Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Volven pedir que o MpDC pague para que se cumpla a lei

Written By MpDC on 11/3/10 | 11:19

Se non se pagan 25000 euros, o Concello de Santiago non terá que cumprir a sentenza que obriga á habilitación dos peches das obras para a comunicación social, medida que non supón ningún gasto e que non se cumpre en todo o Concello.

A Xustiza vén de dar a razón ao MpDC, se ben, volve condicionar o cumprimento da mesma a un desembolso económico. Lembramos -unha vez máis- que o Movemento polos Dereitos Civís é unha asociación sen ánimo de lucro que cumpre unha función crucial para a cidadanía. Neste caso a cantidade que debería pagar o MpDC ascende a 25.000 euros. Segundo o Xulgado do Contencioso nº1 de Santiago, por prexuízos.

Este xulgado estima a solicitude presentada no seu momento polo colectivo no que respecta a que o Concello de Santiago incumpre a súa propia ordenanza de publicidade estática. A denuncia do Movemento produciuse ante o que considera unha “inactividade” do Concello ao non colocar paneis destinados a información de entidades ou facelo en lugares pouco transitados. E o peor é que sistematicamente aducen a que si están colocados, feito que nunca demostraron.

Á marxe diso, o Concello tampouco controla que os promotores inmobiliarios deixen espazos nos valos de obras para as comunicacións como estipula a dita ordenanza. En cambio, mentres o Concello incumpre no que respecta á colocación de paneis e no que ten que ver cos espazos para a comunicación cidadá, os axentes da Policía Local si se encargaron de seguir e identificar as persoas que pegaban carteis. Até se impuxeron as sancións contempladas na ordenanza aos responsables das entidades, organizacións ou entidades que anunciaban eventos por medio da colocación de carteis.

No artigo 4 da citada ordenanza determínase que se habilitarán soportes na via pública, en lugares frecuentes e en número suficiente para posibilitar a colocación de carteis ou anuncios. Se ben o rexedor achega documentación que evidencia a instalación de paneis, o propio xulgado recoñece o que tanto tempo leva denunciando o MpDC, que o Concello non acredita que se cumpran as condicións necesarias para considerarse cumprida a ordenanza, como son que se sitúen en lugares frecuentados e que sexan en número suficiente.

Dese xeito, a Xustiza entende que se debe executar de maneira provisional a sentenza aínda que alega uns “prexuízos” polos que o MpDC debería pagar 25.000 euros. Este suposto prexuizo que “se lle poden provocar á parte desfavorecida pola execución provisional” é a colocación dos propios paneis, que non son suficientes. Pero, sorprendentemente, se non se pagan os 25000€, o Concello non terá que cumprir a parte da sentenza que o obriga á habilitación dos peches das obras para a comunicación social, medida que non supón ningún gasto e que non se cumpre en todo o Concello.

Novamente, a pesar de perder as sentenzas e autos, Bugallo queda de novo amparado pola Xustiza mentres que Movemento e cidadanía volven ficar desamparados por un sistema xudicial que esixe o pago de importante cantidades económicas para cumprir as sentencias. Nin Bugallo se preocupa por cumprir coas ordenanzas das que el mesmo se dota nin se preocupa cando unha asociación lle recorda -polas boas- que o faga e cando o fai por medio da Xustiza tampouco. Para que o vai facer, se vai ter sempre o respaldo das administracións?

Desde logo, o agravio ao que se acaba de ver sometida a asociación súmase ao que sufriu recentemente coa execución provisional doutra sentenza, curiosamente, contra o mesmo concello, neste caso polas cámaras ilegais que ten instaladas na zona vella. Cando a xustiza vai ser xusta? se pregunta o MpDC.

0 comentarios:

Publicar un comentario