Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC critica a Xunta por non se axustar á Lei de transparencia

Written By MpDC on 12/2/10 | 9:59

O Movemento polos Dereitos Civís constata que o goberno da Xunta non
cumpre coa Lei de transparencia que se aprobou no 2006, durante o
goberno do bipartito e que Feijóo asegurou cumprir na campaña
electoral. O web creado para colocar nel os concursos públicos e
outras informacións de interese á cidadanía -co que se daba
cumprimento á Lei- non se está a actualizar.

A vulneración á igualdade ante a lei vén dada porque unha das
finalidades deste corpo lexistlativo son os contratos públicos. De
feito, o artigo 10 da lei di: “1. Os órganos de contratación das
entidades comprendidas no ámbito de aplicación desta lei daranlles aos
operadores económicos un tratamento igualitario e non-discriminatorio
e actuarán con transparencia. 2. Nos procedementos de contratación en
que, de conformidade coa normativa de contratos públicos, sexa
preceptiva a publicación de anuncios de licitación, o órgano de
contratación publicará, con carácter complementario, un anuncio na súa
páxina web no cal se indicará o obxecto do contrato, o seu prezo, a
referencia do diario oficial en que se publicou o anuncio, a data de
remate do prazo de recepción de ofertas ou solicitudes de
participación e o lugar onde estas deberán ser presentadas, así como
os pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas”.

Se os contratos públicos non se fan públicos ou non se lles dá a
suficiente publicidade, atopámonos con adxudicacións directas a
empresas. Isto supón unha grave vulneración do dereito de igualdade
ante a lei, porque todas as empresas que potencialmente poden optar ao
concurso público perden esa oportunidade de traballo porque a Xunta
adxudícalle ese traballo a empresas determinadas.

Ao Movemento dóelle a deixadez que ten a Xunta ante a lexislación,
ante a cidadanía e ante a propia Xunta. O goberno recoñece, de cara á
galería, a importancia dunha lei de transparencia para facer efectivo
o dereito dos cidadáns e da sociedade civil a coñecer a actividade da
administración e favorece o control da legalidade e oportunidade das
decisións administrativas, pero aá hora da verdade non o fai efectivo.
Entón por que mantén a vixencia desta lei?

Xa que logo, o Goberno galego vulnera de xeito alarmante o dereito á
información ao incumprir una lei creada expresamente para comunicar á
cidadanía sobre os dereitos e sobre os recursos aos que poden optar.
Precisamente a lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas
prácticas na Administración pública galega, no seu artigo 4º fala do
dereito das persoas á información: “as persoas teñen dereito a
solicitar e obter información sobre os aspectos da actividade
administrativa das institucións e órganos mencionados no artigo 1
desta lei que afecten aos seus dereitos e intereses lexítimos. A
devandita información poderá ser de carácter xeral ou particular e
comprende así mesmo o acceso aos arquivos e rexistros a que se refire
o artigo 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común”.

A lei de transparencia e boas prácticas deberíana respetar a
administración pública galega, a consellería de presidencia, as
administracións publicas e a xustiza. Esta lei obriga publicitar a
través da web da Xunta toda a información relacionada coa actividade
administrativa da Consellería no sentido que a propia lei establece,
como por exemplo obriga a publicitar as remuneracións dos asesores ou
os contratos públicos e convenios que subscriba a Administración
autonómica.

Desde o MpDC denunciamos que unha institución como é a Xunta de Galiza
que ten que servir de exemplo de honestidade e legalidade ao resto de
institucións, vexa danada a súa imaxe por incumprir unha lei que,
precisamente pretendía garantir a transparencia e a eficacia da
organización na xestión pública.

Coma sempre, os grandes prexudicados son os cidadáns que unha vez máis
ven vulnerados os seus dereitos máis básicos. Neste caso aínda é máis
doente porque a cidadanía estaba respladada por unha lei que dicía que
ía “fomentar e favorecer a participación da cidadanía nos asuntos
públicos e no deseño e mellora dos servizos públicos. Proporcionar e
difundir información constante, veraz, obxectiva e clara sobre a
actuación do sector público autonómico.

0 comentarios:

Publicar un comentario