Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC tacha de “incongruente e carente de motivación” a sentenza do TSXG sobre as cámaras de Compostela

Written By MpDC on 6/5/10 | 18:08

O tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de dar unha palmadiña nas costas a Bugallo no que ten a ver coas cámaras que ten instaladas de xeito ilegal na zona vella da cidade. Na dita sentenza, o máximo órgano xudicial do país dá por válido un argumento ruín e insostible legalmente, como son as renovacións das autorizacións dos dispositivos, para resolver a favor do Concello.

E apenas nun parágrafo condensa o TSXG a súa resolución dicindo que ao existiren as pertinentes autoriacións emitidas pola Delegación do Goberno as cámaras poden seguir funcionando. E así tira por terra os dereitos de milleiros de persoas que ven lesadas as súas liberdades mentres son gravadas ilegalmente polos ditos artefactos.

O Movemento polos Dereitos Civís quere indicar que estamos ante unha resolución xudicial incongruente e que carece de motivación. Como ben dixo o xulgado do contenciso número 1 de Compostela, o concello incumpriu o trámite procedimental para a renovación da autorización da instalación de vídeo cámaras pois durante varios anos non solicitou tal renovación á Delagación do goberno, como así prevé a lei de instalación das cámaras na vía pública.

Neste sentido, o MpDC quere lembrar que ao durante varios anos estaren as cámaras funcionando sen autorización, para que poidan seguir funcionando sería necesaria unha nova autorización, non unha renovación da primeira, como así sucede neste caso. Xa que logo, ás claras se ve que no que se basea o alto tribunal galego para emitir o seu veredicto é un fraude de lei.

Como podemos apreciar, a sentenza do TSXG vulnera o dereito á tutela xudicial efectiva, colocando o MpDC en situación de desigualdade, o que vulnera tanto o principio de igualdade ante a lei coma o principio de seguridade xurídica non sabendo o cidadán a que normas aterse para a defensa dos seus dereitos máis fundamentais.

Estamos, unha vez máis diante dunha resolución pro-administración e que intenta salvar, xustificar e dar por válidos todos e cada un dos erros cometidos pola administración pública, neste caso o Concello de Santiago.

Afondando

Ademais, o MpDC quere lembrar que houbo renovacións posteriores que foron solicitadas fóra de prazo polo Concello e foron autorizadas pola Delegación, feito polo que este organismo público está denunciado e cun procedemento aberto ao respecto.

Aínda así, sabendo cantas irregularidades cometeu Bugallo no que atinxe aos permisos para estes dispositivos poder estar instalados e funcionar, o TSXG parece facer a vista gorda e escudarse na concesión irregular das renovacións para ditar sentenza.

Renovacións

Cabe lembrar, ademais, que para proceder a conceder a renovación de ditas cámaras de vídeo vixilancia, deberán cumprirse os requisitos da Lei 4/97, é dicir, que se manteñan ou aumenten os motivos para cumprir co principio de proporcionalidade, básico e fundamental na instalación deste tipo de artefactos de gravación, que neste caso non se cumpriu.

Máis irregularidades

Polo que se refire á renovación da autorización da Delegación de Goberno de Galiza relativa á instalación de seis cámaras fixas no casco histórico da cidade, a pesar de que se concederon ditas autorizacións, vulnerouse o disposto na Lei 4/1997 ao non respetarse o prazo establecido a tal efecto, e concederse a dita autorización sete meses despois de que a Comisión de Goberno do Concello de Santiago adxudicase a execución das obras de subministro e instalación de cámaras de TV no casco histórico, polo que como é normal, a renovación da autorización devén nula.

En todo caso, vaia por diante que a autorización por parte da Delegación do Goberno se concedeu o 29 de xullo de 1999, a adxudicación da súa instalación efectuouse o 28 de decembro de 1998, e non é ata o 5 de febreiro de 1999 ,cando o alcalde solicita a súa autorización.

Asimesmo, a dita autorización estaba condicionada á instalación de placas e paneis de informacións ós cidadáns, non procedendo á colocación dos mesmos ata o 22 e 23 de maio de 2000. É dicir, case un ano despois de concedida a autorización, a cal fora concedida por un período de tempo de un ano.

Ademais, o Concello non formaliza até o 3 de agosto de 2000 o libro de rexistro de funcionamento das cámaras, é dicir, máis dun ano despois da autorización da Delegación do Goberno. Queda demostrado, polo tanto, o primeiro ano de funcionamento ilegal das cámaras do casco histórico de Santiago.

O dito regulamento de execución recolle no seu artigo 10 o procedemento de solicitude das renovacións e instalacións de vídeo cámaras fixas. Conforme a este artigo, no seu apartado segundo establece: “As solicitudes de renovación de aquelas autorizacións que se outorgaran para o prazo máximo de un ano deberán formularse con dous meses de antelación á súa expiración”.

Non serven para evitar actos vandálicos

Ademais, cabe sinalar que dende que se instalaron ditas cámaras, producíronse condutas delictivas, como roubos...., e en ningún momento estas serviron para impedir a súa comisión nin para reducir o seu número, nin tan sequera para a identificación dos presuntos culpables, tal e como manifestaron en numerosas ocasións publicamente comerciantes das rúas e prazas onde se atopan estes artefactos de gravación.

Cabe lembrar que, como foi declarado na sentenza de 16 de setembro de 2006 polo xulgado do contencioso administrativo n º 1 de Santiago de Compostela, tal e como se levou a cabo o procedemento por parte de dito Concello, evidencia a “pasividade coa que o Concello de Santiago tratou o trámite necesario e obrigatorio do mesmo (á vista está a ausencia de toda documentación no propio expediente).

0 comentarios:

Publicar un comentario