Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Defensor del Pueblo reclama á alcaldía de Compostela que tome medidas sobre a publicidade estática

Written By MpDC on 20/5/10 | 12:37

O Defensor del Pueblo vén de comunciar ao Movemento polos Dereitos Civís que remitiu unha recomendación a Bugallo para que se dea “cumprimento efectivo” por parte das empresas construtoras da obriga de habilitaren espazos nos valados de protección das obras para a colocación de carteis e anuncios de comunicación social, ademais de pedir tamén ao Concello “medidas de control e cumprimento” destas medidas.

Se a insititución estatal fai este recordatorio de deber legal a Compostela é debido a que o seu rexedor incumpre sistematicamente a normativa da que el mesmo se dotou fai xa anos. Ademais, o Defensor lembra que este é un asunto que leva coleando 5 anos, fronte a inoperancia do consistorio da capital galega.

Logo de que Dereitos Civís iniciase este procedemento, por dúas veces o Concello de Santiago enviou un escrito ao Defensor xustificando o incumprimento da ordenanza de publicidade estática nos que sinalaba que o único que ía facer era enviar o texto á Federación Gallega de la Construcción. Asimesmo, aclaraba que as súas actuacións se “concretan no desenvolvemento de tarefas de control e vixilancia, sen que destas intervencións se derivara a incoación de expediente sancionador algún”.

A Xustiza ponse do lado de quen incumpre a lei


Lembramos que O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de ditar sentenza favorábel ao Concello de Santiago en base a que, ao seu ver, se vulneraron dereitos procedimentais do Concello coa 1°sentenza. Ao respecto di o MpDC "que non resolve sobre o incumprimento da ordenanza e se limita a afirmar que se o xulgado fixo algo no procedimento anterior".

O 1 de setembro de 2008 o xulgado contencosos administrativo de Santiago ordenaba o consistorio dirixido por Bugallo que procedese a instalar os espazos de comunicación social en número suficiente, así como á habilitación dos valados para a mesma finalidade nas protección das obras para a colocación de carteis e anuncios, tal e como rezaba a dita ordenanza que nunca se chegou a cumprir na súa totalidade.

En todo momento a actitude do Concello foi totalmente pasiva, prescindindo do procedemento preciso para a instalación dos espazos de comunicación social en número suficiente e a habilitación dos valados para a mesma finalidade nas protección das obras para a colocación de carteis e anuncios no Concello de Santiago de Compostela.

Ao entender do MpDC, isto causa enormes prexuízos e vulnera o disposto tanto na sentenza anteriormente sinalada como na Ordenanza de Publicidade Estática e Dinámica, aprobada polo pleno municipal en aras a protexer os dereitos fundamentais da sociedade.

Un precedente coherente


O Concello de Santiago de Compostela viuse no seu momento obrigado a cumprir a súa propia ordenanza en materia de publicidade estática logo de que unha sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Compostela ditase sentenza favorable á demanda presentada polo Movemento polos Dereitos Civís.

A xustiza dáballe a razón deste xeito ao MpDC, quen leva anos reclamando ás autoridades locais a instalación dos espazos destinados á comunicación social establecidos na ordenanza e o Concello debería instalar mupis e obrigar que nos peches de obra se dediquen espazos para a publicidade estática, feitos que agora botou por terra o TSXG.

O MpDC valora esta esixencia feita polo Defensor ao Concello, xa que demostra ás claras que esta ordenanza há ser cumprida e fai ver tamén o sorprendente que resulta a sentenza emitida polo TSXG ao respecto cando outras institucións encargadas de impartir xustiza atenden á legalidade.

0 comentarios:

Publicar un comentario