Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Os xogos populares en Galicia, perspectivas de futuro (I)

Written By MpDC on 21/3/10 | 10:08

Os xogos populares son parte da cultura dos pobos, aprendidos mediante a transmisión oral. En cada rexión teñen uns trazos característicos, en estreita relación co medio que os rodea.

Aprender, educar, relacionarse… as funcións dos xogos, desde a infancia ata a idade adulta atinxen as necesidades vitais do ser humano, polo que posúen un gran valor sociocultural que vai máis alá dos aspectos lúdicos.
Non é doado facer un reconto e clasificación exhaustivos da totalidade dos xogos populares de Galicia, pero en calquera caso, a lista sería ampla. Sintetizando, os máis populares tradicionalmente son a chave, os bolos de madeira ou birlos, a porca, a estornela ou billarda, o xogo da ra, o aro, o peón ou buxaina, o tiro de corda, a comba, as bólas, a mariola, os zancos, pai-fillo-nai, as carrilanas…
É evidente a profusión e riqueza de xogos populares e tradicionais no noso país, xa que logo, sería moi proveitoso idear proxectos de conservación e divulgación.

A situación dos xogos populares en Galicia
En canto aos xogos populares dirixidos aos nenos e nenas, a situación mellorou nos últimos anos debido a iniciativas de diferentes asociacións e centros de ensino. Recuperáronse espazos dos patios escolares para a súa práctica, e adicóuselle tempo á promoción e divulgación, con iniciativas como a creación de O Día do Peón. Algunhas asociacións colaboran estreitamente coas escolas. Por exemplo, a AGXPT ten un calendario de visitas a centros de toda Galicia durante o curso escolar. Brinquedia, a Rede Galega de Xogo Tradicional puxo en marcha nos últimos cinco anos os Encontros Escolares de Xogos Tradicionais, e promove cursos e publicacións. Ademais, existen outras infraestruturas de salientable función educativa e cultural: o MUPEGA en Santiago, “O Palao” en Ourense, o Museo do Xoguete en Allariz…
A respecto dos xogos dirixidos ao público adulto, carecen de recoñecemento social suficiente, polo que sería necesario un maior pulo garantido polas autoridades para atinxir o lugar que lles corresponde. Son os xogos de máis raizame na nosa cultura os que teñen un apoio popular máis sólido. Poderiamos citar uns poucos exemplos concretos: O Concello de Xove, organiza dende hai 20 anos Tiradas de bolos tradicionais, nun intento de recuperar este xogo autóctono. Amigos da chave de Ferrolterra, tamén fai torneos anualmente. Contamos cunha Liga nacional de billarda (O Varal, Lugo). A Liga galega de traiñeiras segue unha longa tradición. O Clube de Loita Galega A Cambadela realiza competicións periodicamente…

Lidia Barreiro Felpeto
(Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, www.agxpt.org)

0 comentarios:

Publicar un comentario