Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC amósase novamente contrario ás denuncias irregulares interpostas por corpos policiais

Written By MpDC on 22/3/10 | 14:04

O Movemento polos Dereitos Civís vén de coñecer que membros da organización Agir da provincia de Lugo recibiron sancións administrativas por obstrución da vía o pasado 26 de decembro. Segundo os afectados, estes atopábanse circulando polo Concello de Curtis en dirección Santiago de Compostela para asistiren ao partido da Selección Galega de fútbol, cando a Guardia Civil lles dá o alto nunha gasolineira, onde lles tomaron os datos e foron cacheados..

Hai que aclarar que no Concello de Curtis se atopa a presión de Texeiro e ese mesmo día producíase unha marcha nos arredores da dita prisión pedindo a liberación dun preso, polo tanto o despregue policial na zona era importante.
A Guardia Civil entendeu que os membros de Agir se dirixían á marcha en favor da liberación do preso e son denunciados por “obstaculizar unha vía e concentrarse na entrada
da prisión” cando nin tan sequera se achegaron ao centro penitenciario.

Desde o MpDC non se entende como a Guardia Civil pode denunciar sen control e sen ter un mínimo de información, baseándose unicamente na orientación política das persoas. O Movemento considera que a presenza casual dos membros de Agir polas estradas do Concello de Curtis non é motivo para relacionalos directamente coa marcha acontecida na prisión de Texeiro. Os gardas teñen que efectuar as denuncias de xeito que se correspondan coa realidade e non acusar a terceiras persoas porque supostamente cumpren o perfil de participantes nesa serie de actos.

O Movemento polos Dereitos Civís defende o dereito á presunción de inocencia que temos todos os cidadáns e que neste caso concreto teñen ,como cidadáns, os membros de Agir. A Guarda Civil vulnerou este dereito xa que unicamente fixo atención ao expediente policial dos mozos e non comprobou durante a marcha se realmente estaban ou non presentes. Outro dos dereitos vulnerados neste caso é a liberdade de expresión, porque aínda que non é o caso, se os rapaces quixesen asistir a marcha poderían, dado que como cidadáns temos dereito a manifestarnos.

Desde o MpDC pídeselle máis profesionalidade ás forzas de seguridade á hora de emitir denuncias e menos control policial. O que non poden as forzas e corpos de seguridade é intimidar, como segundo os membros de Agir afirmaron, preguntando por que un dos denunciados levaba unas botas vermellas.

As forzas e corpos de seguridade están a exercer un control propio dun estado totalitario -feito denunciado reiteradamente por esta asociación- no que calquera disidencia coas institucións é reprimida ou castigada “exemplarmente”. No caso que nos ocupa, uns rapaces que transitaban por unha estrada e pararon a repostar combustíbel foron obxecto de denuncia simplemente por pensar diferente. Para o MpDC este abuso da forza é outro claro exemplo da impunidade coa que actúan os corpos policiais e que tantas veces denunciou o MpDC.

0 comentarios:

Publicar un comentario