Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

“Santiago, capital de Galicia”. (II)

Written By MpDC on 18/4/10 | 11:30

Chegou o momento de que Santiago sexa, tal e como contempla o Estatuto de Capitalidade, a capital de Galicia. Son necesarias políticas que sumen, e non que resten. En caso contrario, quen sae perdendo é a cidadanía, porque as políticas negativas frenan a reactivación económica de Compostela, e por extensión, de Galicia. É necesario un pacto, no que estén implicados axentes políticos, económicos e sociais, baseado na colaboración e non na confrontacion, baseado no benestar da cidadanía e non en intereses de partido.

Colaboración no ámbito académico, cun ensino que se adapte ás necesidades da sociedade compostelá, do seu tecido produtivo e do seu mercado laboral.

Colaboración na aplicación de políticas de innovación e novas tecnoloxías que axuden a aumentar a produtividade e competitividade das nosas empresas, fundamental no crecemento económico. No Concello de Santiago estámolo facendo a través da Rede de Cooperación Local.

Colaboración na aplicación de políticas de inserción laboral para paliar o maior problema ao que se enfronta hoxe a sociedade: o desemprego. O concello de Santiago impulsou e asinou, cos principais axentes económicos e sociais, o Pacto Local polo Emprego, o marco no que se desenvolverán as políticas de emprego do municipio ata o 2011. Nesta ocasión queda por asinar a Xunta de Galicia, que sí apoiou, hai catro anos, o Plan de Acción Local polo Emprego. Nos dous anos que estivo vixente, este plan, pasouse, das 6.958 persoas desempregadas que se contabilizaban en xaneiro de 2006, ás 5.572 rexistradas en decembro de 2007.

Colaboración no impulso das nosas infraestruturas. A Cidade da Cultura, programada orixinariamente para ser rematada no 2005 nun primeiro momento, e posteriormente para o 2012, queda agora para o 2021. Pasaron 10 anos. Tan só nos quedan outros 12 e 3 lexislaturas máis. Do que non sabemos nada é do xulgado do mercantil. Que sexa unha preocupación importante dotar a Vigo deste servizo parécenos ben, pero Santiago de Compostela ainda espera que se cumpran os compromisos públicos do presidente, vicepresidente, conselleiro de xustiza e ministro de xustiza dos anteriores gobernos central e autonómico de dotar a Santiago tamén dun xulgado destas características.

Santiago de Compostela é unha cidade acolledora, aberta, comprensiva, xenerosa, solidaria e con visión de país. Nunca demandou, a pesar de estar lexitimada para facelo como capital de Galicia, ser a sede da Delegación do Goberno ou do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou de varias titulacións académicas que nos permitirian ampliar a oferta formativa. Pero en situacións de agravio como a que estamos vivindo, e sen a colaboración necesaria por parte das administracións que teñen as competencias para facer fronte á crise, o primeiro é a cidadanía. Como veño expresando, debemos unirnos e crear un movemento cívico, pacífico pero firme, capaz de defender alí onde faga falla a nosa identidade, o noso papel e os nosos intereses económicos e sociais. Sen ese paso, será moi dificil avanzar como capital de Galicia, como cidade, e como sociedade que debe procurar o seu benestar.

Xosé Manuel Iglesias/ Concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo de Santiago de Compostela

0 comentarios:

Publicar un comentario