Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC solicita á Xustiza que obrigue de novo a Compostela a retirar as súas cámaras ilegais

Written By MpDC on 7/4/10 | 17:52

O MpDC vén de formular conclusións e solicita ao Xulgado Contenciso Administrativo nº2 da Coruña para que dicte sentenza a respecto das videocámaras instaladas na zona vella de Compostela.

Deste xeito, a asociación cumpre o trámite procedimental e resume os principais feitos que se produciron desde que abriu este procedemento contra o Concello de Santiago por todas as irregularidades que cometeu e comete en materia de videovixilancia.

O que solicita, unha vez máis, o Movemento polos Dereitos Civís é que Bugallo retire os dispositivos que vulneran, sistematicamente, uns dos dereitos máis básicos das persoas, como son o dereito á imaxe, á intimidade e á honra.

Ademais, o colectivo considera que, á vista do resumo que segue, está todo máis que claro e resulta evidente o incumprimento continuado da legalidade e os despropósitos contra a cidadanía e contra o propio MpDC.

Cabe lembrar tamén que xa hai unha sentenza que obriga a retirar estes dispositivos e non se pode esquecer tampouco a desobediencia e a desidia coa que actúa o alcalde compostelán ao non acatar as ordes da Xustiza.

Trámites

Como se acredita co Oficio da Delegación do Goberno de 19 de xaneiro de 2009, a Delegación do Goberno en Galiza informa que a renovación da autorización de funcionamento das videocámaras instaladas polo Concello de Santiago de Compostela foi autorizada mediante resolución do Delegado do Goberno en Galiza de data 1 de decembro de 2008, á vista do Informe favorable da Comisión de Garantías de Vídeo vixilancia.

Tal e como consta de manifesto no Oficio da Delegación do Goberno, a instalación das cámaras de vídeo vixilancia na zona monumental de Santiago de Compostela é feito non controvertible, procedéndose a renovación da autorización de dita instalación sen contar cos preceptivos informes esixidos pola lexislación vixente.

En ningún momento a Delegación do Goberno nin o Concello de Santiago de Compostela nos informan da data de solicitude de renovación da autorización da instalación de ditas cámaras de vídeo vixilancia, polo que entendemos, salvado os debidos respectos e sempre en termos de estricta defensa, que o Concello de Santiago seguindo a tónica existente ó respecto en relación coa data de solicitude de renovación de dita instalación que non presentou a mesma en prazo. Basta con ollar a sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 de Santiago en relación coa instalación das cámaras de vídeo vixilancia na zona monumental da cidade Compostelán.

Igualmente para proceder a conceder a renovación de ditas cámaras de vídeo vixilancia, deberán cumprirse os requisitos da Lei 4/97, é dicir, que se manteñan ou aumenten os motivos para cumprir co principio de proporcionalidade, básico e fundamental na instalación deste tipo de artefactos de gravación, que neste caso non se cumpriu.

Dicir tamén que resulta de suma importancia as numerosas contradiccións e erros do Concello neste procedemento, provocando unha enorme inseguridade xurídica, conlevando á nulidade da mesma.

Renovacións

Polo que se refire á renovación da autorización da Delegación de Goberno de Galiza relativa á instalación de seis cámaras fixas no casco histórico da cidade, a pesar de que se concederon ditas autorizacións, vulnerouse o disposto na Lei 4/1997 ó non respetarse o prazo establecido a tal efecto, e concederse dita autorización sete meses despois de que a Comisión de Goberno do Concello de Santiago adxudicara a execución das obras de subministro e instalación de cámaras de TV no casco histórico, polo que como é normal, a renovación da autorización devén nula.

En todo caso, vaia por diante que a autorización por parte da Delegación do Goberno concedeuse o 29 de xullo de 1999, a adxudicación da súa instalación efectuouse o 28 de decembro de 1998, e non é ata o 5 de febreiro de 1999 ,cando o alcalde solicita a súa autorización.

Asimesmo, a dita autorización estaba condicionada á instalación de placas e paneis de informacións ós cidadáns, non procedendo á colocación dos mesmos ata o 22 e 23 de maio de 2000. É dicir, case un ano despois de concedida a autorización, a cal fora concedida por un período de tempo de un ano.

Ademais, o Concello non formaliza até o 3 de agosto de 2000 o libro de rexistro de funcionamento das cámaras, é dicir, máis dun ano despois da autorización da Delegación do Goberno. Queda demostrado, polo tanto, o primeiro ano de funcionamento ilegal das cámaras do casco histórico de Santiago.

Ditas solicitudes renováronse nos anos 1999, 2000 e 2001, se ben foron presentadas fora dos prazos previstos pola Lei Orgánica 4/1997 e no Real Decreto 596/1999, de 16 de abril, polo que se aproba o regulamento de desenrolo da Lei Orgánica 4/1997.

Dito regulamento de execución recolle no seu artigo 10 o procedemento de solicitude das renovacións e instalacións de vídeo cámaras fixas. Conforme a este artigo, no seu apartado segundo establece: “As solicitudes de renovación de aquelas autorizacións que se outorgaran para o prazo máximo de un ano deberán formularse con dous meses de antelación á súa expiración”

O incumprimento do procedemento legalmente establecido para a instalación das cámaras de vídeo vixiancia conleva a un vicio procedimental, o que supón que a autorización da renovación na que se basea o Concello non produza efectos de ningún tipo, debendo o Concello repoñer a situación ó estado previo no que se atopaba con anterioridade da instalación de ditas cámaras.

Non serven para evitar actos vandálicos

Ademais, cabe sinalar, que dende que se instalaron ditas cámaras, producíronse conductas delictivas, como roubos...., e en ningún momento estas serviron para impedir a súa comisión nin para reducir o seu número, nin tan sequera para a identificación dos presuntos culpables, tal e como manifestaron en numerosas ocasións publicamente comerciantes das rúas e prazas onde se atopan estes artefactos de gravación.

Non podemos considerar como válida a renovación da autorización das cámaras instaladas na zona monumental de Santiago de Compostela, pois ó existir un vicio ou defecto de nulidade ab initio, isto provoca que todo o procedemento deveña nulo, e que non poida ser considerada como válida nin que surxa efectos dita renovación.

Cabe lembrar que, como foi declarado na sentenza de 16 de setembro de 2006 polo xulgado do contencioso administrativo n º 1 de Santiago de Compostela, tal e como se levou a cabo o procedemento por parte de dito Concello, evidencia a “pasividade coa que o Concello de Santiago tratou o trámite necesario e obrigatorio do mesmo (á vista está a ausencia de toda documentación no propio expediente).

O MpDC si está lexitimado

Especial referencia merece o disposto no artigo 19.b) da LXCA en relación co anteriormente exposto, en canto que están lexitimados ante a orde xurisdicional contencioso- administrativo, as corporacións, asociacións, sindicatos e grupos e entidades a que se refire o artigo 18 que resulten afectados ou están legalmente habilitados para a defensa dos dereitos e intereses lexítimos colectivos.

Así segundo a doutrina do Tribunal Supremo, o Movemento polos Dereitos Civís goza da condición de lexitimado, e por tanto conta con suficiente lexitimación activa pois como Asociación sen ánimo de lucro en defensa dos dereitos civís, interpón o presente procedemento contencioso- administrativo,esixindo responsabilidade a quen corresponda pola instalación das cámaras de vídeo vixilancia instaladas na zona monumental da cidade compostelán, solicitando que se proceda a súa retirada ó non cumprir cos requisitos legais.

En calquera caso a alegación feita de contrario en canto á falta de lexitimación activa debe ser desestimada, xa que aínda cando poida discutirse a lexitimación da asociación en vía administrativa, esa lexitimación non foi cuestionada nesa vía pola Delegación do Goberno nin polo Concello de Santiago de Compostela, de modo que, seguindo a consolidada doutrina xurisprudencial non se pode negar lexitimación na vía xurisdiccional a quen non se lle negou na vía administrativa.

Cabe sinalar igualmente, que estamos ante unha clara falta de publicidade do procedemento administrativo, vulnerándose por tanto o principio de publicidade, coa que a Delegación do Goberno trata o tema das instalacións das vídeo cámaras, cando sendo unha cuestión que afecta ó interese xeral da cidadanía, debera publicarse no DOG, BOP ou dous dos diarios de maior circulación, para así dese xeito coñecer a realidade existente, e por suposto saber se existe vulneración do dereito á honra ,á intimidade persoal e a propia imaxe, tan controvertidos na actualidade, así como poder exercitar os dereitos de acceso, cancelación, oposición e rectificación. Dese xeito os cidadáns poderían con unha maior brevidade saber que normas rexen ou protexen os seus dereitos, así como terían coñecemento de cal sería a resolución a recorrer con maior rapidez.

É dicir, a Delegación do Goberno, ó ter coñecemento de que o Concello de Santiago de Compostela instala cámaras na zona monumental, debería publicar dita instalación e indicarlle os pasos a seguir para proceder en todo caso, ben a súa legalización ou ben á retirada das mesmas, pois estamos ante unha cuestión de interese xeral, que afecta ós dereitos dos cidadáns que diariamente se moven por dita zona.
Por iso, non ten cabida o disposto no escrito de contestación á demanda cando o avogado do Estado reflexa a ausencia de acto recorrible, pois o MpDC só pode recorrer este Oficio da Delegación do Goberno, xa que é o único medio que ten de coñecer que a instalación de cámaras de vídeo vixilancia instaladas na zona monumental de Santiago de Compostela vulneran o disposto na Lei 4/97 de 4 de agosto, pois se a Delegación do Goberno publicase nun diario oficial ou en dous de maior circulación dita instalación, esta Asociación tería constancia da instalación de ditas cámaras de vídeo vixilancia.

Vulneración do principio de legalidade

En todo caso, a realidade mostra que tanto a Delegación do Goberno como do Concello de Santiago de Compostela vulneran o principio de legalidade , en canto se viola o procedemento legalmente establecido , en concreto o artigo 35 da Lei 30/92; o principio de igualdade ante a Lei, o que provoca unha posición de desigualdade no procedemento administrativo, o principio de seguridade xurídica, pois deste xeito o Movemento polos Dereitos Civís, non ten claro cales son as normas as que aterse, nin como se regula a instalación de vídeo cámaras nos lugares públicos.

En contestación ao disposto polo Concello de Santiago no seu escrito de contestación á demanda, cabe sinalar que en ningún momento o Movemento polos Dereitos Civís presentou ningunha petición, senón unha solicitude de información e acceso á mesma. Deste xeito, dende o momento que a Delegación do Goberno nos informa sobre a resolución de aprobación dunha renovación da autorización da instalación das cámaras de vídeo vixilancia, estanos permitindo recorrer a mesma, por non publicar por ningún medio legalmente habilitado a tal efecto a Resolución que aproba a renovación. Polo tanto, o Oficio de que nos remite a Delegación do Goberno, é un acto administrativo, e como tal recorrible segundo o disposto nas leis administrativas; e unha vez que se recorre, estaríase recorrendo dita Resolución de aprobación de renovación das cámaras de vídeo vixilancia.

Polo que respecta ó que alude tanto a demanda como a codemanda nos seus respectivos escritos de contestación, e concretamente en relación coa suposta falta de lexitimación pasiva , non cabe considera como válida o exposto polas mesmas, pois a Delegación do Goberno é o órgano que ten capacidade para autorizar a renovación da autorización da instalación das cámaras de vídeo vixilancia nas vías públicas e que debe velar porque se cumpra a legalidade vixente imperante na materia, tal e como se desprende do artigo 3 da Lei 4/97 de 4 de agosto.

Así mesmo, o Concello de Santiago de Compostela tampouco pode invocar dita excepción procesual, pois en cumprimento do principio de legalidade vixente concretamente neste caso, no ámbito administrativo, debera previamente á instalación das cámaras de vídeo vixilancia na zona monumental da cidade de Compostela ,solicitar as autorizacións preceptivas para proceder a instalar ditos artefactos de gravación, correspondéndolle a competencia sobre a instalación das cámaras de vídeo vixilancia por ser os edificios desta onde se procedeu á instalación das mesmas.

En todo caso, ningunha das dúas Administracións alegaron ditas excepcións no eido administrativo, e polo tanto a lexitimación ad procesum está máis que demostrada polo que debe decaer dita excepción procesual.

0 comentarios:

Publicar un comentario