Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC celebra que a Xustiza resolva ao seu favor en relación ás cámaras de San Xosé Obreiro

Written By MpDC on 15/3/10 | 14:05

O Movemento polos Dereitos Civís vén de coñecer a resolución do
Xulgado contencioso-administrativo nº 2 da Coruña en relación ás
cámaras de videovixilancia instaladas no CEIP San Xosé Obreiro de
Arteixo.

O xulgado dalle a razón ao MpDC dado que as dúas cámaras de
videovixilancia estaban instaladas sen autorización, as grabacións
eran controladas polo conserxe do centro e tampouco existía letreiro
algún que alertase da presenza das mesmas. Todo isto supón unha grave
infracción da Lei de protección de datos de Caráter persoal e vulneran
dereitos básicos como o da imaxe, á honra e á propia intimidade dos
alunmos e profesores do centro.

O Movemento celebra que, unha vez máis, a Xustiza entenda a
importancia que ten velar polo dereito á imaxe, á honra e á intimidade
dos cidadáns. É a Xustiza que ten que dar exemplo esixindo a todo tipo
de institucións o feito de respetar e cumprir coa lei, sobretodo no
que respecta á proteción de datos, materia aínda descoñecida pola
maioría dos cidadáns.

Os antecedentes

Con data de 14 de maio de 2008, o Movemento polos Dereitos Civís envía
escrito á Delegación do Goberno en Galiza a través do cal solicitaba,
entre outras cousas, que se acreditase a legalidade das cámaras
instaladas nos exteriores do dito centro de ensino, así como que se
procedese á retirada das mesmas. Máis tarde, o MpDC foi informado da
presentación dun recurso contra a presunta desestimación da solicitude
formulada ao CEIP San Xosé Obreiro para proceder á retirada das
cámaras de vídeo vixilancia instaladas nos exteriores do dito Colexio
en Arteixo (A Coruña).

Xunto coa retirada, o MpDC solicitou no seu momento a nulidade de
pleno dereito da presunta desestimación por silencio administrativo da
resolución do CEIP San Xosé Obreiro, na cal se denegaba a solicitude
do Movemento polos Dereitos Civís en relación coa instalación das
cámaras de vídeo vixilancia nos exteriores das súas dependencias ao
omitirse o trámite procedimental imperante no eido da instalación das
cámaras na vía pública. Ademais, o colectivo pide tamén a condena en
costas da Administración demandada.

Proporcionalidade

É necesaria unha proporcionalidade, é dicir, que só se poidan empregar
vídeo cámaras cando resulte adecuado para unha situación concreta para
o mantemento da seguridade cidadá. Ademais, a Lei tamén esixe o
principio de intervención mínima, ou o que é o mesmo, que exista
ponderación entre a finalidade perseguida e a posible afectación pola
utilización da vídeo cámara aos dereitos á honra, propia imaxe e
intimidade.

Polo tanto, non cabe dúbida de que a instalación de cámaras nun lugar
seguro como o dito centro de ensino de Arteixo -ao non existiren datos
policiais que amosen indicios de alta delincuencia ou criminalidade
nin vandalismo- é unha medida desproporcionada para o fin perseguido
que incumpre, polo tanto, cos parámetros fixados pola lei.

En caso de seren instaladas con finalidade intimidatoria -entendemos
que de acordo coa legalidade vixente- a autorización da instalación
debería realizarse con anterioridade a súa colocación, como sucede
neste caso.

0 comentarios:

Publicar un comentario