Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

GALIZA SECUESTRADA

Written By MpDC on 1/4/10 | 11:30

Ao longo do tempo foise creando unha imaxe do que é Galiza como pobo, como nación. Unha imaxe condicionada pola experiencia colectiva vivida no pasado, e que pesa sobre a idea que temos de nós mesmos e sobre as perspectivas que temos para afrontar o futuro
No caso galego, esta imaxe non sae de nós mesmos, como consecuencia dun reiterado fracaso colectivo ao longo do tempo que nos impede accedermos a calquera outro camiño que o que semella predestinado para nós. Non é froito da acumulación de limitacións e incapacidades. É, polo contrario, consecuencia dos séculos de desprezo, xenreira e arrogancia, dos vencedores sobre os vencidos, convertidas na nosa condición lóxica, normal e natural de seu, en parte do noso ADN colectivo.

Para a demostración que Galiza non tivo nunca capacidade de se valer por si mesma, a amnesia foi inoculada para nos faceren esquecer até as cousas máis simples e aparentemente sen importancia. Se non temos consciencia de existirmos no pasado, non é posíbel tela no presente. Négasenos, xa que logo, o dereito de sabermos quen somos e mesmo a nos facer preguntas sobre o pasado que podan contribuír a unha explicación do noso estado actual.

É a letanía constante e repetida sobre a que se quer construír a falsa realidade de Galiza, como dixera Novoneyra, recóllote da historia estás borrosa.

Para demostrar isto non é necesario irmos aos grandes acontecementos da nosa historia. Non é necesario que nos preocupemos por desvelar grandes misterios, nin que elaboremos grandes hipóteses co obxectivo de contruirmos unha teoría da nosa existencia como nación.

Podemos ir simplesmente ás explicacións que se nos dan aos cidadáns normais sobre cuestións relacionadas coa actualidade máis que nos remiten necesariamente ao pasado.

Collamos por caso o Camiño de Santiago, tan promocionado e sinalado. Calquera observador actual pensaría no mellor dos casos, cos datos que se ofrecen por parte das institucións, que foi a primeira grande corredoira de Europa, pola que practicaban sendeirismo un señores disfrazados de San Roque. Como Galiza nunca tivo un pasado normal, é de loucos pensar que puido ser unha das grandes vías de comunicación terrestre cara un dos centros de decisión do occidente medieval.

Un outro exemplo. Utilizando hai pouco tempo unha guía de castelos e torres de Galiza, coa intención de sabermos algo máis nunha visita a unha destas numerosas construcións tan abundantes como ocultadas e descoñecidas no noso país, puidemos comprobar na lectura que a diferenza dos famosos castelos escoceses habitados por pantasmas e ánimas en pena, os castelos galegos están deshabitados, mais os mouros, pantasmas, santos e santas están na súa orixe, e son promotores directos da súa construción. Quen, por que e cando se levantaron estas fortalezas e símbolos de poder? Ficamos sen resposta. Habendo unha boa meiga, desas que tanto abondan nestas terras, que se quite unha explicación rigorosa.

Non é só que a historia a escriban os vencedores edulcorando ou manipulando os feitos para a súa maior gloria, é que ademais os vencedores como norma xeral ocúpanse de eliminar calquera vestixio, mostra ou lembranza que poda ficar do vencido. Non chega con gañar hai que arrasar con todo. Esta é desde logo a mellor maneira de eliminar o contrario, borrar a súa memoria, perigosa por ser parte da súa conciencia. No mellor dos casos á memoria permíteselle ficar como residuo anecdótico e pintoresco sen máis interese, mais por tras agóchase a intención demostrar a natureza inferior do vencido.

Así nos explicamos o pouco interese que hai nunha recuperación efectiva do patrimonio que permita achegar ao público un coñecemento sobre a nosa historia, por pequeno que for.

Cómpre rescatar Galiza do secuestro da súa historia. Recuperarmos a lembranza e a memoria é condición necesaria para que a nosa imaxe, a que temos sobre nós, mais tamén a que teñen outros, sexa a real e non a creada tras séculos de submisión.

Aparentemente hoxe no mundo hai máis acceso á información, á opinión e ao debate que nunca, grazas aos medios que proporcionan as novas tecnoloxías. Até onte Galiza ficaba fóra desa posibilidade. Desde onte Galiza dá un paso máis na súa historia e ten unha ferramenta para opinar, falar, debater desde esta Terra e desde este Tempo.

Marcos Maceira/membro da AC O Galo

0 comentarios:

Publicar un comentario