Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC saúda os futuros cambios en materia de seguridade vial

Written By MpDC on 29/3/10 | 13:43

O Movemento polos Dereitos Civís vén de coñecer as conclusións das xornadas anuais da Fiscalía de Seguridade vial en Santiago de Compostela. Destacan a relacionada cos menores e a cintura de seguridade, os puntos do carné, as bandas, badéns e resaltos e a conservación do vehículo. Se esta lei se aplica ao cento por cento, a proteción das persoas vai aumentar, feito valorado moi positivamente polo colectivo.

A fiscalía actuará contra os condutores en caso de accidente con lesións ou falecemento dun menor por non levar a cintura de seguridade ou outro elemento de retención posto. Polo tanto haberá unha acción penal contra o condutor por homicidio ou lesións imprudentes como recolle o Código Penal, se un menor resulta ferido ou falece por non levar suxeción.

O MpDC apoia este tipo de melloras no sistema fiscal porque aínda que sexa coa ameaza da prisión, todo é pouco para que a xente se conciencie de que os cativos teñen que ir ben suxeitos ao asento do coche porque son os que primeiro sofren calquera golpe. Ademais a
lóxica indefensión dos rapaces e a súa incapacidade para saber que teñen que levar posta a cintura de seguridade, obriga aínda máis aos adultos a protexelos.

Por outra parte, os fiscais abordaron a responsabilidade dos funcionarios que non dan parte á Dirección General de Tráfico da detracción de puntos do carné a condutores en pequenos concellos. Isto supón unha discriminación entre os cidadáns dos distintos municipios e por iso é necesario que os concellos se legalicen nesta materia e sexan conscientes da importancia que supón ser estritos nas penalizacións, afirma o Movemento.

Outro aspecto que o MpDC quere destacar das xornadas de seguridade vial é a situación das bandas transversais, badéns e resaltos antiregulamentarios que en moitas ocasións producen accidentes polo seu mal mantemento ou colocación. A pintura empregada na sinalización das estradas en moitas ocasións acaba sendo material deslízante co rocío, choiva e polo tanto convertese nun grande risco para os condutores. Outro problema vial son os bordes e as ramplas, que carecen de señalización previa é que dificultan a circulación. Desde a fiscalía de seguridade vial colaborarán coas administración competentes para corrixir as deficiencias desta índole e levaranse a cabo penalizacións se non se modifican os obstáculos.

Por último o Movemento faise eco da futura nova norma que penalizará os condutores que non teñan o seu coche en adecuadas condicións. Moitos dos accidentes que se producen nas nosas estradas suceden porque os vehículos non están en óptimas condicións. Ben é certo que a crise obriga a aforrar e a moitos condutores cústalles moito pasar a ITV, pero dende o MpDC considérase que perder a vida por non ter o coche en condicións é un drama. A fiscalía é consciente dos problemas económicos da cidadanía e por iso comprometese a axudar aos que teñen menos recursos para arranxar o seu coche. Por outro lado os condutores que teñan un sinistro e causen unha morte por un fallo nos frenos ou nos neumáticos do seu coche, poderán ser acusados de homicidio imprudente. Desde o MpDC vense todas estas medidas como un apoio a seguridade colectiva.

0 comentarios:

Publicar un comentario