Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC alerta de que Correos fai traballar a un funcionario con muletas

Written By MpDC on 23/2/10 | 14:03




O Movemento polos Dereitos Civís vén de coñecer a vergoñenta decisión do director territorial de Correos, que denegou a prórroga da licenza da baixa médica a un funcionario de Correos de Santiago, polo que hoxe tivo que repartir os paquetes con muletas.

O Movemento denuncia publicamente tan grave vulneración dos dereitos máis fundamentais do traballador de Correos, que logo de sufrir dous accidentes laborais, atopábase de baixa. Malia a todo, hoxe, a empresa Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, S.A deulle a alta, xa que os funcionarios de Correos teñen que solicitar ao sétimo día de baixa unha licenza, que dá a propia empresa, para continuar con ela.

A negación desta baixa e a conseguinte obriga de facer traballar a esta persoa sen estar nas condicións óptimas para exercer o seu labor, supoñen un delito contra a súa saúde e benestar. Ademais, supoñen un empeoramento na calidade do servizo que presta correos, porque é obvio que unha persoa con muletas non pode facer ben e con rápidez o seu traballo.

Esta política de denegación de baixas por criterios economicistas non só afecta aos funcionarios de Correos, que ven mermada a súa calidade de vida laboral, senón que tamén afecta aos usuarios de empresa que reciben un servizo de baixa calidade, levado a cabo por persoas con problemas de saúde.

Desde o MpDC agardamos que a Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, S.A reflexione e entenda que mediante o abuso de poder e a constante vulneración dos dereitos dos seus traballadores non solucionará os problemas económicos que teñen derivados da entrada das empresas privadas no sector da correspondencia, senón que fomentan o empeoramento do servizo que levan a cabo os seus traballadores, lesando xa primeiro os seus dereitos como traballadores.

Máis queixas

Nas pasadas eleccións ao Parlamento Europeo dous traballadores da Sociedade Estatal Correos e Telégrafos S.A foron designados membros da mesa electoral correspondente no Centro de Tratamento Automatizado de Correos en Lavacolla (Santiago de Compostela). Os traballadores aínda non veron reoñecidos os seus dereitos e seguen sen desfrutar da
redución da súa xornada de traballo de cinco horas, que marca a Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral.

O Real Decreto 503/2007, que regula a prestación dos servizos postais, abriu as portas á suspensión do reparto a todas as vivendas situadas a máis de 250 metros dunha estrada convencional, tendo os veciños que recorrer a un buzón comunitario. E por último salientar que segundo datos recentemente divulgados por un sindicato estatal, o recorte de empregos de Correos na Galiza foi de preto de 200 postos de traballo nos últimos anos, o que afectou especialmente as zonas rurais.

Desde o Movemento pedimos ás administracións competentes que tomen cartas no asunto e solucionen os problemas que sofren os traballadores de Correos, que por extensión, son tamén os nosos problemas.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

onde estará o límite?

Anónimo dijo...

Pois o límite está en que un señor que ten a alta médica para traballar, non ten que estar cobrando baixa, por muleta que merque...basta xa de defender a xente que se aproveita do sistema...caraduras hainos en todos os lados, e nestes momentos onde o traballo escasea, deberiamos perseguilos e non exaltalos..

Publicar un comentario