Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC leva un ano agardando pola resolución da AEPD sobre as cámaras de Urbaser en Redondela

Written By MpDC on 11/2/10 | 13:13



Case un ano despois o Movemento polos Dereitos Civís segue a agardar a resolución da Agencia Española de Proteción de Datos sobre a irregular instalación de cámaras videovixilancia na empresa de recollida de lixo Urbaser. Mentres, as traballadoras e traballadores da empresa seguen a ver lesados os seus dereitos á intimidade e á propia imaxe.

Desde o MpDC recordamos que a empresa de recollida de lixo Urbaser instalou cámaras de vídeo-vixilancia na nave-garaxe que ten en Redondela. Ante tales feitos, o Movemento solicitou á empresa que informase sobre o grao de enfoque ou ángulo de visión das cámaras situadas no exterior da nave de Redondela e pediu ademais á dita empresa o cumprimento da normativa imperante tanto en materia laboral coma de proteción de datos. A finalidade dos dispositivos é, segundo a propia empresa afirmou, a de vixiar os seus traballadores colocando unha no interior da nave e outra no exterior. Segundo os datos
proporcionados ao Movemento, a cámara exterior está enfocando un campo bastante amplo, que inclúe uns 5 metros de beirarrúa, o arcén e un dos carrís da N-550.

Ademais, tal e como puido saber o Movemento, as cámaras foron instaladas o 26 de febreiro de 2009 aínda que o feito de estaren colocadas e funcionando se deu a coñecer días mais tarde aos traballadores. Segundo o artigo 33 da Lei de Prevención de Riscos
laborais, a empresa ten que informar da instalación de novas tecnoloxías en relación coa seguridade e a saude laboral, feito que aconteceu posteriormente á colocación.

O Movemento polos Dereitos Civís quéixase de que, ante unha evidente irregularidade por parte da empresa Urbaser, na instalación das cámaras de videovixilancia, a AEPD aínda non emita ningunha resolución a pesar de que, segundo a dita institución, aprecian a existencia de indicios susceptibles de motivar a imputación por infracción.

Desde o MpDC entendemos que a Agencia ten que seguir uns procedementos para chegar a dictar unha resolución, pero cremos que un ano é unha demora desproporcionada para realizar as actuacións de inspección pertinentes e avaliar as irregularidades cometidas por Urbaser e que están a sufrir en primeira persoa as e os traballadores da empresa que
ven como os seus dereitos son vulnerados sen que as insititucións responsábeis do cumprimento da Lei fagan nada por llelos restablecer.

Asistimos nas últimas datas a un auténtico proliferar destes dispositivos de control, instalados a miúdo sen as garantías imprescindíbeis para os dereitos dos cidadáns. O Movemento polos Dereitos Civís invita de novo a organismos e empresas a adecuarse en
primeiro lugar á lexislación existente, e a reflexionar, ademais, sobre a necesidade real de empregar un medio tan agresivo en lugares non particularmente perigosos. Deberá ser, por outra banda, a propia administración a que tome medidas para garantir que este novo e desmesurado culto á seguridade non acabe lesionando os dereitos dos cidadáns.

O MpDC lembra, ademais, que se ha de respectar de modo rigoroso oprincipio de proporcionalidade, é dicir, que as cámaras se instalen e se usen cando sexa a medida máis idónea para os fins que se perseguen, ademais de lembrar que non poderán usarse estes medios para fins distintos dos propios de control laboral nos espazos indispensábeis para tal obxectivo tendo en conta, claro está, o dereito á propia imaxe dos traballadores e traballadoras da empresa.

0 comentarios:

Publicar un comentario