Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC denuncia que as forzas e corpos de seguridade pisen, unha vez máis, o dereito de manifestación

Written By MpDC on 25/3/10 | 12:02




O Movemento polos Dereitos Civís denuncia e condena a desproporcionada e intolerábel intervención por parte dos antidisturbios na facultade de xeografía e historia de Santiago onte á tarde. Coa súa desautorizada actuación os axentes quixeron impedir que os alumnos se manifestasen contra o máster de profesorado xurdido da reforma do CAP co Plan Boloña.

O MpDC expresa a súa solidariedade cos estudantes da USC por mor da
desproporcionada actuación da Policía no interior da facultade, que se
dedicou a identificar os alumnos polo simple feito de se concentraren
de xeito pacífico, dereito recollido na Constitución e polo tanto de
libre exercicio pola cidadanía. Todo isto produciuse sen a petición
por parte das autoridades da universidade compostelá.

A manifestación estudantil atopábase ao abeiro do paro convocado en
Xeografía e Historia para protestar polos cambios xurdidos co novo
plan de estudios, coñecido como Plan Boloña. Os gravísimos feitos de
onte encádranse dentro da acción represiva desenvolvida polas forzas
de seguridade con motivo da visita do profesorado participante na
conferencia “Universidades emprendedoras: nuevos modelos”, organizada
no marco da Presidencia española da UE.

É sorprendente ver como os antidisturbios irrompen impunemente nunha
facultade, onde existe a liberdade de expresión, e comezan a
identificar as persoas que soamente están exercendo o seu dereito á
manifestación. Este feito lembra ás actuacións policiais acontecidas
na ditadura franquista e non a un país que viva en democracia. Desde o
MpDC critícase enerxicamente este despregue de forzas e corpos de
seguridade co fin de controlar aos participantes na concentración, non
se sabe moi ben para que, mais sospéitase que para intimidar e, de
novo, “meter medo” para que se desista na acción.

O MpDC tamén alerta que este feito atenta contra a liberdade de
expresión, xa que unha parte do estudantado veu coartado ese dereito
ao impediren a súa posibilidade de manifestar publicamente unha
opinión. A todas luces, unha actuación policial deste calado merece
ser explicada pola Policia, xa que estamos asistindo a un abuso da
autoridade e a unha privación das liberdades e dos dereitos das
persoas intolerábel en calquera sociedade.

Cantas veces máis imos ter que asistir a este tipo de violacións dos
dereitos civís sen que as institucións e autoridades pertinentes
poñan, dunha vez, a lei por diante e se respecte as persoas?

0 comentarios:

Publicar un comentario