Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC denuncia unha nova acción intimidatoria de Xustiza e Guardia Civil

Written By MpDC on 4/5/10 | 13:52

Alberte Moço, Maurício Castro Lopes, Bruno Lopes Teixeiro e Carlos Morais, membros da Dirección Nacional de NÓS-Unidade Popular, foron denunciados pola Guarda Civil de Pontevedra, o que conleva a súa imputación por parte da fiscalía da mesma cidade.

O motivo polo que foron denunciados é por teren reproducido na web do partido un vídeo pertencente ao xulgamento e condena de dous independentistas da comarca do Condado acusados de boicotearen simboloxía fascista nunha igrexa de Salvaterra de Miño. A Guarda Civil considerou esa difusión e os comentarios contidos na noticia constitutivos dun delito de difamación, o que a levou a, unha vez máis, provocar unha acción legal contra a esquerda independentista galega.

O Movemento polos Dereitos Civís faise eco deste novo ataque á liberdade de expresión posto en marcha pola “santa alianza” da Xustiza coas forzas e corpos de seguridade do Estado, que volven actuar conxuntamente para silenciar pola forza a quen ten algo que dicir e que a elas parece molestar.

Semella que de novo ambas as dúas institucións esquecen que un dereito, a liberdade de expresión, nos ampara a poder expresar libremente opinións e difundir informacións, como era o caso. Tamén a plena confianza mutua de fiscalías e gardas civís fai que as declaracións dos últimos conten sempre co beneplácito dos primeiros, co que as posibilidades de a parte denunciada poder facer valer a súa versión dos feitos é practicamente nula, feito que ten denunciado o Movemento en moitas ocasións.

Ademais, e tal e como informan os membros de NÓS-UP, xa foron interrogados pola fiscalía e ao respecto subliñan a arbitrariedade da escolla deles entre as 16 persoas integrantes do organismo de dirección do partido. Neste sentido ábrense moitas posíbeis interpretacións, entre as que cabe que a denuncia e posterior declaración na fiscalía obedezan á vontade de o Estado querer exercer control e demostrar a súa “forza” diante dos críticos encausándoos case a vontade.

0 comentarios:

Publicar un comentario