Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Fredi Bea terá que permitir ao Club Piragüismo Ogrobe usar as instalacións do Concello

Written By MpDC on 14/4/10 | 13:14

O xulgado contencioso administrativo nº1 de Pontevedra vén de adoptar unha medida cautelar que permite ao Club Piragüismo Ogrobe empregar as instalacións municipais e gardar alí os seus materiais para “evitar graves prexuízos ao club” mentres non se resolve o procedemento.

Por fin chega algo de luz ao descabellado periplo polo que os e as deportistas de alto nivel deste club están a pasar. Malia a que continúa a batalla legal emprendida polo MpDC contra o Concello para conseguir que este recoñezca e solucione todas as irregularidades levadas a cabo contra o dito club deportivo, a Xustiza entende que a entidade deportiva debe continuar a empregar as instalacións do Concello, feito para o que conta con todos os permisos legais.

O pasado verán, Alfredo Bea García e José Cacabelos Rico, concelleiro de Deportes e alcalde, respectivamente do Concello do Grove, ordenaron o cambio do bombín da pechadura da porta que lle daba acceso ás instalacións que tiña o Club Piragüismo Ogrobe no pavillón Náutico de Deportes do Grove. Por mor destes feitos os membros do Club Piragüismo Ogrobe víronse obrigados a ter que abandonar as instalacións deportivas e a transportar diariamente as embarcacións nos vehículos xerando unha situación de incertidume para os deportistas e de tensión nos adestramentos.

O conserxe do pavillón Náutico de Deportes do Grove, foi o encargado de comunicar aos membros do clube a orde dos políticos de abandonaren as instalacións e o conseguiente cambio de pechadura. Os membros do club deixaron dentro da súa parcela parte do seu material, como piraguas, remos, ferramenta para o seu mantemento, cabaletes para apoiar as piraguas, chalecos e material de ximnasio, entre outros.

Este material non foi devolto aos seus propietarios e no seu momento o MpDC reclamou por vía legal a devolución do seu material, entendendo que a expulsión do pavillón non segue o procedemento legalmente establecido.

O concelleiro tamén é o responsable da irregular orde de dar baixa no REDIM ao Club Piragüismo Ogrobe. A asociación leva inscrita no REDIM desde o 1997 e cada ano realizando cumpridamente os trámites necesarios para a súa renovación no mesmo sen ningún problema. A implicación persoal que ten o concelleiro co mundo do piragüismo fai sospeitar de cales poden ser as razóns reais do acoso que está a sufrir o Club Piragüismo Ogrobe, que dende fai un ano e por mor de todos estes incidentes está a ver como os seus deportistas non poden gozar dun bo adestramento.

Ademais a asesoría xurídica do colectivo indica que o Alfredo Bea tamén vulnera sistematicamente o principio de boa fe, polo que dúas partes teñen unha fe recíproca en que cada unha delas fai ben o seu cometido. A dita presunción destrúese cando existe proba en contrario, como é neste suposto que a Concellería de Deportes esixe documentación ao recorrente que non é precisa para a súa renovación no REDIM.

Entre outros, o principio de igualdade ante a lei tamén é vulnerado polo municipio grovense, pois o Concello non está actuando en posición de igualdade co Club Piragüismo Ogrobe coma co resto de asociacións ou de clubes, intentando esta administración local en todo momento danar a imaxe do recorrente.

O Movemento polos Dereitos Civís solicita novamente a devolución do seu material deportivo ao Club Piragüismo Ogrobe, como tamén a nulidade de pleno dereito da resolución do Concello do Grove onde se acorda dar de baixa no Redim ao clube e se dicte resolución na que se acorde que o clube pode continuar inscrito no dito rexistro.

0 comentarios:

Publicar un comentario