Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC condena a actuación policial contra uns “mecos” en Ourense

Written By MpDC on 19/2/10 | 13:50


O Movemento polos Dereitos Civís foi coñecedor de que varios deputados do BNG presentaron unha iniciativa no Parlamento sobre a actuación da policía no centro de ensino secundario de Celanova, onde uns "mecos" colgados das fiestras aludíann ao posible traslado do centro e foron retirados nunha manobra policial totalmente fóra de lugar. Neste sentido, o Movemento polos Dereitos Civís cría que xa o tiña visto todo en actuacións policiais desproporcionadas, se ben esta resulta sorprendente.

É coñecido que os centros de ensino organizan actividades arredor do entroido. No IES de Celanova unha destas actividades versou sobre a actualidade que rodea o traslado do centro pero a Policía Local e posteriormente a policía adscrita "procederon a contactar co equipo directivo para intentar a retirada dos bonecos, segundo parece debido a unha denuncia”, tal e como informou o Faro de Vigo na súa edición de Ourense.

É sorprendente que se empreguen os corpos de seguridade para impedir unha actividade de Entroido nos centros educativos, feito que lembra máis á ditadura franquista que a unha democracia. Desde a asociación critícase enerxicamente este despregue de forzas e corpos de seguridade cuxo fin foi retirar uns bonecos dun edificio.

Parece, aos ollos do Movemento, que a finalidade desta acción puidera ser a de intimidar a cidadanía para que cese nas críticas ao traslado do centro, feito que, de ser certo, sumaríase á longa lista de despropósitos cometidos polos corpos policiais contra todo aquilo que poida desestabilizar as decisións tomadas polas administracións.

Ademais, o MpDC tamén cre que este feito atenta contra a liberdade de expresión, xa que unha parte da sociedade se veu privada deste dereito ao censurarse a súa posibilidade de manifestar publicamente unha opinión. A todas luces, unha actuación policial deste calado merece ser explicada no Parlamento, xa que estamos asistindo a un abuso da autoridade e a unha privación das liberdades e dos dereitos das persoas intolerábel en calquera sociedade.

1 comentarios:

Xesús Rodríguez dijo...

O memso que durante a dicatadura franquista que tampouco permitira as manifestacións criticas do antroido

Publicar un comentario