Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

“Santiago, capital de Galicia”. (I)

Written By MpDC on 17/4/10 | 11:30

Son concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo de Santiago de Compostela. En anteriores lexislaturas tamén estiven á fronte de Educación, Facenda e Mercados. Levo unha década no Concello. Dez anos caracterizados pola colaboración cos distintos gobernos centrais e autonómicos e coas entidades relacionadas co noso tecido económico e produtivo. Este esforzo conxunto pensando no benestar da cidadanía, fixo que a cidade medrase economicamente, ata acadar, en 2007, a renda familiar máis elevada de Galicia (15.299 euros, fronte á media galega de 13.596 euros), encabezando, xunto á Coruña, o PIB máis alto por habitante das cidades galegas.

Este dinamismo económico estase frenando. É verdade que vivimos unha etapa de crise economica. Pero tamén percibo, como moitos e moitas cidadáns de Santiago, que o tratamento que está recibindo Compostela dende diferentes ámbitos non é o máis adecuado, nen para a capital de Galicia, nen para as persoas que viven na cidade. A concesión do Estatuto de Capitalidade, no ano 2002, marcou un antes e un despois. O documento que acredita a Santiago como capital de Galicia pódese convertir en papel mollado se non se dota de contido e, como está acontecendo en moitos casos, se sigue valeirando a cidade do seu patrimonio colectivo e das características que lle confiren o seu carácter universal, intentando correxir a historia.

Onde queda a referencia de cidade universitaria? Nos últimos anos estase desvirtuando o papel de Santiago como referente académico. Ao reparto de titulacións en detrimento de Compostela, que lle tocou padecer dez anos de sequía, súmase a recente campaña en contra da USC pola facultade de medicina. En vez de apoiar a labor investigadora e docente, cuestiónase, sen rigor, a unha institución cinco veces centenaria recoñecida en novembro pasado a nivel internacional como Campus de Excelencia, precisamente polo proxecto do Campus da Saúde. Unha iniciativa que chega nun momento complicado, cando Compostela está perdendo o peso que tradicionalmente viña mantendo como referencia en ciencias da saúde. E que dicir da dotación de centros superiores de réximen especial. Continuamos coa política de café para todos…, menos para Santiago: os conservatorios superiores de música están en Vigo e Coruña, a escola superior de danza en Lugo e o centro superior de arte dramático recalou finalmente en Vigo a pesar do compromiso feito público entre o Sr. Fraga e o finado Sr. Casares aló polo ano 2000...

Onde queda a referencia xudicial? Compostela, a pesares da súa capitalidade, non conta con salas vinculadas ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Tampouco se reclamaron, a pesares de estar lexitimada para facelo. É máis. A partires de setembro de 2005 desaparece a posibilidade de que Santiago e a súa área de influencia conten cun xulgado para atender asuntos do Mercantil, a pesar da demanda que existe.

Onde queda a referencia turística? Con Santiago fóra da Expo de Shangai, despois de resultar elexida no grupo de corenta cidades de todo o mundo que estarían representadas; coa decisión de convertir Lavacolla nunha simple terminal dun destino único, a pesar de ser o aeroporto central, o de referencia e o mellor dotado do país; coa ausencia dun recinto feiral, a pesar de que sí existen nas outras seis cidades galegas e en varias vilas do país; é cunha promoción do Ano Santo con escasas referencias a Compostela, non se pode dicir que exista unha aposta polo sector turístico, a pesar de ser un dos motores da nosa economía.


Xosé Manuel Iglesias/ Concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo de Santiago de Compostela

0 comentarios:

Publicar un comentario