Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC continúa a loitar contra Protección de Datos e o seu trato de favor a Unión Fenosa

Written By MpDC on 30/4/10 | 19:32

O voceiro do MpDC, Xosé Renato Núñez Da Silva, vén de interpór un recurso de reposición ante a Agencia Española de Protección de datos logo de que esta lle notificase unha resolución na que se acorda non iniciar procedemento sancionador ademais de informar de que ten previsto arquivar as actuacións.

Para o responsábel do colectivo cabe lembrar que o 12 de novembro de 2008 chamou á compañía Unión Fenosa, solicitando que se procedese a arranxar unha avaría da Urbanización A Ramallosa, no Concello de Teo.

Ante a negativa por parte da devandita empresa de proceder ao solicitado, requíreselle nese mesmo momento copia da gravación das conversacións mantidas; solicitude denegada pola traballadora que nese momento atende á chamada de teléfono.

O 18 de novembro de 2008 enviouse desde a asesoría xurídica do colectivo un escrito a Unión Fenosa solicitando que o interesado acceda aos ficheiros ou soportes de voz das conversacións telefónicas mantidas o mércores 12 de novembro de 2008 coa persoa responsable de atención ao público da compañía. Non recibindo contestación de ningún tipo interpúxose unha reclamación ante a AEPD en base a Lei de protección de datos de carácter persoal.

Máis negativas da AEPD

En novembro de 2009 a AEPD notificou resolución na que se estimaba a reclamación presentada e instaba a UNION FENOSA S.A. para que remitise ao reclamante certificación na que se facilitase o acceso completo aos ficheiros ou soportes de voz. Con todo, nada se sinalaba en relación coas sancións a aplicar á empresa.

Por todo iso cabe cualificar como grave o impedimento e a obstaculización do exercicio dos dereitos de acceso e oposición e a negativa a facilitar a información que foi solicitada, e xa que logo, sancionable coa multa de 300.120,048 euros.

Ademais, sendo como é a Axencia Española de Protección de Datos órgano encargado de velar polo cumprimento da lexislación sobre protección de datos e controlar a súa aplicación, en especial no relativo aos dereitos de información e acceso de de datos, así como órgano encargado de atender as peticións e reclamacións formuladas polas persoas afectadas e de exercer a potestade sancionadora, e debendo estar o ficheiro de Unión Fenosa inscrito no Rexistro Xeral de Protección de Datos esíxese aínda máis o pagamento desa multa.

Non hai que esquecer que en todo momento Fenosa obstaculizou que se obtivesen as gravacións e non é ata un ano despois cando estas se entregan ao dicente, o que leva a unha vulneración evidente da protección de datos.

Igualdade ante a lei

O problema da igualdade proclamada no artigo 14 da Constitución Española pode contemplarse desde dous planos distintos: a igualdade na Lei, ou no trato dado pola Lei, e a igualdade ante a Lei, ou o que é o mesmo a igualdade na aplicación da Lei, supondo que esta segunda cuestión que un mesmo órgano non poida modificar arbitrariamente o sentido das súas decisións en asuntos substancialmente iguais, estando obrigado a razoar e fundamentar, no seu caso, o apartamento que realiza respecto da liña de resolucións precedentes. O problema que se expón é que a AEPD imparte trato de favor a UNION FENOSA S.A. na aplicación da lexislación existente.

Desta situación de desigualdade ante a lei, derívase unha clara violación dos dereitos fundamentais recollidos na Constitución Española. O artigo 18, incluído na sección primeira do capítulo segundo do Título I recolle os dereitos fundamentais e as liberdades públicas. O apartado dese artigo garante o dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe. Ademais, lembramos que o principio de igualdade de trato comporta tamén unha obrigación de transparencia.

0 comentarios:

Publicar un comentario