Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Situación do libro en Galicia

Written By MpDC on 12/4/10 | 12:46





Hai que ter en conta varios factores cando nos propoñemos facer unha exposición sobre a situación actual do mundo do libro en Galicia. Calquera reflexión esixe unha análise dos hábitos de lecer, especialmente de lectura, e debullar aínda que superficialmente a realidade da industria cultural galega. Non obstante, calquera aproximación debe partir xa que logo desde a perspectiva que como libreiro, como representante do colectivo libreiro, ten quen isto escribe.

A competencia lectora é hoxe en día maior do que nunca foi na historia dado o alto grao de alfabetización existente en calquera sociedade occidental actual como é o caso da nosa, e isto é extrapolable tanto a lectura en xeral como ao caso do galego en particular; non obstante, ao mesmo tempo que se produce esta situación tamén atopamos unha competencia cada día maior ao feito de ler coma forma de ocio e así, aínda que a nivel pedagóxico e cultural segue a ter un valor indiscutible, outras manifestacións especialmente audiovisuais tenden a ocupar o tempo de lecer, sinaladamente entre os colectivos máis novos. A ninguén se lle escapa que na actualidade o cine, a televisión, os videoxogos, Internet e as súas redes sociais... ocupan lugar destacado nas preferencias da xente xoven (e menos xoven) na hora de pasar o seu tempo libre.

Todo o antedito non quita que os índices de lectura en Galicia son agora os mellores de toda a historia por ese paulatino proceso de madurez cultural da nosa sociedade, mais queda aínda moito camiño por percorrer, xa que non podemos obviar a realidade de que o noso país está no vagón de cola (canda a Estremadura) da lectura en España e, a súa vez, esta está nos peores niveis de Europa. A mellorar estes parámetros non axuda precisamente a escasa dotación da rede bibliotecaria galega, que ademáis de insuficiente traballa case tocando a precariedade facendo aínda así unha labor digna de todo recoñecemento.Isto levanos a salientar tamén a laboura desenvolvida polas librarías como fonte de difusión cultural en xeral e no eido do libro en particular. Temos que decatarnos de que a rede libreira galega e das maiores do Estado español e fan en pequenas vilas e en barrios un traballo impagable de achegamento do libro e a cultura.

A situación do libro en Galicia e a día de hoxe a dunha encrucillada que seguramente pode determinar o noso devir como sociedade. Isto é máis evidente cando falamos do libro galego que constitúe hoxe unha industria cultural moi importante mais con grandes eivas que poden lastrar o seu futuro. Hai unha excesiva dependencia do mercado escolar e paraescolar (libros de texto, dicionarios, cadernos, lecturas de prescripción obrigada tanto infantís como adultos...) do cal tamén adoece en boa medida a rede libreira. A incertidume sobre o emprego do galego no ensino tampouco contribúe a un clima positivo para a nosa edición; non obstante, tamén hai indicios positivos de cara ao futuro como sen dúbida pode ser o caso da literatura infantil e xuvenil, na que Galicia é referente imprescindible tanto pola súa calidade formal como literaria acadando recoñecemento nacional e internacional. Non podemos esquecer que os primeiros lectores constitúen os alicerces da futura masa lectora e por esta banda estamos a abrir un futuro esperanzador.

En xeral o libro en Galicia está nun período que probablemente sexa o mellor da súa historia en canto a cantidade e calidade da producción, con editoriais ben consolidadas e outras abrendo novos camiños sobre todo nos terreos da tradución, pero precisamos seguir a sementar para colleitar no futuro e iso pasa por políticas construtivas de promoción do galego e da lectura mellorando a rede bibliotecaria e a súa dotación, medidas de desenvolvemento e modernización das librarías e facendo unha labor de proselitismo cultural que poña en valor a importancia fulcral do libro e da lectura para a creación da cultura e personalidade de todos e cada un de nós, así como unha ferramenta fermosa para o lecer, unha porta a un mundo de soños e ideas, a un mundo mellor.

A situación do libro en Galicia nin é tan mala como algúns agoiran nin tan boa como podería e debería ser. Queda, iso si, avaliar o impacto neste sensible ecosistema do libro do proceso de dixitalización e o e-book, pero isto xa é outra historia (que daría moito que falar aínda)

Xurxo Patiño Pérez/Presidente da Federación de Libreiros de Galicia

0 comentarios:

Publicar un comentario