Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Xustiza admite as probas achegadas polo MpDC no caso do convenio de Vedra

Written By MpDC on 18/5/10 | 14:01

O xulgado do contencioso administrativo número 1 de Santiago vén de admitir as probas que presentou o Movemento no caso de Xosefina Guitián contra o Concello de Vedra. Este tribunal xa desestimou recentemente a contestación formulada polo Concello de Vedra á demanda feita con anterioridade polo MpDC no que ten a ver co dito convenio.

A Xustiza entendía xa daquela que está claro que existe un acto previo para que o Movemento polos Dereitos Civís poida personarse e consiste na resolución que o consistorio vedrés dictou no seu momento sobre este tema, que foi recorrida polo MpDC.

Deste xeito, o que afirmaba Vedra -que interpuxo sobre o MpDC un recurso de inadmisibilidade ao entender que non existía un acto administrativo previo que relacionase a Dereitos Civís co caso- queda totalmente refutado polo xulgado. Ademais, agora, ao admitir o xulgado as probas presentadas por Dereitos Civís ao respecto, non cabe dúbida ningunha sobre a representatividade deste colectivo no caso.

O MpDC recorda que é parte interesada no asunto porque Xosefina Guitián é socia da asociación e polo tanto non existe ningún inconvinte para proceder a súa defensa, dado que pode verse afectada pola resolución que poida ditarse. Ademais o Movemento é unha asociación que conta coa suficiente lexitimación activa para personarse no presente procedemento.

O procedemento

O Concello de Vedra presentou unha resolución onde alega non coñecer o interese que pode ter Xosefina Guitián no convenio que dito concello ten firmado co pintor Modesto Paz Camps polo que se cede a administración dun edificio, propiedade do concello, a este pintor e polo que tamén se regula o funcionamento deste museo. Segundo eles, para ter acceso á documentación do concello é necesario solicitala con algunha xustificación.

Ao respecto, tanto Xosefina Guitián como MpDC cren que instalacións destas características nun concello como Vedra, poderían e deberían dedicarse a unha maior actividade cultural, a maiores da exposición dun solo pintor, tendo en conta o déficit de locais sociais e culturais que hai aínda no concello e, en concreto, na parroquia de San Fins. Ademais, desde o grupo político do BNG de Vedra pensan que o funcionamento deste museo nos anos de vixencia deste convenio, non xustifica o mantemento do mesmo nos termos en que está redactado.

O MpDC pon de manifesto a “desconfianza” e a vulneración do principio de boa fe por parte do Sr. alcalde ante unha concelleira que unicamente pretende estudar a posíbel mellora da actividade cultural do concello e o bo uso de todos os recursos dos que dispón o mesmo.

0 comentarios:

Publicar un comentario