Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC, radicalmente en contra do nomeamento de Paco Vázquez como Defensor del Pueblo

Written By MpDC on 19/5/10 | 12:52


O actual embaixador de España na Santa Sé, Francisco Vázquez, podería deixar o seu destino en Roma despois do verán se prospera a iniciativa dun amplo grupo de representantes do PSOE e o PP para que o político coruñés asuma o cargo de defensor do pobo.

Desde a asociación expoñemos novamente que esta non é a persoa máis idonea para desempeñar un cargo que necesita dunha especial imparcialidade. Por este motivo iniciamos xa o pasado agosto unha campaña de recollida de sinaturas para que o presidente do Estado e do Congreso non o teñan en conta para este posto.

A praza quedará vacante a finais do próximo mes de xuño, cando finaliza o mandato do actual titular, o avogado socialista Enrique Múgica Herzog, que é o único que repetiu dous mandatos, o máximo recollido pola lei.

A designación do novo defensor do pobo ten un trámite complexo, xa que require un escenario de consenso entre os dous grandes partidos de ámbito nacional, por canto o seu nomeamento debe producirse co respaldo de polo menos tres quintas partes dos membros do Congreso dos Deputados e do Senado. Para evitar que se candidate, o colectivo quere alertar do pouco amigo que é Paco Vázquez da lei.

Se o Movemento polos Dereitos Civís se opón a este nomeamento como Defensor del Pueblo é porque considera que o candidato ten unha longa traxectoria contra o dereito, dificilmente compatible coa defensa dos intereses de todos os cidadáns.

Como exemplos desta afirmación temos a vulneración que fixo -de forma continuada- da lexislación vixente en materia de toponimia na que, ao seu xuízo, incorreu Vázquez durante o seu mandato como alcalde de “La Coruña”.

Ademais Vázquez foi tamén noticia por ter instaladas varias cámaras de videovixilancia na súa vivenda particular que durante anos non cumpriron coa lexislación vixente no referente á protección de datos, feito que denunciou Dereitos Civís no seu momento.

Para o colectivo, a dita actitude e as reiteradas vulneracións da lei que practicou o señor Vázqez fan dubidar que este teña unha actitude imparcial nos asuntos que lle poidan supor un conflito ideolóxico á hora de desempeñar correctamente o seu labor, o que pode enlamar aínda máis o camiño que particulares e colectivos inician cada vez que teñen que dirixirse a esta institución cando denuncian calquera infrinximento da lei.

Agardamos que tamén para os poderes públicos que teñen como cometido a designación dun novo Defensor sexan conscientes da traxectoria de Paco Vázquez e paren esta candidatura que pode supór un retroceso na defensa dos dereitos civís.

0 comentarios:

Publicar un comentario