Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC cre que o indulto aos Tres do Eixo chega demasiado tarde

Written By MpDC on 24/5/10 | 16:41

Dez anos despois está próximo o indulto para os Tres do Eixo. O Movemento polos Dereitos Civís valora a restitución da liberdade para Simón Márquez, José Moreira e Jesús Montoiro, se ben critica enerxicamente un sistema que criminaliza a veciños inocentes cando saen ás rúas a defender os seus dereitos, mentres que deixa en liberdade os verdadeiros culpábeis.

Os Tres do Eixo permanecen no cárcere de Teixeiro desde o 30 de outubro de 2007 por, supostamente, agredir a un policía nacional mentres participaban nunha mobilización para pedir máis seguridade viaria en 1998.

Malia a que xa non tiñan nin que ir á cadea durmir como si tiveron que facer anteriormente, estes composteláns seguían estando privados de liberdade a efectos legais igual que fai tres anos cando entraron en prisión, o que os vetaba en moitos aspectos da súa vida. Tal e como denuncia o colectivo, o idulto non serve de nada, xa que só lles quitan as pulseiras de localización agora que case facían vida normal de non ser por iso.

Parece ser que o Consejo de Ministros acordou este xoves conceder un indulto pedido durante anos a berros, a cacerolazos, de todos os xeitos posíbeis para pór fin a unha situación absurda e surrealista de privación de liberdade.

A decisión xudicial que encarcerou os mozos composteláns foi totalmente arbitraria e baseada nunha investigación chea de baleiros e contradicións nas declaracións dos policiais. A este respecto, o propio irmán do axente supostamente agredido polos tres do Eixo declarou que este mentira ao xuíz durante o proceso.

Lonxe de ter en conta estes reveladores testemuños, a que se di Xustiza nada fixo por reparar inmediatamente a situación dos detidos, senón que continuou con eles na cadea. O Movemento polos Dereitos Civís pediu e apoiou o indulto a Simón, José e Jesús, indulto que chega demasiado tarde, unha década despois.

Contradicindo toda lóxica, o Ministerio de Justicia negou até agora este dereito aos tres veciños do Eixo mentres que no ano 2005 indultou os catro policías locais de Vigo que detiveran e agrediran a un cidadán senegalés, cando estaba máis que demostrado que se excederan nas súas funcións e vulneraran os dereitos de Mamadou Kane.

De novo asistimos a un abuso da autoridade en toda regra. A opinión do común de nada serve, só escoita a Xustiza aos “primus inter pares”, a quen coma ela ten “rango” e outra vez a cidadanía ten que soportar o peso dunhas institucións que non merece, que non teñen en conta os seus dereitos e que permiten que inocentes paguen o que outros cometen. O peor é que o fan sen ningún tipo de miramentos e o aíndapeor é que seguen gozando de total lexitimidade para continuar actuando así.

0 comentarios:

Publicar un comentario