbanístico. Polo tanto, o dereito á tutela xudicial efectiva vese vulnerado ao acordar o sobreseimento provisional e o arquivo das actuacións.

Baixa ilegal no Redim

O Concello do Grove e o seu concelleiro de Deportes solicitaron no seu momento ao Club Piragüismo Ogrobe documentación non requerida no Regulamento Orgánico do concello para poder inscribirse no Rexistro de Entidades de Interese Municipal (REDIM), feito que foi denunciado polo Movemento.

O artigo 27 do Regulamento di que “en todo caso, a efectos de que continúe a vixencia da inscrición, todas as entidades rexistradas no REDIM, terán que presentar no concello a finais de cada ano e antes do 30 de xaneiro do ano seguinte, unha memoria das actividades e actos realizados no transcurso do ano, así como do número de socios no 31 de nadal ó igual que as modificacións producidas na composición da xunta.”

A administración grovense solicitou ademais a “copia compulsada da acta da última asemblea ou certificación da mesma firmada polo presidente e o secretario da asociación”.


O MpDC entende que a solicitude da documentación anteriormente sinalada supón unha
intromisión ilexítima por parte do Concello do Grove nos asuntos privados da entidade deportiva. Ademais, o colectivo entende que o feito de o alcalde do Grove ditar esas resolucións a sabendas da súa inxustiza e de que as mesmas son contrarias a dereito co único obxectivo de, aos ollos do MpDC, causar un mal e un prexuízo ao Club Piragüismo Ogrobe como eliminalo do REDIM coas consecuencias que iso trae -entre elas a supresión das subvencións e o non poder gozar das instalacións do Concello- son un claro acto de mala fe por parte do rexedor.

Mala fe e escuros intereses

O MpDC considera que o alcalde do Grove apoiado polo secretario do Concello, quere que o concelleiro de deportes, José Alfredo Bea García, poida impedir a utilización das instalacións municipais ao Club Piragüismo Ogrobe, dado que el presidiu o Breogán Clube ata datas recentes e este é rival deportivo do Club Piragüismo Ogrobe. Ademais Bea García é o presidente do comité técnico da Federación Española de Piragüismo. Esta situación xa foi denunciada pola entidade deportiva ante o Valedor do Pobo por entender que podería existir unha incompatibilidade entre os cargos que sustenta.

O Movemento polos Dereitos Civís ve, por un lado, unha prevaricación por parte do Concello do Grove ao esixir unha documentación que non vén especificada nun regulamento municipal e por outra ve como o xulgado nin se preocupa en ler os casos e dicta sentencia ao chou, beneficiando neste caso á administración.

Desde o Movemento polos Dereitos Civís solicitamos que o xulgado de Cambados -practicando as probas necesarias- acredite a existencia dun delito por parte do Concello do Grove obrigue a este a retificar e acoller ao Club Piragüismo Ogrobe no REDIM, como é de lei.
ler o resto do texto

08/02/10

A Xustiza volve solicitar a Bugallo que xustifique o cumprimento da súa ordenanza

O Movemento polos Dereitos Civís vén de coñecer que o Xulgado Contencioso-administrativo número 1 de Compostela lle volve requerir a Sánchez Bugallo un informe detallado sobre os 18 paneis informativos que -supostamente- ten instalados na cidade de Compostela.

O xulgado fai responsábeis a Sánchez Bugallo e a concelleira de non asumir a súa competencia nesta materia e considera que o escrito e a documentación que enviaron non responde ao precisado anteriormente e por iso esixe novamente ao Concello que proceda a dar efectivo cumprimento ao requerido.

O MpDC descoñece porque o Concello de Santiago non xustifica dunha vez onde ten instalados ou gardados os 18 paneis informativos que mercou fai uns meses e tampouco entende cal pode ser o motivo real para non cumprir coa súa ordenanza municipal e coa xustiza que lle está a esixir que presente simplemente a documentación que informe sobre o seu cumprimento da lei.

Ao Movemento indígnalle pensar que unha administración como o Concello de Santiago, que aproba unha lei para dar cabida a publicidade social, á hora da verdade non só non a cumpra, senón que tamén se nega a asumir que non a está a cumprir e refuxiase en vanas xustificacións.

Desconfianza

Cando o xulgado nº 1 de Santiago comparou o informe presentado polo MpDC e o informe presentado pola xefa do servizo de contratación e servizos comunitarios do Concello de Santiago comezou a desconfiar do cumprimento da Ordenanza Municipal de Publicidade Estática e Dinámica por parte do Concello.

A desconfianza da Xustiza ante o Concello chega a tal punto que o xuíz solicita, por segunda vez, que o informe conteña fotografías que ilustren e verifiquen a real localización dos paneis e mediante elas comprobar que se cumpren todos os puntos da ordenanza.

Ademais o Xulgado tampouco cre que os promotores das obras estean a cumprir co establecido no artigo 4 da ordenanza, que obriga ás empresas que realicen obras na cidade, a instalar un espazo nos seus paneis para que os cidadáns poidan colocar calquera elemento de comunicación social, por esixe un informe detallando o grado de cumprimento das mesmas.

A que agardan?

Por outra banda, o Movemento polos Dereitos Civís esixe de novo que o Concello santiagués cumpra co establecido no artigo 4 da súa propia ordenanza e obrigue ás empresas que realicen obras na cidade a que instalen un espazo nos seus paneis para que os cidadáns poidan colocar calquera elemento de comunicación social que consideren oportuno.

Desde o Movemento lembramos que Sánchez Bugallo aprobou aprobou a norma municipal o 25 de novembro de 2004, que no seu artigo 4, establece que: “o Concello habilitará na vía pública, en lugares frecuentados, soportes adecuados e en número suficiente para posibilitar a colocación de carteis ou anuncios. Ademais os promotores de obras habilitarán espazos específicos nos valados de protección das mesmas para a colocación de carteis ou anuncios. Estes espazos estarán perfectamente identificados e, en todo caso, deberán figurar en lugar visible o rótulo espazo destinado á comunicación social”.
ler o resto do texto

Entrevista ao Foro Galego de Inmigración


* En que condicións viven os inmigrantes na Galiza?

Hai diferenzas segundo a situación. En xeral viven como o resto das persoas que desenvolven actividades económicas de baixa cualificación e con malas condicións laborais. As persoas en situación de irregularidade administrativa teñen unha situación moito máis complicada. En xeral sofren unha notable discriminación a nivel laboral e social, e logo hai situacións moi duras como as das mulleres obrigadas a prostituirse ou noutra liña as das empregadas de fogar internas con soldos miserables, por exemplo. O incremento do desemprego no último ano e medio por mor da crise económica afecta a este colectivo tamén: adoitan vivir ao día, porque envían remesas as súas familias e teñen que pagar as débedas da viaxe e polo tanto soportan peor a falta de ingresos. Pero, por outra banda son traballadores e traballadoras que se adpatan con facilidade a cambios no mercado laboral: actividade, lugar xeográfico, etc

* Faise algo para mellorar a situación dos migrantes, desde o Goberno Autonómico?

En realidade moi pouco. Nós temos a experiencia dos gobernos anteriores do PP, do Bipartito, que xerou certa ilusión de cambio, e agora do goberno Feijoo. Sempre foi un tema menor,que espertou pouco interese, polo que non se desenvolve unha política planificada e integrada para este colectivo. Ademáis mesturase moito coas políticas dirixidas cara a emigración galega no exterior. Hai que ter en conta que aínda que as políticas de estranxeiría son competencia estatal, no campo dos servizos públicos, case todos transferidos, podería facerse moito máis pola integración do colectivo e pola promoción dunha sociedade intercultural.

* Cales son os principais problemas cos que se atopan os inmigrantes no noso país?.

Os mesmos que os nativ@s: traballo, vivenda, acceso a servizos públicos de benestar social, etc. A maiores o tema da documentación, pola dificultade en conseguila e tamén, sobretodo agora en tempos de crise, de mantela. Hai que ter en conta que @s estranxeir@s para renovar as súas autorizacións teñen que xustificar que teñen traballado na etapa anterior de duración da autorización e que teñen nese momento unha actividade laboral. En realidade como en calquera outra parte do Estado Español, o principal problema é a propia Lei de Estranxeiría, fondamente restrictiva. Nalgúns caso pode haber problemas pola lingua, as diferenzas culturais, etc. Pero isto en realidade se supera con facilidade en pouco tempo.

* Que tipo de apoio ofrece ao colectivo inmigrante o Foro Galego de Inmigración?.

O Foro Galego de Inmigración está conformado por entidades moi diversas. Algunha prestan servizos de asesoramento, mediación, axuda para a inserción laboral, axudas asistenciais, etc. Outras, servizos culturais, educativos, espazos de convivencia común, etc. En global, como Foro queremos representar as demandas do colectivo diante das administracións públicas e da sociedade. Servir de espazo de intercambio de experiencias. Ofertar apoio técnico as asociacións de migrantes para favoverecer o seu desenvolvemento. Servir da canle para denunciar situacións de discriminación e finalmente promover unha sociedade galega intercultural

* Os estranxeiros adoitan denunciar cando se atopan nunha situación precaria?

Resulta complicado. Nós no Foro este ano desenvolvimos un espazo específico de denuncias que tivo bastante resposta por parte do Colectivo. Insistimos moito na necesidade de denunciar situacións de explotación laboral e ou sexual; violencia de xenero, etc. Pero tamén situacións como os abusos nos alugueiros de vivenda ou os tratos pouco correctos ou discriminatorios das administracións públicas ou das forzas de orde pública. Para nós como Foro é un obxectivo fundamental estender a conciencia de que é imprescindible denunciar calquera situación de discriminación. Pola mesma situación en sí e para evitar que poidan repetirse situacións similares.

* As súas queixas son escoitadas por parte das administracións?.

En xeral, resulta complicado, aínda que algúns resultados temos. Con todo para nós o importante é visibilizar, facer públicos os abusos e cando se trata de actuacións delictivas, interpoñer as correspondentes demandas xudiciais. As administracións non adoptan recoñecer erros e tenden a protexer aos seus profesionais, polo que é complicado conseguir cambios de comportamento. Ou dar volta a actuacións xa feitas. Para nós o importante é a concienciación social para evitar actuacións discriminatorias e que o propio colectivo poida sentirse apoiado e respaldado.

* Existen varios termos para definir o fenómeno de coexistencia de diferentes culturas nunha mesma cidade , multicultural, intercultural, pluricultural. Cal creedes que define mellor o fenómeno?


Sen dúbida, INTERCULTURAL. Somos culturas e experiencias persoais e grupais diferentes que nos relacionamos nun determinado espazo e que conformamos unha nova sociedade intercultural, con culturas que interactuan entre elas e rematan por conformar unha cultura nova, distinta. Non se trata de integrar, nin de tolerar, senón de interactuar en igualdade de condicións e dereitos. Isto último é o que non sucede agora, desafortunadamernte.

* Que opinión lle merece a Lei de Extranxería que entrou en vigor fai un mes?

Moi negativa en xeral. Aínda que ten aspectos positivos, como a autorización de traballo para as persoas residentes reagrupadas, tende a criminalizar ao colectivo e mesmo as persoas e entidades que tentamos axudar ao colectivo en situación de irregularidade administrativa e aí temos o caso da nosa compañeira Laura Bugallo. Limita o reagrupamento familiar e pretende facer a vida moito máis dura ás persoas en situación de irregularidade administrativa, “ a cambio” de dotar de máis dereitos aos regulares. Pero isto ten “trampa”, porque a razón da Reforma é que o Tribunal Supremo obrigou a recoñecer dereitos para este colectivo e con esa desculpa, aproveitaron para introducir outras medidas restrictivas e de control, incluíndo o absolutamente inaceptable aumento do prazo nos centros de internamento (auténticas cadeas, que había que eliminar sin máis) a 60 días. Non podemos esquecer tampouco que a política de inmigración a nivel da UE é moi restrictiva e tamén no ano 2009 aprobouse a chamada “Directiva da Vergoña”, polo que o futuro das políticas migratorias en Europa semella moi negativo no referente a garantía de cumprimento dos deereitos humanos.

* Que consecuencias poden acarear para os inmigrantes as propostas dalgúns concellos ante o empadroamento dos sen papeis?

Para estas persoas é unha cuestión básica. Eu digo estes días sempre que me preguntan, que se querían buscar o medio de facer o máis difícil posible a vida destas persoas, atoparon o mellor. Empadroarse é imprescindible para acceder a servizos básicos (colexio, sanidade, benestar social, etc), pero tamén para calquera da multitude de tramites administrativos que teñen que cubrir as persoas inmigrantes. Impediría tamén a súa regularización posterior. Ademáis, no caso de Vic, a mensaxe está clara: agora que temos crise, e parece que non hai para todos e todas, primeiro para @s de “aquí” e os de “ala”, que se marchen porque sobran. Esta mensaxe é terrible, pero parece a única explicación “razoable” para actuacións deste tipo. Esquecemos, tamén, que se nesa localidade a porcentaxe de poboación inmigrante era moi signficativa, isto tiña que ver co forte desenvolvemento económico desa zona non últimos anos. De tódolos xeitos, e a pesar de que algúns grupos políticos aproveitaron para voltar a meter o tema da inmigración no debate político e social como un problema a resolver, pensamos que non se van xeralizar este tipo de iniciativas. No plano positivo indicar que a resposta política e social foi contundente en contra desta Proposta.

Miguel Fernández Blanco/ Voceiro do Foro Galego de Inmigración.
ler o resto do texto

05/02/10

O MpDC non sae do seu asombro respecto do desleixo do alcalde compostelán: “Parecíanos que xa quedara todo contestado

Tarde, mal e arrastro. Deste xeito respondeu Sánchez Bugallo á petición dun informe, por parte do Movemento polos Dereitos Civís e do Defensor del Pueblo, con relación ás desproporcionadas medidas e os controis realizados pola policía durante o 25 de xullo de 2006.

Despois de máis de tres anos de espera a Políca Local compostelana responde o escrito presentado pola asociación, sinalando que no seu informe policial non está rexistrado ningún tipo de intervención nos feitos acontecidos na Praza de Galiza de Compostela. Ademais, xustifica a súa demora na resposta alegando que erroneamente lles pareceu que na súa resposta de fai un ano xa quedara todo contestado.
Por desgraza, non se pode afirmar a estas alturas que resulte sorprendente a actitude escurantista do alcalde Sánchez Bugallo, que parece ter feito da opacidade un dos seus eixos de goberno.

O MpDC quería coñecer as causas e motivacións que levaron á policía a desenvolver un desproporcionado e invasivo dispositivo durante o 25 de xullo de 2006. Durante eses días sucedéronse os controis, os cacheos, as medidas restritivas do dereito de circulación e uso do espazo público. O Movemento solicitaba o acceso aos informes policiais que deberían existir de calquera actuación das Forzas de Seguridade.

Unha demora de tres anos para responder a un escrito amosa o absoluto desprezo que teñen as administracións santiaguesas polo dereito de petición dos cidadáns e polas solicitudes do Defensor. Fai meses que Enrique Múgica tivo que enviar ao Concello unha segunda petición, de carácter urxente, solicitando a presentación do informe policial sobre os feitos acontecidos na capital galega en xullo de 2006.

O Defensor del Pueblo intervira no caso logo de llo ter solicitado o MpDC, que viu como a petición de información presentada ao Concello en novembro de 2006 era totalmente ignorada pola administración. O Defensor censurou esta denegación do dereito de petición que asiste á asociación e requiriu a presentación do informe solicitado.

Non se pode ignorar, non obstante, a gravidade do feito de, primeiro negar a cidadáns ou asociacións o lexítimo dereito de petición, coa conseguinte restrición da participación informada na vida pública e despois xustificar a tardanza na resposta alegando un erro. A deixadez, o desleixo, a falta de respeto, a desidida que unha vez máis é perpetrada polas Forzas e Corpos de Seguridade é abraiante. Malia a estarmos afeitos, por desgraza, a que as administracións desoian a lei e actúen de costas a ela, escoitar respostas coma a dada pola Policía Local de Compostela é un paso máis no absurdo do trato con elas.
ler o resto do texto

04/02/10

Forte tensión entre a dirección do CEIP San Xosé Obreiro e o Concelo de Arteixo

O Movemento polos Dereitos Civís vén de coñecer que o CEIP San Xosé Obreiro de Arteixo (A Coruña) fai responsábel ao Concello de Arteixo da responsabilidade da irregular instalación das cámaras de vídeovixilancia, que o centro ten instaladas no seu interior.
Previamente o Concello de Arteixo xa enviara unha comunicación facendo responsable das cámaras a dirección do colexio San Xosé Obreiro. Polo tanto é obvia a rivalidade, a tensión e o enfrontamento entre eles.
Desde o MpDC enténdese que o CEIP San Xosé Obreiro, non pode intentar desentenderse do tema, e facer responsábel ao Concello de Arteixo, cando en vía administrativa nada dixo ó respecto, debendo, como Administración que é , responder á solicitude formulada polo Movemento e alegar o que estime oportuno coa responsabilidade da instalación de ditas cámaras de vídeovixilancia.
Tamén cabe sinalar que a ausencia total do procedemento establecido legalmente pola Lei Orgánica 4/97 para a instalación e renovación de ditos artefactos de gravación, é equivalente á inexistencia procedimental, coa tramitación das actuacións por un canle distinto do establecido normativamente. Estamos ante un incumprimento das normas vixentes que rexen en materia de videovixilancia, producíndose por tanto unha vulneración do principio de legalidade por parte do CEIP San Xosé Obreiro, que ademais o tratarse dun lugar público a instalación legal de cámaras queda en mans da autorización da Delegación do Goberno.
O centro, que depende directamente da Consellaría de Eduacación tén instaladas dúas cámaras de vídeo vixilancia fixas, unha no exterior do recinto para controlar a entrada do mesmo e parte da rúa correspondente e outra no interior, orientada cara o patio. Ademais non existe letreiro ningún que avise da presenza dos ditos dispositivos.
Tendo en conta a situación na que se atopan as cámaras de videovixilancia supoñen unha infracción grave da Lei Orgánica de Protección de Datos xa que o tratamento dos datos mencionados requirirá sempre do consentimento inequívoco do afectado ou afectada, dado que a imaxe dunha persoa constitúe un dato de carácter persoal, xa que capta información que a concirne, o lugar e a actividade desenvolvida polo individuo en cuestión.
Os antecedentes
Con data de 14 de maio de 2008, o Movemento polos Dereitos Civís envía escrito á Delegación do Goberno en Galiza a través do cal solicita, entre outras cousas, que se acredite a legalidade das cámaras instaladas nos exteriores do dito centro de ensino, así como que se proceda a retirada das mesmas. Máis tarde, o MpDC foi informado da presentación dun recurso contra a presunta desestimación da solicitude formulada ao CEIP San Xosé Obreiro para proceder á retirada das cámaras de vídeo vixilancia instaladas nos exteriores do dito Colexio en Arteixo.
Xunto coa retirada, o MpDC solicitou no seu momento a nulidade de pleno dereito da presunta desestimación por silencio administrativo da resolución do CEIP San Xosé Obreiro, onde se denega a solicitude do Movemento polos Dereitos Civís en relación coa instalación das cámaras de vídeo vixilancia nos exteriores das súas dependencias, ao omitirse o trámite procedimental imperante no eido da instalación das cámaras na vía pública.

No mes de octubre do ano pasado a Agencia Española de Protección de Datos deulle a razón ao MpDC. A Agencia estima que a Educación incorreu nunha infracción grave xa que o consentimento para o tratamento dos datos persoais é un principio básico do dereito fundamental á protección de dato e tamén requiriulle á Xunta que adopte as medidas necesarias que impidan que nun futuro poida producirse unha nova infracción da normativa.
Proporcionalidade

É necesaria unha proporcionalidade, é dicir, que só se poden empregar vídeo cámaras cando resulte adecuado para unha situación concreta para o mantemento da seguridade cidadá. Ademais, tamén se esixe o principio de intervención mínima, ou o que é o mesmo, que exista ponderación entre a finalidade perseguida e a posible afectación pola utilización da vídeo cámara aos dereitos á honra, propia imaxe e intimidade.

Polo tanto, non cabe dubida de que a instalación de cámaras nun lugar seguro como o dito centro de ensino de Arteixo, ao non existiren datos policiais que amosen indicios de alta delincuencia ou criminalidade nin vandalismo, é unha medida desproporcionada para o fin perseguido que incumpre, polo tanto,cos parámetros fixados pola lei. En caso de ser instaladas coa finalidade de evitar, entendemos que de acordo coa legalidade vixente, a autorización da instalación de ditas cámaras debería levarse a cabo con anterioridade a súa instalación, como sucede neste caso.

O Movemento polo Dereitos Civís considera que as administracións son as primeiras que teñen que dar exemplo aos administrados, para iso se constituíu o colectivo e para iso seguirá traballando.
ler o resto do texto

03/02/10

O MpDC denuncia que o Concello do Grove se apodere de material deportivo

O Movemento polos Dereitos Civís vén de interpor un recurso contra o Concello do Grove por usurpación de material deportivo ao Club Piragüismo Ogrobe. Dese xeito, continúa a batalla legal emprendida polo MpDC contra o Concello para conseguir que este recoñezca e
solucione todas as irregularidades levadas a cabo contra o dito club deportivo.

O pasado verán, Alfredo Bea García e José Cacabelos Rico, concelleiro de Deportes e alcalde, respectivamente do Concello do Grove, ordenaron o cambio do bombín da pechadura da porta que lle daba acceso ás instalacións que tiña o Club Piragüismo Ogrobe no pavillón Náutico de Deportes do Grove. Por mor destes feitos os membros do Club Piragüismo Ogrobe víronse obrigados a ter que abandonar as instalacións deportivas e a transportar diariamente as embarcacións nos vehículos xerando unha situación de incertidume para os deportistas e de tensión nos adestramentos.

O conserxe do pavillón Náutico de Deportes do Grove, foi o encargado de comunicar aos membros do clube a orde dos políticos de abandonaren as instalacións e o conseguiente cambio de pechadura. Os membros do club deixaron dentro da súa parcela parte do seu material, como piraguas, remos, ferramenta para o seu mantemento, cabaletes para
apoiar as piraguas, chalecos e material de ximnasio, entre outros.

Este materia non foi devolto aos seus propietarios, por iso agora lle reglaman por vía legal a devolución do seu material, entendendo que a expulsión do pavillón non segue o procedemento legalmente establecido.

O concelleiro tamén é o responsable da irregular orde de dar baixa no REDIM ao Club Piragüismo Ogrobe. A asociación leva inscrita no REDIM desde o 1997 e cada ano realizando cumpridamente os trámites necesarios para a súa renovación no mesmo sen ningún problema. A implicación persoal que ten o concelleiro co mundo do piragüismo fai
sospeitar de cales poden ser as razóns reais do acoso que está a sufrir o Club Piragüismo Ogrobe, que dende fai un ano e por mor de todos estes incidentes está a ver como os seus deportistas non poden gozar dun bo adestramento.

Ademais a asesoría xurídica do colectivo indica que o Alfredo Bea tamén vulnera sistematicamente o principio de boa fe, polo que dúas partes teñen unha fe recíproca en que cada unha delas fai ben o seu cometido. A dita presunción destrúese cando existe proba en contrario, como é neste suposto que a Concellería de Deportes esixe documentación ao recorrente que non é precisa para a súa renovación no REDIM.

Entre outros, o principio de igualdade ante a lei tamén é vulnerado polo municipio grovense, pois o Concello non está actuando en posición de igualdade co Club Piragüismo Ogrobe coma co resto de asociacións ou de clubes, intentando esta administración local en todo momento danar a imaxe do recorrente.

O Movemento polos Dereitos Civís solicita a devolución do seu material deportivo ao Club Piragüismo Ogrobe, como tamén a nulidade de pleno dereito da resolución do Concello do Grove onde se acorda dar de baixa no Redim ao clube e se dicte resolución na que se acorde que o clube pode continuar inscrito no dito rexistro.
ler o resto do texto

02/02/10

Guillerme Vázquez expresou que o MpDC “é necesario para defender os dereitos civís e a democracia”

A presidenta e o voceiro do Movemento polos Dereitos civís, Rocío Blanco e Renato Nunes, respectivamente mantiveron esta mañá unha xuntanza co portavoz nacional, Guillerme Vázquez. Rematada a reunión, Vázquez sinalou que a existencia dun movemento destas características é necesario “para defender os dereitos civís e a democracia”.

“Nun momento no que os dereitos das persoas son vulnerados, no que pasamos do correo postal inviolábel ao mundo das novas tecnoloxías, onde se pode acceder a toda caste de información e de datos das persoas sen control, cómpre defender os dereitos civís para garantir a democracia”, dixo.

Lei de Acceso á información

O BNG considerará a posibilidade de impulsar unha proposición de Lei de Acceso á información, de acordo coa proposta presentada polo Movemento polos Dereitos civís, “o acceso á información está limitado en moitos concellos co fin de dificultar o traballo da oposición, cando é un dereito inalienábel”, sinalou o portavoz nacional. Ademais, Guillerme Vázquez comprometeuse a estudar a proposta para impulsar a creación dunha Axencia Galega de Protección de Datos, en consonancia con outras que xa existen en Catalunya e Euskadi.

Pola súa parte, os membros do Movemento polos Dereitos civís déronlle a coñecer os obxectivos desta asociación, que conta con 8 anos de traxectoria. Dende a súa creación, buscaron un control do funcionamento das administracións públicas para comprobar que garanten os dereitos dos cidadáns e cidadás, na forma na que está recollido no artigo I da Constitución. Ademais, durante a xuntanza, entregáronlle un informe anual co seu traballo ao portavoz nacional.

“Consideramos fundamental o dereito ao acceso á información nun Estado democrático para o bo funcionamento das institucións e da cidadanía, xa que súa carencia leva a unha inseguridade xurídica grande e a que os cidadáns non poidan reclamar aquilo que en teoría se lle garante”, sinalou Renato Nunes. “Podemos comprobar que nin sequera se nos permite acceder á información básica para poder realizar o noso traballo e mesmo hai situacións nas que somos penalizados”, indicou.

Así, Guillerme Vázquez recibiu un texto cunha proposta de Lei de acceso á información, redactada polo Movemento polos Dereitos civís, que facilitaría o traballo tanto de colectivos sociais como de organizacións políticas na defensa dos intereses dos cidadáns, para que as institucións faciliten a documentación que se lles require.

Lei de Protección de datos

Dende o colectivo están interesados tamén en impulsar unha Lei de protección de datos, “fundamentalmente en relación coas cámaras de videovixilancia”, pois gañaron varias sentenzas neste sentido.

Propuxéronlle tamén ao líder do BNG a idea de crear unha Axencia Galega de Protección de Datos. “Consideramos que a axencia española está saturada e non ten capacidade para asimilar a cantidade de denuncias presentadas”. Renato Nunes afirmou, neste sentido, que nin a Delegación do Goberno, nin o sistema de videovixilancia utilizado polo Ministerio de Interior están cumprindo coa Axencia de Protección de Datos estatal, de forma que unha axencia galega permitiría facilitar o traballo de control destas entidades e, incluso, na previsíbel implantación dos escáneres corporais dos aeroportos.

Axencia galega de boas prácticas policiais

Da mesma forma, tamén propuxeron a creación dun mecanismo de control das actuacións dos corpos e forzas de seguridade, a través dunha Axencia galega de boas prácticas policiais, para evitar reaccións desproporcionadas, das que fai seguimento o Movemento polos Dereitos civís.
ler o resto do texto

01/02/10

O MpDC apoia a retirada da simboloxia franquista en Camariñas

O pasado sábado día 30 de xaneiro o BNG de Camariñas presentaou perante o rexistro do Concello unha proposta dirixida ao pleno municipal para que se debata a retirada dunha placa con simboloxía franquista. Desde o MpDC apóiase esta iniciativa, xa que a recuperación damemoria histórica non se pode efectuar se os símbolos da ditadura continúan na rúa.

Na praza da Insuela de Camariñas existe unha placa de mármore na que se reproduce o seguinte: "Delegación nacional de sindicatos" con dous símbolos inscritos nos que se pode ver o xugo e as frechas como símbolo da falange e a espiga o martelo e a pluma simbolizando o sindicato vertical do Franquismo.

Tanto o MpDC coma o grupo municipal nacionalista de Camariñas consideran que é unha placa das que se refire o artigo 15.1 da Lei 52/2007, do 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplian dereitos e establecense medidas a favor dos que padeceron persecución, violencia e asasinato durante a guerra civil e a ditadura do Franquismo.

Ademais disto o BNG de Camariñas propón que se realice un estudo sobre o nome de rúas do concello que garden relación coa ditadura e se proceda a sustituilos por outros nomes acorde aos valores democráticos e a realidade historica do noso pais, feito que parabeniza o Movemento

Polo anterior proporemos ao Pleno do Concello que debata e a corde a retirada da referida placa e o inventario nome das ruas do Concello que garden relación coa ditadura, pedimento que aproba completamente a asociación.
ler o resto do texto
__________________
__________________

Subvencionado pola Deputación da Coruña
Loading...
Cámara hotel monumento
Han actuado 0 personas
Nos faltan 0 firmas

Actúa ahora

Tu nombre
Tu apellido
Tu correo-e
Cód. Postal

Cámaras de Galiza


Ver Cámaras de Galiza en un mapa más grande

Videos do Youtube