Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Neda xa viu rexeitada a súa pretención de instalar videovixilancia

Written By MpDC on 6/4/10 | 11:29




Isto explica que o Concello pense instalalas aínda cando non lles concedan autorización
Esta actitude supón un exemplo nefasto para toda cidadanía

O Movemento polos Dereitos Civís enviou o pasado xaneiro un escrito ao Concello de Neda e mais á Delegación do Goberno solicitando información sobre a intención do dito concello de instalar 15 cámaras de videovixilancia na vila. Este feito fora coñecido pola asociación
grazas a unha noticia que saíu publicada na Voz de Galicia o día 24 de xaneiro de 2010.

O MpDC recibiu a resposta da Delegación do Goberno na que informan da negativa dada ao Concello de Neda ao considerar a instalación non proporcional na súa dobre versión de idoneidade e de intervención mínima -art. 4 en relación co o art. 6 da Lei Orgánica 4/1997-. Polo tanto, o Delegado do Goberno en Galiza mediante resolución de data 6 de xuño de 2007 resolve non autorizar a instalación das videocámaras solicitada polo Concello de Neda orientadas a gravar o entorno do albergue de peregrinos.

Á vista da contestación da Delegación do Goberno e vendo que o Concello de Neda carece dun informe favorable da Comisión de Garantías e tendo na súa contra un informe da Delegación do Goberno, o Movemento vai denunciar a instalación de ditas cámaras de videovixilancia ante a Agencia Española de Protección de Datos. E ademais o MpDC vaille
solicitar ao Defensor del Pueblo que obrigue a Delegación do Goberno e máis ao Concello de Neda a retirar ás cámaras porque non contan con autorización de ningún tipo e carecen dun mínimo de garantías xurídicas para os dereitos á intimidade, honra e propia imaxe
recollidos na Constitución española.

Ao MpDC indígnao enormemente a actitude que ten o Concello de Neda, cando asegura que instalará as cámaras do mesmo modo que o fixo o Concello de Ares, acolléndose non a outra lei que non sexa “a lei da selva”, actuando por conta propia de costas á legalidade e á
cidadanía. Recordamos que o Concello de Ares xa fora denunciado polo MpdC por instalar cámaras de videovixilancia sen os permisos pertinentes. Deste xeito, o Movemento non entende como o Concello de Neda se atreve a instalar cámaras de videovixilancia sabendo que é ilegal e que os concellos que o fixeron xa foron denunciados. A asociación preguntase se a xustiza e as administracións son tan febles e incapaces de facerse respectar como para que os propios concellos as ignoran e fagan o que lles vén en gana, lonxe de cumprir coa
legalidade. Son un bo exemplo para a cidadanía?

E máis o MpDC está convencido de que este é o exemplo que están dando as administracións ao non sancionar as instalacións ilegais das cámaras dedicadas a videovixilancia: fomentan entre os concellos a instalación de cámaras sen control, co resultante abuso e consecuente vulneración os dereitos á intimidade e á honra das persoas.

Ademais, a efectividade das cámaras, a súa adecuación para o fin perseguido polo Concello, está moi en entredito dados os resultados acadados noutras vilas galegas. Así, as cámaras non servirían para evitar a comisión de actos vandálicos, senón unicamente e no mellor dos casos para identificar aos autores, sempre que estes non opten pola sinxela medida de ocultar os seus rostros. Cómpre insistir en que a vídeo-vixilancia é unha medida extrema, a utilizar en casos moi concretos, e non está prevista pola Lei coma substituto da presenza policial. E ademais esta demostrado que a presenza de cámaras pode desprazar as infraccións e delitos a outros lugares.

Cabe que lembrar que as cámaras que quere instalar o Concello, por “vixiaren” a vía pública están sometidas á Lei 4/97 de videovixilancia. Isto implica que o dispositivo debe ser instalado e xestionado por Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e, en ningún caso por outros funcionarios municipais ou persoal de empresas privadas.

0 comentarios:

Publicar un comentario