Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC condena a detención totalmente desproporcionada de varios responsábeis da CIG

Written By MpDC on 10/3/10 | 13:33

O Movemento polos Dereitos Civís amosa a súa máis enérxica repulsa á detención este martes do Secretario comarcal da CIG-Servizos de A Coruña, Salvador Cerqueiro, que foi conducido á Xefatura Superior de Policía, retido e fichado, sen que en ningún momento se lle explicasen as razóns de tal actuación. Acaso volvemos á represión dictatorial?

Ao respecto, o colectivo vén de pedir explicacións á delegación e á inspección de persoal da policía a través de sendos escritos. Visto o despregue policial e o desenvolvemento dos feitos parece que esteamos sumidos nun Estado policial ou que volveramos atrás no tempo e estas detencións se practicasen nos tempos da ditadura de Franco.

Cabe lembrar tamén que, lonxe de practicar a detención de Cerqueiro, a policía procedeu á identificación de dous delegados desta central que participaban nunha concentración diante da Xefatura, mentres que ao Secretario Nacional da Federación tomáronselle os datos por ser “susceptíbel” de ter cometido algún acto delituoso. O MpDC non pode senón denunciar esta violación dos dereitos fundamentais lesados ademais sen ningún tipo de xustificación.

Os feitos iniciáronse onte cunha chamada da policía ao secretario comarcal da CIG-Servizos para solicitarlle que acudira á comisaría durante a tarde do martes, aínda que sen aclarar os motivos de tal citación. Cando esta tarde Salvador Cerqueira comunicou que non acudiría á citación porque tiña unha reunión nunha empresa, “non pasaran nin cinco minutos cando apareceu unha parella de axentes na porta da miña casa para levarme á comisaría”, afirmou o sindicalista.

Non obstante, os axentes non comunicaron ao afectado en ningún momento os motivos da detención, sinalando soamente que esta acción tiñan a ver co conflito nas instalacións deportivas, procedendo á apertura dunha ficha de identificación, así como á súa retención durante máis dunha hora. Neste senso, cabe lembrar que a detención do secretario comarcal da CIG-Servizos prodúcese horas despois do acordo entre patronal e sindicatos e da suspensión da folga indefinida.

Pouco despois da saída de Cerqueiro da Xefatura, a policía chamaba a dous delegados sindicais que participaban na concentración de repulsa á detención do responsábel de Servizos para identificalos en relacións a feitos acontecidos durante a folga de instalacións deportivas, comunicándolles que serán chamados polo xulgado. Asimesmo, o Secretario nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido, tamén foi identificado de xeito “preventivo”.

De novo e ante estas actuacións desproporcionadas e propias dunha ditadura e non dunha democracia, o MpDC non pode senón reiterar a súa condena máis firme ademais de lembrar que fai escasamente dúas semanas os corpos e forzas de seguridade cargaron sen ningún tipo de motivo e de xeito brutal contra os mesmos traballadores de Instalacións Deportivas, sen esquecer o esperpento que tamén protagonizaron os policías cando entraron a retiar uns “mecos” que colgaban nas fiestras do instituto de Celanova.

O Movemento solicita que as administracións conctactadas respondan ante estes feitos e alerta da indefensión á que se atopa sometida a cidadanía por parte dos corpos e forzas de seguridade, que actúan sempre en connivencia coas institucións públicas e contra os intereses da sociedade cando se trata de temas ou cuestións contrarias ao “poder establecido”.

2 comentarios:

Nemigo dijo...

parece un caso de detención ilegal
Que se presente na comisaria? Por? Que manden unha citación por escrito e vas se che peta. Só o xuzgado che pode "obrigar" a ir a algún sitio. A policía non é quen de obrigar a ninguén a ir a ningures
Denuncia no xuzgado e xa se verá

Virgulino dijo...

No caso do Partito Popular, despois de que lle pegaran a Bono, os policías tiveron que presentarse perante a Xustiza e foron condenado.

Publicar un comentario