Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Conflito do lixo motiva queixas do MpDC contra Bugallo e o Valedor

Written By MpDC on 21/5/10 | 13:50

O BNG acusa ao alcalde de Santiago de "criminalizar" os traballadores, crítica á que se suma o Movemento polos Dereitos Civís. Graves acusacións contra estas e estes empregados e un lamentábel papel no conflito por parte do Concelo son só algunhas das accións que Dereitos Civís lle critica.

A tenente alcalde de Santiago, a nacionalista Socorro García Conde, acusou ao alcalde e socio de Goberno, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, de "criminalizar" o dereito a folga dos traballadores de Urbaser, concesionaria do servizo de recollida de lixo, que desde o pasado 10 de maio manteñen un paro indefinido.

García Conde asegurou en rolda de prensa que o alcalde e o grupo socialista, que integra o Goberno municipal en coalición co BNG, non están favorecendo a resolución deste conflito ao "mesturar as actitudes vandálicas co dereito á folga e co dereito dos traballadores", tres dos cales recibiron este xoves cartas de despedimento, a negociar as condicións laborais.

A empresa Urbaser é concesionaria dun servizo público básico e fundamental para a vida dos cidadáns e apuntou que o Concello "non pode lavarse as mans e consideralo como un conflito laboral entre a empresa e os seus traballadores", dixo a concelleira.

Ademais, indica que os socialistas buscan "promover despedimentos de traballadores e crear unha certa confusión entre os medios de comunicación e a opinión pública facendo afirmacións imprudentes sobre quen está provocando os actos vandálicos sen que haxa probas".

O Movemento polos Dereitos Civís concorda cos razonamentos esgrimidos pola edil do BNG ao entender que a actitude mantida polo concello a respecto dos traballadores é cando menos impropia dunha institución pública que debera garantir e salvagardar os dereitos das persoas. Por experiencia propia o MpDC sabe ben como procede Bugallo cando se trata de defender a legalidade e as liberdades e recrimínalle con contundencia que non medie no conflito do lixo e que aínda por riba faga acusacións moi graves sen ter probas de tales feitos.

Nova “pérola” do Valedor

O Valedordo Pobo vén de abrir unha investigación de oficio sobre a folga de recollida de lixo en Santiago logo da "radicalización" do conflito e o MpDC pregúntase, igual que fixo co caso de Cuba, en base a que competencias investiga cando a este colectivo se lle negan investigación por falta de competencia.

O valedor do Pobo, Benigno López, informou hoxe de que decidiu abrir unha investigación de oficio sobre a folga de recollida de lixo e servizo de limpeza en Santiago, que cumpre a súa undécima xornada, ante a "radicalización" da situación desencadeada pola "non prestación" dun "servizo municipal básico" para a cidadanía.

Parece que este reaxir do Valedor, lembremos que recentemente tamén abriu unha investigación contra o Consulado de Cuba para ver se empregados do consulado do dito consulado repudiaron a un grupo de opositores cubanos que chegaron á capital galega logo de percorrer un tramo do Camiño de Santiago para denunciar a falta de liberdade na illa. Cales son as competencias que lle permiten investigar ao Consulado de Cuba, tal e como afirmou que fará e tamén neste caso ao Concello de Santiago e cales son as que non lle permiten facelo cando se trata de peticións do MpDC?

Das accións do propio Defensor cabe pensar unha vez máis que poida estar actuando movido polos intereses institucionais e non atendendo á natureza dos feitos que se lle presentan. Por isto, Dereitos Civís denuncia de novo a indefensión ante a que se atopa tanto el como colectivo como a cidadanía en xeral tendo que asistir a estas repentinas ansias de xustiza.

0 comentarios:

Publicar un comentario