Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC constata o desinterese da Agencia Española de Protección de Datos sobre os dereitos civís

Written By MpDC on 13/4/10 | 13:22

O Movemento polos Dereitos Civís acudiu onte a unha xuntanza co Director da AEPD, Artemio Rallo, para falar sobre os casos que a asociación ten abertos con eles e trasladarlle ao organismo estatal o seu descontento co funcionamento e as resolucións do mesmo.

Desde o Movemento a xuntanza pódese definir como pouco produtiva, dado que o director da Agencia rexeitou falar dos casos concretos que ten a asociación abertos con ela. O interese do MpDC era coñecer, caso por caso, os problemas que ten a AEPD para poder emitir resolucións nun prazo razoábel, dado que en numerosas ocasións a asociación leva máis dun ano esperando a súa resposta.

Outro dos intereses do Movemento era coñecer a dinámica de traballo da Agencia, é dicir, de canta xente dispoñen para estudar os casos e que factores teñen en conta.

O MpDC atopouse cunha AEPD que se ampara na Lei Orgánica de Protección de Datos para xustificar as resolucións negativas á asociación. Por exemplo, o caso das cámaras da fachada do Consello de contas de Galiza, situado en Compostela, a Agencia respondeu que como o Consello de Contas ten todos os permisos en regra segundo a Lei Orgánica de Protección de Datos e que non se pode demostrar que grazas as gravacións sexan ilegais, polo tanto segundo eles non teñen porque sancionalo.

O Movemento ve nesta xustificación da AEPD, que perfectamente traspoñen a boa parte das nosas queixas, unha maneira de lavarse as mans, xa que a Agencia nas súas respostas e argumentos sempre di que se axusta a lexislación correspondente. Sempre, cando o único que fai é escoitar ao denunciado.

Por outro lado a Agencia xustificou a súa demora nas resolucións por atopárense desbordados ante a cantidade de casos que reciben desde todos os puntos da península. A Agencia conta con tan só 15 inspectores e 21 persoas de persoal para levar a cabo todas as
investigacións en materia de protección de datos a nivel estatal.

Desde o Movemento continuamos a soster a idea de que a AEPD non ten capacidade para poder resolver con efectividade en un prazo razoábel todos os casos que lle chegan. Polo tanto a idea de crear unha Axencia Galega de Protección de Datos segue a ser, a ollos do MpDC, a única solución para desatascar o volume de traballo da agencia estatal e intentar que dese xeito as violacións dos dereitos civís que cada día se comenten no noso país non queden tan flagrantemente impunes como até o de agora.

A xuntanza foi solicitada a instancias de Dereitos Civís debido a que non pode consentir que a insititución encargada de velar pola seguridade e a integridade dos dereitos das persoas actúe dun xeito tan desconsiderado e totalmente deixado no que respecta ao cumprimento
das súas funcións.

O MpDC cre que o propio organismo debía actuar de oficio en todos estes casos nos que se incumpre a lei e nos que os prexudicados son as e os cidadáns. Lonxe de facelo, escorre o vulto e alega poucos efectivos, ademais de amosar un total desinterese e descoñecemento
da asociación cando é unha das que máis traballo lle dá.

Desde logo, na xuntanza a actitude do director da Agencia foi a de situarse detrás da
trincheira coas mans cubrindo a cara para non ver a realidade que o Movemento lle traslada con frecuencia.

Agardamos que este encontro sirva, cando menos, para que agora si nos coñeza e dunha vez quiten esa pesada vendaxe dos ollos para comezar a funcionar de acordo cos seus cometidos e que a cidadanía deixe de ver totalmente descubertos os seus dereitos porque tal e como funciona agora falar de que funciona é falar de máis.

0 comentarios:

Publicar un comentario