Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Catro testemuñas reforzarán a defensa que o MpDC fai do Club Piragüismo Ogrobe

Written By MpDC on 5/5/10 | 18:14

O MpDC leva mañá a testificar a catro testemuñas no caso do Club Piragüismo Ogrobe contra o concello pontevedrés do mesmo nome. Esta proba, docilitada pola asesoría xurídica da asociación, ten como obxectivo que o xuiz escoite de boca dos afectados os relatos do absurdo que conforman as accións do consistorio e a situación de penuria pola que ten que pasar a entidade deportiva.

Deste xeito, o Movemento polos Dereitos Civís quere afondar e reforzar a defensa que está a facer do Club Piragüismo Ogrobe e agarda que a Xustiza acolla e recolla os testemuños como unha proba máis do caso para axudar a resolver dunha vez a favor do dito clube. Dos procedementos que o MpDC ten abertos contra o concello grobense, o que nos ocupa é o referente á retención nas instalacións municipais do material deportivo do clube por parte da institución local.

O pasado verán, Alfredo Bea García e José Cacabelos Rico, concelleiro de Deportes e alcalde, respectivamente do Concello do Grove, ordenaron o cambio do bombín da pechadura da porta que lle daba acceso ás instalacións que tiña o Club Piragüismo Ogrobe no pavillón Náutico de Deportes do Grove. Por mor destes feitos os membros do Club Piragüismo Ogrobe víronse obrigados a ter que abandonar as instalacións deportivas e a transportar diariamente as embarcacións nos vehículos xerando unha situación de incertidume para os deportistas e de tensión nos adestramentos.

O conserxe do pavillón Náutico de Deportes do Grove, foi o encargado de comunicar aos membros do clube a orde dos políticos de abandonaren as instalacións e o conseguiente cambio de pechadura. Os membros do club deixaron dentro da súa parcela parte do seu material, como piraguas, remos, ferramenta para o seu mantemento, cabaletes para apoiar as piraguas, chalecos e material de ximnasio, entre outros.

Este material non foi devolto aos seus propietarios e no seu momento o MpDC reclamou por vía legal a devolución do seu material, entendendo que a expulsión do pavillón non segue o procedemento legalmente establecido.

O concelleiro tamén é o responsable da irregular orde de dar baixa no REDIM ao Club Piragüismo Ogrobe. A asociación leva inscrita no REDIM desde o 1997 e cada ano realizando cumpridamente os trámites necesarios para a súa renovación no mesmo sen ningún problema. A implicación persoal que ten o concelleiro co mundo do piragüismo fai sospeitar de cales poden ser as razóns reais do acoso que está a sufrir o Club Piragüismo Ogrobe, que dende fai un ano e por mor de todos estes incidentes está a ver como os seus deportistas non poden gozar dun bo adestramento.

Ademais a asesoría xurídica do colectivo indica que o Alfredo Bea tamén vulnera sistematicamente o principio de boa fe, polo que dúas partes teñen unha fe recíproca en que cada unha delas fai ben o seu cometido. A dita presunción destrúese cando existe proba en contrario, como é neste suposto que a Concellería de Deportes esixe documentación ao recorrente que non é precisa para a súa renovación no REDIM.

Entre outros, o principio de igualdade ante a lei tamén é vulnerado polo municipio grovense, pois o Concello non está actuando en posición de igualdade co Club Piragüismo Ogrobe coma co resto de asociacións ou de clubes, intentando esta administración local en todo momento danar a imaxe do recorrente.

O Movemento polos Dereitos Civís solicita novamente a devolución do seu material deportivo ao Club Piragüismo Ogrobe, como tamén a nulidade de pleno dereito da resolución do Concello do Grove onde se acorda dar de baixa no Redim ao clube e se dicte resolución na que se acorde que o clube pode continuar inscrito no dito rexistro.

0 comentarios:

Publicar un comentario