Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC pregúntase como pode caer tan baixo o Concello de Vedra

Written By MpDC on 24/3/10 | 11:57

O Movemento polos Dereitos Civís vén de recibir a resposta do Concello
de Vedra a respecto do recurso contencioso-administrativo interposto
contra o dito Concello logo de que o 2 de setembro de 2009, o
consistorio denegase á concelleira-portavoz do grupo municipal do BNG,
Xosefina Guitián Lema, o acceso á fotocopia do convenio asinado entre
a Alcaldía de Vedra e o pintor Modesto Paz Camps.

A resolución presentada polo Concello de Vedra alega que á concelleira
nunca se lle negou o acceso ao convenio con Modesto Paz Camps, na
medida en que sempre puido acceder ao mesmo, as veces que o estimou
oportuno e polo tanto non entenden cal é o motivo para querer a súa
fotocopia. Ademais segundo eles Xosefina Guitián “non pode pretender
ter ao seu dispór” os funcionarios municipais “converténdoos nos seus
asistentes persoais” e “facendo as fotocopias indiscriminadamente”.
Volven alegar non coñecer o interese que pode ter Xosefina no convenio
e por iso lle denegan o acceso á información solicitada.

Desde o MpDC non se entende como unha institución pode emitir esas
declaracións cando un dos cometidos da función pública é precisamente
ese, o de tirar copias dos escritos. Ademais, a obstrución do acceso a
documentos municipais é algo moi serio para que o Concello emita
razóns tan peregrinas e baleiras de contido sobre a acción dun grupo
municipal que ten como obxectivo sacar á luz o clientelismo do
consistorio co artista Paz Camps.

Desde o Movemento interprétase que as alegacións remitidas polo
Concello de Vedra continúan a atentar contra a liberdade da
concelleira de poder acceder aos convenios e fotocopiar o que vexa
conveniente ou necesario para estudar calquera problema do concello.
Ademais, que os funcionarios municipais fotocopien os convenios non
significa que se convertan nos asistentes persoais de ninguén.

Dereitos Civís non entende como pode caer tan baixo o Concello de
Vedra e intentar deslexitimar o labor de esclarecemento dun grupo
político cando debera ser a propia institución municipal a que dera
contas e, preguntada polo dito asunto, acceder a rectificar o convenio
que limita o uso dun edificio a un único pintor.

Convenio con Modesto Paz Camps

O Concello de Vedra ten firmado un convenio co pintor Modesto Paz
Camps polo que se cede a administración do edificio, propiedade do
concello, a este pintor, e polo que se regulamenta o funcionamento
deste museo.

Desde o grupo político do BNG de Vedra cren que o funcionamento deste
museo nos anos de vixencia deste convenio non xustifica o mantemento
do mesmo nos termos en que está redactado. Ao respecto cren que
instalacións destas características nun concello como Vedra poderían e
deberían dedicarse a unha actividade cultural máis diversa, a maiores
da exposición dun só pintor, tendo en conta o déficit de locais
sociais e culturais que hai aínda no concello e, en concreto, na
parroquia de San Fins.

0 comentarios:

Publicar un comentario