Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Xustiza volve solicitar a Bugallo que xustifique o cumprimento da súa ordenanza

Written By MpDC on 8/2/10 | 12:16

O Movemento polos Dereitos Civís vén de coñecer que o Xulgado Contencioso-administrativo número 1 de Compostela lle volve requerir a Sánchez Bugallo un informe detallado sobre os 18 paneis informativos que -supostamente- ten instalados na cidade de Compostela.

O xulgado fai responsábeis a Sánchez Bugallo e a concelleira de non asumir a súa competencia nesta materia e considera que o escrito e a documentación que enviaron non responde ao precisado anteriormente e por iso esixe novamente ao Concello que proceda a dar efectivo cumprimento ao requerido.

O MpDC descoñece porque o Concello de Santiago non xustifica dunha vez onde ten instalados ou gardados os 18 paneis informativos que mercou fai uns meses e tampouco entende cal pode ser o motivo real para non cumprir coa súa ordenanza municipal e coa xustiza que lle está a esixir que presente simplemente a documentación que informe sobre o seu cumprimento da lei.

Ao Movemento indígnalle pensar que unha administración como o Concello de Santiago, que aproba unha lei para dar cabida a publicidade social, á hora da verdade non só non a cumpra, senón que tamén se nega a asumir que non a está a cumprir e refuxiase en vanas xustificacións.

Desconfianza

Cando o xulgado nº 1 de Santiago comparou o informe presentado polo MpDC e o informe presentado pola xefa do servizo de contratación e servizos comunitarios do Concello de Santiago comezou a desconfiar do cumprimento da Ordenanza Municipal de Publicidade Estática e Dinámica por parte do Concello.

A desconfianza da Xustiza ante o Concello chega a tal punto que o xuíz solicita, por segunda vez, que o informe conteña fotografías que ilustren e verifiquen a real localización dos paneis e mediante elas comprobar que se cumpren todos os puntos da ordenanza.

Ademais o Xulgado tampouco cre que os promotores das obras estean a cumprir co establecido no artigo 4 da ordenanza, que obriga ás empresas que realicen obras na cidade, a instalar un espazo nos seus paneis para que os cidadáns poidan colocar calquera elemento de comunicación social, por esixe un informe detallando o grado de cumprimento das mesmas.

A que agardan?

Por outra banda, o Movemento polos Dereitos Civís esixe de novo que o Concello santiagués cumpra co establecido no artigo 4 da súa propia ordenanza e obrigue ás empresas que realicen obras na cidade a que instalen un espazo nos seus paneis para que os cidadáns poidan colocar calquera elemento de comunicación social que consideren oportuno.

Desde o Movemento lembramos que Sánchez Bugallo aprobou aprobou a norma municipal o 25 de novembro de 2004, que no seu artigo 4, establece que: “o Concello habilitará na vía pública, en lugares frecuentados, soportes adecuados e en número suficiente para posibilitar a colocación de carteis ou anuncios. Ademais os promotores de obras habilitarán espazos específicos nos valados de protección das mesmas para a colocación de carteis ou anuncios. Estes espazos estarán perfectamente identificados e, en todo caso, deberán figurar en lugar visible o rótulo espazo destinado á comunicación social”.

0 comentarios:

Publicar un comentario